O Ministerio de Transportes licitou a redacción do proxecto para construír un apeadeiro en Valga na liña convencional de tren Vilagarcía-Padrón. A nova estación é "unha reivindicación histórica da zona" e supón un fito a nivel galego
O pasado martes o ministro de Transportes, Óscar Puente, anunciou a licitación da redacción do proxecto para construír un apeadeiro en Valga na liña convencional de tren Vilagarcía-Padrón. A nova estación é "unha reivindicación histórica da zona", como destacou o ministro a través das redes sociais, e neste senso a nova foi celebrada polo alcalde de Valga Xosé María Bello Maneiro (PP), que manifestou a súa satisfacción cunha instalación que pode “axudar a fixar poboación” e que "fai xustiza" coa localidade.
Tamén o BNG destacou a importancia da decisión e reclamou o incremento das frecuencias (catro servizos pola mañá e catro pola tarde) e a súa adecuación aos horarios dos traballadores, para dar así un mellor servizo. Nos últimos anos chegara realizarse unha recollida de sinaturas na localidade, entre entidades sociais, empresas e cidadanía afectada, reclamando a apertura dunha nova estación. O delegado do Goberno, Pedro Blanco, destacou o "compromiso" do Executivo co "reforzo da mobilidade e posibilidades" do territorio, cunha "Galicia conectada internamente" e subliñou o obxectivo de facer de Valga "un polo empresarial de referencia".
Nas últimas dúas décadas son moi poucas as novas estacións ferroviarias postas en marcha en Galicia e todas elas están vinculadas ao desenvolvemento da rede de alta velocidade
O apeadeiro, que conta cun orzamento máximo de dous millóns de euros, terá un andén de 160 metros, un módulo de viaxeiros e varios módulos complementarios. Situarase na parroquia de Cordeiro no límite coa parroquia de Campaña, preto da zona industrial na que se sitúan empresas como Extrugasa ou Urovesa, buscando dar servizo aos traballadores do polígono.
O inicio do proceso para a construción dun novo apeadeiro en Valga é unha nova moi importante para a localidade pontevedresa, pero supón tamén un fito a nivel galego. Nas últimas dúas décadas son moi poucas as novas estacións ferroviarias postas en marcha en Galicia e todas elas están vinculadas ao desenvolvemento da rede de alta velocidade.
A do apeadeiro de Valga será a primeira apertura dunha nova parada na rede convencional cando menos dende o ano 2003. O tempo dirá se se trata dunha excepción ou dun punto de inflexión e cambio de tendencia
Por unha banda, entrou en servizo a estación de Vigo-Guixar (para trens de media e longa distancia, xa que a de Urzaiz quedou reservada para a alta velocidade). E, ademais, incorporáronse novas estacións ou apeadeiros na alta velocidade, por exemplo en Padrón (Padrón-Barbanza) e Redondela (Redondela-AV), situadas no eixo atlántico de alta velocidade que une Vigo e A Coruña.
Porén, en paralelo, Galicia sufriu nas últimas dúas décadas unha sucesión de peches de estacións e apeadeiros na rede ferroviaria convencional (e unha redución no número de servizos diarios en moitas das que seguen abertas). A do apeadeiro de Valga será a primeira apertura dunha nova parada nesta rede cando menos dende o ano 2003. O tempo dirá se se trata dunha excepción ou dun punto de inflexión e cambio de tendencia.
Nos últimos 23 anos pecharon en Galicia 42 estacións ou apeadeiros. Unha parte importante fixérono no ano 2013 a través dun "plan de racionalización" do Ministerio de Fomento, no contexto de recortes introducidos polo Goberno de Mariano Rajoy
Nos últimos 23 anos pecharon en Galicia 42 estacións ou apeadeiros. Unha parte importante fixérono no ano 2013 a través dun "plan de racionalización" do Ministerio de Fomento, no contexto de recortes introducidos polo Goberno de Mariano Rajoy, que incluía a supresión de 104 trens á semana en Galicia e a clausura de 20 estacións. No ano 2017 o Executivo -aínda presidido por Rajoy- mantivo o groso do recorte aplicado catro anos antes e nos anos seguintes tampouco reabriu ningunha das paradas pechadas.
Entre as estacións desaparecidas destaca a rede de apeadeiros (un total de dez) previamente existente entre Ourense e A Gudiña. Tamén os sete que se situaban entre Santiago e Ourense, con paradas en Vedra, Bandeira ou Silleda. Ou os apeadeiros incluídos nas liñas que unen Lugo con Ourense (Oural, Bóveda...) ou coa Coruña (Aranga ou Begonte).
Pecharon tamén apeadeiros nas liñas A Coruña e Ferrol (Franza, en Mugardos), A Coruña-Santiago (Tordoia, Oroso...) e Vigo-Ourense (Louredo-Valos, en Mos). E, igualmente, no treito de liña entre Santiago e Vigo no que agora se vai incorporar o apeadeiro de Valga. Neste caso, desapareceron as paradas de Rubiáns (Vilagarcía), Figueirido (Vilaboa), Chapela (Redondela) ou Portas, que daba servizo non só a este concello, senón tamén ao de Caldas de Reis.
Son numerosas as voces, dende partidos políticos, sindicatos e asociacións en defensa do tren, que fan fincapé na necesidade de reforzar a rede ferroviaria convencional, con máis frecuencias diarias (e tamén con novas paradas), en paralelo ao desenvolvemento da alta velocidade
Son numerosas as voces, dende partidos políticos, sindicatos e asociacións en defensa do tren, que fan fincapé na necesidade de reforzar a rede ferroviaria convencional, con máis frecuencias diarias (e tamén con novas paradas), en paralelo ao desenvolvemento da alta velocidade. O obxectivo é dar un mellor servizo á poboación que poida constituír unha alternativa real ao vehículo privado, neste momento imprescindible fóra das cidades. Todo, ademais, nun momento no que cada vez está máis sobre a mesa a demanda da posta en marcha do tren de proximidade, do que Galicia carece, e a cesión a Galicia das competencias sobre ferrocarril interior.
A apertura do apeadeiro de Valga chega nun momento no que cada vez está máis sobre a mesa a demanda da posta en marcha do tren de proximidade
Un tren de proximidade que aproveitaría as infraestruturas existentes e que podería incorporar novas paradas ou recuperar algunha das clausuradas nos últimos anos, dando servizo a concellos rurais que agora dependen do transporte por estrada e tamén a localidades das áreas metropolitanas das cidades e polígonos industriais, como nesta proposta que hai uns anos facía a A Plataforma en Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas.