Sostible para eles, devastación para nós

Emprazamento da planta de biogás de Xunqueira de Ambía, nas proximidades da A-52 CC-BY-SA Praza Pública

Nos últimos tempos, o nome de Xunqueira de Ambía comezou a circular en titulares e proxectos que falan de progreso e de innovación: a instalación dunha macroplanta de biogás

Cando escribo estas liñas, falo dende a raíz, dende o afecto profundo por un lugar que non é só un punto no mapa, senón a orixe de toda a miña identidade e a terra na que puxen todas as expectativas para o futuro da miña familia.

Nos últimos tempos, o nome de Xunqueira de Ambía comezou a circular en titulares e proxectos que falan de progreso e de innovación: a instalación dunha macroplanta de biogás. Din que é "verde", que vai crear emprego e que Galicia precisa avanzar cara un futuro sostible. Pero quen vivimos aquí preguntámonos: sostible para quen? E a que prezo?

Fálase de mitigación, de controis e de beneficios, pero o que nunca se menciona é a perda: o deterioro do noso entorno, a desvalorización das fincas, a fragmentación do territorio e o impacto sobre a biodiversidade

Unha planta como esta implica moito máis do que se di. Supón movemento constante de camións transportando xurros e residuos, emisións de gases e cheiros que non se poden enmascarar, risco de perdas nas conducións e saturación dos solos. Afecta ao equilibrio das augas, ao aire que respiramos e á tranquilidade das aldeas. E tamén afecta aos ánimos, porque crea incerteza, desconfianza e a sensación de ser, unha vez máis, o lugar elixido para asumir o que outros non queren preto.

O progreso non pode medirse só en megavatios; debe medirse en dereitos, en diálogo e en respecto polo territorio. Porque unha enerxía que destrúe o rural para crear riqueza noutros lugares non é limpa nin sostible. É un roubo disfrazado de verde

Fálase de mitigación, de controis e de beneficios, pero o que nunca se menciona é a perda: o deterioro do noso entorno, a desvalorización das fincas, a fragmentación do territorio e o impacto sobre a biodiversidade. Cando nos ameazan con invadirnos de cheiros insoportables, camións cargados de ácido sulfúrico, filtracións tóxicas e augas que deixan de ser nosas, tamén se rompe algo dentro da xente que vive do e co territorio.

Non nego a necesidade dunha transición enerxética. Pero non pode basearse na desposesión nin no desprezo ás comunidades rurais. A verdadeira transición enerxética non pode construírse contra as persoas, nin moito menos sobre o seu desconcerto ou impotencia. Se o obxectivo é avanzar cara a un modelo verde, cómpre que ese camiño sexa tamén xusto. O progreso non pode medirse só en megavatios; debe medirse en dereitos, en diálogo e en respecto polo territorio. Porque unha enerxía que destrúe o rural para crear riqueza noutros lugares non é limpa nin sostible. É un roubo disfrazado de verde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.