Quizais non teñamos todo o poder, mas si o que máis importa

Recollida de sinaturas contra a planta de biogás prevista en Xunqueira de Ambía © Macroplanta de Biogás na Límia Non

Onte asistín ao pleno municipal de Xunqueira de Ambía. E non fun a única. Aquel salón, estaba cheo de veciñas e veciños que, coma min, decidimos saír do silencio. Non fomos por curiosidade, senón por inconformidade. Porque o que está en xogo é demasiado grande: o noso futuro, a nosa terra e esa forma de vida que herdamos e que agora sentimos ameazada

Onte asistín ao pleno municipal de Xunqueira de Ambía. E non fun a única. Aquel salón, estaba cheo de veciñas e veciños que, coma min, decidimos saír do silencio. Non fomos por curiosidade, senón por inconformidade. Porque o que está en xogo é demasiado grande: o noso futuro, a nosa terra e esa forma de vida que herdamos e que agora sentimos ameazada.

O feito de que tantas persoas acudisen ―é a proba máis clara de canto calou este proxecto de macroplanta de biogás nas entrañas da xente. Xurde da preocupación, si, pero tamén dun algo máis: dunha necesidade de estar presentes, de dicir “aquí estamos” cando outros queren decidir por nós.

Durante a sesión, a tensión facíase sentir. Moitas persoas preguntámonos por que houbo que agardar tanto para convocar este pleno, se xa se sabían moitas das cousas que hoxe nos preocupan e se aínda quedan dúbidas de se esta macroplanta ten algún beneficio.

Que se fixo ata agora? Que se puido facer e non se fixo? E, sobre todo, por que foi necesario un salón ateigado de veciñanza para que se mostrase publicamente o rexeitamento a un proxecto que leva meses facéndose grande mentres o silencio institucional tamén medraba.

Onte quedou claro que Xunqueira non está disposta a calar. Ao saír do Concello sentiuse algo profundo: a conciencia de que non chega con dicir “estamos en contra”, que hai que actuar, reclamar e facerse oír antes de que outros decidan por nós

A sesión amosou non só o fondo rexeitamento social ao proxecto, senón tamén as fendas dunha política que semella reaccionar tarde e por presión, máis que por convicción. As explicacións non disiparon as dúbidas. Aínda que se recoñeceu o malestar, non se percibe unha folla de ruta clara nin valentía política para poñerse á fronte da defensa do territorio. E iso doe: ver como a política se move só cando o pobo empurra, e non antes, cando o dano aínda se pode evitar.

Onte quedou claro que Xunqueira non está disposta a calar. Ao saír do Concello sentiuse algo profundo: a conciencia de que non chega con dicir “estamos en contra”, que hai que actuar, reclamar e facerse oír antes de que outros decidan por nós.

O que precisamos agora é seguridade e acción real, non promesas nin protocolos. Porque o noso futuro —igual que a terra que nos dá de comer— non pode seguir esperando a que a política decida moverse. E, malia todo, non perdo a esperanza. Porque cada voz que se ergue, cada veciña que fala, cada paso que damos xuntas, é xa unha forma de defensa.

Quizais non teñamos todo o poder, mais si o que máis importa: a vontade de non rendernos. E mentres quede esa forza, esta terra seguirá tendo quen a coide.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.