O BNG de Barro vén de iniciar unha "campaña social e política" para esixir ao Goberno do Estado a "reactivación" da Estación da Portela, unha iniciativa que conta co respaldo da dirección da Comunidade de Montes da Portela
A pasada semana o Ministerio de Transportes anunciou a licitación da redacción do proxecto para construír un apeadoiro en Valga na liña convencional de tren Vilagarcía-Padrón. Unha nova estación para dar servizo á cidadanía desta localidade pontevedresa, que conta cun importante polígono industrial. Máis aló da frande importante que esta nova infraestrutura pode ter para os habitantes dun concello que na actualidade só ve pasar o tren por diante das súas casas, o anuncio supón un fito na medida en que estamos ante a primeira apertura dunha nova parada na rede convencional nas últimas décadas, despois de 23 anos nos que pecharon máis de 40 estacións e apeadoiros.
Un impulso ao tren e sobre todo ao tren de proximidade, que non só é demandado en Valga, senón noutras localidades, algunhas moi próximas, como Barro. En Barro si hai estación, a de Portela, inaugurada en 1899. Pero o problema aquí é que tras os recortes das últimas décadas, o tren só para catro veces ao día, con dúas frecuencias en cada dirección.
Unha mostra de que, como subliñaba o BNG de Valga en relación do apeadoiro previsto no seu concello, non abonda con ter a infraestrutura, senón que hai que garantir un número suficiente de frecuencias ferroviarias e con horarios adecuados ás necesidades da poboación.
Os nacionalistas subliñan que "contar con apenas dúas paradas diarias, con horarios que non coinciden coa lóxica dos desprazamentos cotiáns, condena á estación á inoperancia e obriga ás veciñas e veciños de Barro a depender sistematicamente do vehículo particular"
Neste senso, o BNG de Barro vén de iniciar unha "campaña social e política" para esixir ao Goberno do Estado a "reactivación" da Estación da Portela, unha iniciativa que conta co respaldo da dirección da Comunidade de Montes da Portela. O Bloque, que goberna en Barro dende o ano 2015, denuncia que a falta de actividade da estación supón unha "estratexia de abandono" e “unha discriminación” por parte do Ministerio de Transportes.
Os nacionalistas subliñan que "contar con apenas dúas paradas diarias, con horarios que non coinciden coa lóxica dos desprazamentos cotiáns, condena á estación á inoperancia e obriga ás veciñas e veciños de Barro a depender sistematicamente do vehículo particular".
O grupo municipal vai presentar unha moción para o seu debate no Pleno da corporación na que se solicita a creación de servizos "con frecuencias e horarios adaptados ás necesidades laborais, educativas e sanitarias da veciñanza". Ademais, vai iniciar unha recollida de sinaturas entre a veciñanza.
Para o BNG, "a vertebración real do territorio non se logra coas grandes infraestruturas que illan os concellos intermedios, senón permitindo que o rural sexa un lugar habitable e conectado a través dun ferrocarril que sexa un servizo esencial"
Estas accións únense ás xa iniciadas no Senado a través da senadora Carme da Silva, que visitou a estación de Portela a pasada semana. “Existindo xa esta infraestrutura, é hora de que o Goberno do Estado a poña en uso con frecuencias e horarios adaptados á realidade da veciñanza” defendeu a senadora nacionalista, que lembrou o compromiso do Goberno –polo Acordo de Investidura negociado co BNG- de implantar nesta lexislatura o servizo de proximidade ferroviaria en Galicia
Para o BNG, "a vertebración real do territorio non se logra coas grandes infraestruturas que illan os concellos intermedios, senón permitindo que o rural sexa un lugar habitable e conectado a través dun ferrocarril que sexa un servizo esencial".
O Bloque reclama así mesmo a ADIF e a Renfe "un acondicionamento urxente" e un mantemento integral da estación da Portela, "garantindo a limpeza periódica, a mellora da iluminación e a creación de zonas de agarda dignas que protexan ás persoas usuarias da intemperie".