"Demostrou o perigo que para a sociedade representa como funcionario": Fiscalía rexeita indultar un condenado no caso Retablo

A casa reitoral de Paraños e a súa finca en 2003, antes de que o técnico da Xunta despois condenado comezase a utilizala CC-BY-SA Praza Pública

“Non existe razón ningunha para concederlle o indulto”, di o ministerio fiscal ante a petición de perdón dun dos empregados públicos que recibiu subornos por repartir obras de restauración

“Non existe razón ningunha para concederlle o indulto parcial solicitado respecto á pena de inhabilitación imposta”. Así vén de pronunciarse a Fiscalía ante a Audiencia Provincial da Coruña tras a petición de indulto do ano que lle resta de inhabilitación para emprego público formulada por un dos dous funcionarios condenados por suborno en 2017 no caso Retablo de corrupción con arte sacra, Carlos Gómez-Gil Aizpurúa. 

O condenado, que admitiu el mesmo a súa culpabilidade a cambio de rebaixa nas penas, pediu o perdón para volver traballar nun museo estatal fóra de Galicia. Pero a Fiscalía, como a asociación de veciños de Paraños, en Covelo, que destapou o caso, rexéitao argumentando, entre outras cuestións, que o condenado “demostrou coa súa comisión a perigosidade que para a sociedade representa ao exercer como funcionario público sen atender os seus deberes de lealdade coa administración”.

Escrito da Fiscalía de oposición ao indulto solicitado por un dos funcionarios condenados no caso Retablo CC-BY-SA Praza Pública

O caso Retablo destapouse en 2009, despois de que veciños de Paraños descubrisen que Gómez-Gil, que agora mudou o seu nome, tentaba vender en internet a que fora a casa reitoral da parroquia por 680.000 euros tras mercarlla á Igrexa por só 60.000 euros. A investigación revelou como Gómez-Gil, funcionario de carreira do Ministerio de Cultura que traballou para a Xunta entre 2004 e 2009, e José Manuel Pichel, arquitecto que tamén traballaba para a Administración galega, facilitaban contratos a empresas implicadas na trama e decidían que obras de restauración de bens eclesiásticos se executaban a cambio de diversas compensacións persoais.

“O delito polo que resultou condenado é un delito grave, que supón o ataque a bens xurídicos tan importantes como a boa marcha da administración, sendo neste caso a conduta merecedora de maior reproche dada a súa condición de funcionario", di a Fiscalía

O caso saldouse en xuño de 2017 cunha condena por acordo de todas as partes na que Gómez-Gil foi sentenciado pola Audiencia da Coruña a dous anos de cadea, inhabilitación para emprego público por seis anos, o comiso de 103.000 euros e unha multa de pouco máis de 2.000 euros. O condenado non entrou en prisión a cambio de non volver delinquir, pero segue tendo vixente a inhabilitación para emprego público, da que xa cumpriu cinco anos e réstalle outro

Hai un mes Praza.gal revelou que Gómez-Gil vén de pedir o indulto do tempo que lle resta para volver traballar nun museo estatal fóra de Galicia. O condenado quéixase da "pena de banquillo" que sufriu e de que as informacións sobre el impídenlle atopar outro traballo. Pero a opinión que agora vén de emitir a Fiscalía é contraria ao indulto.

Detalle da reitoral de Paraños que destapou o caso Retablo antes da súa restauración CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín

O ministerio público comeza o seu escrito, con data do 21 de xuño, lembrando que “o indulto non é un dereito do condenado, senón unha gracia ou privilexio que se concede ao penado, e en todo caso unha excepción á aplicación da norma penal”. A Fiscalía engade que “o delito polo que resultou condenado Carlos é un delito grave, que supón o ataque a bens xurídicos tan importantes como a boa marcha da administración pública, sendo neste caso a conduta do autor merecedora de maior reproche, dada a súa condición de funcionario público, polo que non existe razón algunha para concederlle o indulto parcial solicitado respecto á pena de inhabilitación imposta”.

Ao perdón tamén se opuxo a representación da veciñanza de Paramos, que advirte da mensaxe que lanza á sociedade un indulto dun condenado por corrupción

Malia que a defensa do condenado asegurou na petición do indulto que ademais de pagar a multa tamén asumira as responsabilidades civís, a fiscal di no seu escrito, como outro dos motivos para non aceptar a súa solicitude, que “non fixo fronte á responsabilidade civil derivada destes feitos” e que “non reparou o dano causado”. Por último, a fiscal quere no seu escrito “insistir en que o ben xurídico protexido polo tipo penal obxecto da condena, o bo funcionamento da administración pública, vese especialmente afectado por condutas como a do acusado, que se valeu da súa actividade como funcionario público para a comisión destes feitos, tal e como proba a sentenza ditada, circunstancia esta que debe levar a opoñerse á concesión desta medida de graza”.

Tamén en contra do indultou se manifestou xa ante a Audiencia da Coruña a representación da veciñanza de Paraños cun escrito no que que argumentou que “se a institución do indulto, en xeral, é cuestionable doutrinalmente, aqueles concedidos aos reos por corrupción son directamente improcedentes, polos desgraciados efectos que producen tanto na sociedade coma nos potencialmente corruptos, que se decatan de que a xurisdición penal é un obstáculo vencible e que a cadea non é lugar para persoas de certo estatus económico, político ou social, senón para os cidadáns marxinalizados”.

Sentenza da Audiencia da Coruña que en 2017 condenou por suborno a Gómez-Gil co acordo de todas as partes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.