O biogás acende protestas no rural: entre a xestión de residuos e as dúbidas medioambientais

Concentración en Soandres (A Laracha) contra o proxecto de instalación dunha planta de biogás © BNG

Nos últimos meses están a reproducirse en varias comarcas mobilizacións sociais contrarias a instalación de plantas de biogás. De Curtis á Laracha, de Abadín a Agolada pasando por Xunqueira de Ambía, Mazaricos ou Lugo

Nos últimos meses están a reproducirse en varias comarcas mobilizacións sociais contrarias a instalación de plantas de biogás. De Curtis á Laracha, de Abadín a Agolada pasando por Xunqueira de Ambía, Mazaricos ou Lugo. Actualmente, Galicia conta con oito instalacións de biogás rexistradas como xestores de residuos, dúas delas en granxas (en Dumbría e Cospeito) e outras asociadas principalmente a industrias, co obxectivo de aproveitar e xestionar os residuos que xeran: Estrella Galicia, Coren, Calvo, Norvento, Agroamb ou a depuradora de Bens na Coruña.

No outono pasado a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou investimentos de 200 millóns para apoiar a posta en marcha de oito novas instalacións, entre as que figuran algunhas das que veñen xerando controversia nestes devanditos lugares. As plantas de biogás son moito menos numerosas en España do que noutros países europeos, como Alemaña ou Italia (aínda que nestes casos están maioritariamente ligadas a unha granxa concreta) e polo tanto semella existir un gran potencial de crecemento e de negocio. Porén, este non estaría necesariamente en Galicia, pois  o seu desenvolvemento vencéllase moitas veces á existencia de macrogranxas de gandaría intensiva, pouco frecuentes no noso país.

Planta de biogás no Reino Unido © https://www.host-bioenergy.com/

No outono pasado a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, anunciou investimentos de 200 millóns para apoiar a posta en marcha de oito novas instalacións

As plantas de biogás son instalacións (grandes, de tipo industrial, ou pequenas, de autoconsumo) que transforman residuos orgánicos (xurros, lodos, restos alimentarios, vexetais ou animais) en gas, xerando metano e dióxido de carbono, que posteriormente se poden empregar para producir electricidade, calor ou biometano. Pódense obter tamén fertilizante (dixestato, aínda que o seu uso é polémico e é criticado por grupos ecoloxistas). Na parte positiva, estas plantas contribúen á xestión de residuos e á redución da contaminación por nitratos e de emisións contaminantes, ao empregar unha fonte renovable. 

Porén, as críticas veciñais e de grupos ecoloxistas alertan tamén sobre o potencial impacto negativo de cheiros degradables e a emisión de gases contaminantes. Advírtese igualmente de hipotéticos riscos para os acuíferos e para a calidade das terras de cultivo. Tamén se alerta do posible aumento do tráfico de vehículos pesados necesarios para o transporte da materia orgánica e, en xeral, do prexuízo paisaxístico que unha instalación industrial pde ter para a contorna natural e a afectación que poden ter para outros sectores.

Estas plantas poden contribuír á xestión de residuos e á redución da contaminación por nitratos. Porén, as críticas veciñais e de grupos ecoloxistas alertan sobre cheiros degradables e a emisión de gases contaminantes, de riscos para os acuíferos e para a calidade das terras de cultivo e do aumento do tráfico de vehículos pesados necesarios para o transporte da materia orgánica

O Bloque, por exemplo, trasladou as dúbidas que na Limia esperta entre os produtores de patacas a planta prevista en Xunqueira de Ambía. O debate chegou ao Parlamento galego, onde fronte ás críticas do BNG o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, defendeu que "todas as instalacións de biogás que existen ou se pretendan instalar en Galicia compren unha estrita tramitación ambiental". Trenor cargou contra o BNG, asegurando que “non vai parar ata que paralice todo proxecto que se pretenda implantar na Comunidade galega, con bulos, escraches e campañas de acoso". E apostou por "garantir o equilibrio entre o impulso ás enerxías renovables e a creación de riqueza e emprego co respecto ao medio ambiente e a saúde pública”.

Aínda no último debate de política xeral, celebrado hai dúas semanas, o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, volveu sacar o tema, afirmando que "fronte a aposta do PPdeG polo avance das enerxías renovables, hai un BNG que non quere nin eólicos nin hidráulica nin biogás".

Na cámara, os nacionalistas insistiron na urxencia de establecer un marco normativo que regule a distancia das plantas respecto ás vivendas (o BNG reclama unha distancia mínima de tres quilómetros en relación aos núcleos habitados), o tamaño das instalacións e a xestión dos residuos, medidas que o PP "rexeita sen argumentos científicos". "Aquí estamos para regular proxectos industriais estratéxicos que afectan á calidade de vida da cidadanía, e vostedes veñen a falar sen aportar solucións", lamentou a deputada do Bloque Montserrat Valcárcel.

Recollida de sinaturas contra a planta de biogás prevista en Xunqueira de Ambía © Macroplanta de Biogás na Límia Non

"En países como Alemaña ou Francia, o biogás desenvólvese maioritariamente a través de pequenas plantas integradas nas propias granxas ou xestionadas por cooperativas locais", destacou  Galicia Ambiental, que en cambio advirte de que "o modelo que se promove en Galicia baséase en grandes instalacións centralizadas, dependentes dun constante tránsito de camións cisterna"

Hai que dicir que no movemento ecoloxista non existe un rexeitamento absoluto ás plantas de biogás, que poden ser de grande utilidade para a xestión de grandes cantidades de residuos orgánicos, por exemplo os xurros xerados por instalacións intensivas, como as granxas de porcos existentes na Limia. Pero alértase sobre o efecto negativo de creación de macroplantas en lugares onde non existe este volume de residuos e que polo tanto só buscarían un beneficio económico, con pouca ou nula repercusión nese mesmo lugar. 

"En países como Alemaña ou Francia, o biogás desenvólvese maioritariamente a través de pequenas plantas integradas nas propias granxas ou xestionadas por cooperativas locais", destacou nesta análise a asociación Galicia Ambiental, que en cambio advirte de que "o modelo que se promove en Galicia baséase en grandes instalacións centralizadas, dependentes dun constante tránsito de camións cisterna que transportan xurros e outros residuos orgánicos, incluídos lodos industriais, a través da rede viaria rural. Os custes por emisións de CO2 son un problema engadido e non avaliado".

“Os gandeiros do Deza, Limia, Terra Chá... non necesita que ninguén lle ‘xestione o residuo’; necesita terra para abonar e, se acaso, axudas para montar o seu propio dixestor e vender el a súa enerxía. Todo o demais é espolio disfrazado de ecoloxismo. O xurro é do gandeiro. A enerxía, tamén debería selo", di Galicia Ambiental

En definitiva, unha "boa idea" que convertida nun negocio pode traer máis prexuízos medioambientais que beneficios. Na súa última asemblea xeral, celebrada hai unhas semanas, ADEGA reclamou "planificación previa e con participación social" das condicións nas que instalar plantas de biogás no rural galego como fonte de enerxía renovable.

Galicia ambiental tamén advertiu de que "o problema do excedente de xurro non é accidental, senón consecuencia directa dunha política de autorizacións ambientais permisiva en exceso" pois "durante anos, a Xunta de Galicia autorizou ampliacións e novas explotacións intensivas sen esixir unha base territorial suficiente, incluso en comarcas que a propia administración recoñece como saturadas desde o punto de vista ambiental".

“Os gandeiros do Deza, Limia, Terra Chá... non necesita que ninguén lle ‘xestione o residuo’; necesita terra para abonar e, se acaso, axudas para montar o seu propio dixestor e vender el a súa enerxía. Todo o demais é espolio disfrazado de ecoloxismo. O xurro é do gandeiro. A enerxía, tamén debería selo", conclúese neste senso dende a oposición a estes proxectos.

Enriquecemento de empresas "sen beneficio para a poboación onde se asentan"

O BNG defende en Curtis que "fronte a un modelo de espolio do territorio no que se considera Galiza como terra de sacrificio", as plantas deben ser "dun tamaño máis controlado e máis ligado ao noso territorio"

O BNG defende que "fronte a un modelo de espolio do territorio no que se considera Galiza como terra de sacrificio", as plantas deben ser "dun tamaño máis controlado e máis ligado ao noso territorio". "Precisamos dun modelo que aposte por aproveitar os nosos recursos e os transforme en beneficio para a nosa poboación e non aquel que fomenta a creación de novos supostos problemas para o lucro de empresas foráneas", destacou hai uns días nunha charla en Curtis Olaia Ledo, integrante da Executiva Nacional do BNG e responsábel de ecoloxismo.

Neste momento existe un proxecto de instalación dunha planta de Biogás en Teixeiro. O voceiro do Bloque en Curtis destacou nesta xornada que "a veciñanza ten dúbidas e preocupacións ante unhas plantas que non son inocuas, e que ademais teñen un modelo de negocio claramente de espolio de recursos e enriquecemento dunhas empresas privadas sen deixar un beneficio para a poboación onde se asentan".

Concentración contra o proxecto de instalación dunha planta de biogás en Coeses (Lugo) © BNG

Unanimidade en Laracha no rexeitamento á planta

En Laracha o Goberno municipal do PP amosou publicamento o seu "rexeitamento frontal" á planta proxectada en Soandres e alerta do "risco de posibles vertidos ao río Anllóns"

Aínda que é o BNG a formación política que está liderando a oposición á instalación destas plantas en Galicia, en Laracha semella existir consenso na oposición ao proxecto previsto para Soandres. O Goberno local do PP (que conta neste concello cunha ampla maioría absoluta) amosou publicamento o seu "rexeitamento frontal"

O proxecto atópase neste momento en fase de Avaliación Ambiental Integrada e de Avaliación de Impacto Ambiental, na que a Xunta debe solicitar unha serie de informes sectoriais, uns trámites que o Goberno local do PP "espera que non supere". O Goberno municipal alerta do "risco de posibles vertidos ao río Anllóns", da afección a unha mámoa catalogada e dos "cheiros asociados á actividade, que poderían afectar de maneira notable á calidade de vida das persoas residentes na contorna".

A portavoz municipal do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras, manifestou que “desde o BNG da Laracha alegrámonos de que toda a Corporación estea de acordo en dicir non á planta, mais agora agardamos que todos os partidos políticos manteñan a coherencia na súa postura e voten no Parlamento galego o mesmo: a favor dunha regulación que protexa á veciñanza deste tipo de instalacións contaminantes e en contra do espolio da nosa terra por parte de empresas foráneas”.

Na Limia, un proxecto liderado por ENCE

Macroplanta Biogás na Limia NON denuncia que o proxecto "presenta graves riscos para a conservación da fauna e da flora da zona da Lagoa de Antela hoxe protexida dentro da Rede Natura, ademais de graves prexuízos para a saúde e a vida das veciñas nas localidades próximas á macroinstalación"

Na Limia, o proxecto previsto en Xunqueira de Ambía e impulsado por ENCE leva meses espertando unha forte oposición en varios concellos. A plataforma Macroplanta Biogás na Limia NON denuncia que o proxecto "presenta graves riscos para a conservación da fauna e da flora da zona da Lagoa de Antela hoxe protexida dentro da Rede Natura, ademais de graves prexuízos para a saúde e a vida das veciñas nas localidades próximas á macroinstalación". O colectivo alerta dos cheiros que emiten este tipo de instalacións, do enorme volume de residuos a tratar (166.000 toneladas/ano) e dos vertidos ás augas nunha área inundable e nunha comarca de augas contaminadas por nitratos que ten pendente a declaración de Zona Vulnerable.

A documentación xustificativa do proxecto que someteu a información pública incluía datos ambientais para outra planta de biogás impulsada tamén por Ence en Zamora, no municipio de Santovenia, a 200 quilómetros de distancia. Semanas despois, a empresa presentou a documentación corrixida.

Faixa contra a planta de biogás proxectada en Agolada © STOP Biometano Agolada

Abadín, dous proxectos para un concello "ao que non lle sobran residuos de orixe animal"

 "Abadín, cun modelo de gandaría de granxas extensivas e familiares, non precisa deste tipo de plantas. Trátase dun concello ao que non lle sobran residuos de orixe animal e, polo tanto, unha planta deste tipoloxía tería que depender de xurros e esterco xerados noutros concellos", alerta o SLG

En Abadín Moeve (a antiga Cepsa) promove dúas plantas de biometano para as que a compañía remitiu á Consellaría de Medio Ambiente solicitudes de autorización ambiental integrada e avaliación de impacto ambiental ordinaria. 

A veciñanza que se opón ao proxecto e entidades coma o Sindicato Labrego Galego subliñan que "Abadín, cun modelo de gandaría de granxas extensivas e familiares, non precisa deste tipo de plantas". "Trátase dun concello ao que non lle sobran residuos de orixe animal e, polo tanto, unha planta deste tipoloxía tería que depender de xurros e esterco xerados noutros concellos", alerta o SLG. "Se realmente existe un problema de xestión de xurros e estercos en Galiza a cuestión radica en que as granxas non teñen suficiente superficie agraria para xestionalos", engade o sindicato.

Tres proxectos no Deza, cunha grande oposición veciñal en Agolada

"Non podemos permitir é que ademais de peores servizos teñamos que soportar unha contaminación atmosférica e odorífera similar ou superior á das cidades, e que cando abramos a xanela no canto do perfume da vexetación asolaguen as nosas casas e os nosos pulmóns cheiros nauseabundos", di Stop Biometano Deza

A comezos do pasado ano a empresa Agrolamas, S.L., vencellada á aseguradora Mapfre, solicitou informe de compatibilidade urbanística para a instalación dunha planta de biometano no municipio de Agolada. A oposición veciñal que o proxecto espertou neste concello deu lugar ao nacemento da plataforma Stop Biometano Agolada, que máis adiante mudou o seu nome por Stop Biometano Deza ante a aparición de dous proxectos máis en Lalín en Silleda.

"Non podemos permitir é que ademais de peores servizos teñamos que soportar unha contaminación atmosférica e odorífera similar ou superior á das cidades, e que cando abramos a xanela no canto do perfume da vexetación asolaguen as nosas casas e os nosos pulmóns cheiros nauseabundos. O rural non é un polígono industrial nin un vertedoiro", sinalan dende a plataforma.

Aínda que a comezos de marzo o alcalde de Agolada anunciou no pleno municipal que os promotores da planta de biometano abandonaban o proxecto, dúas semanas despois a plataforma Stop Biometano afirmou de que se tratara dun "bulo" e de que o proxecto continuaba adiante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.