O 77% das estacións de tren galegas pecharon ou sufriron recortes nos últimos anos

Mapa que amosa os servizos suspendidos e as paradas afectadas por peches ou redución de servizos en 2013 © CC.OO.

A recente redución de servizos ferroviarios decidida polo Ministerio de Fomento é unha volta máis nun proceso que vén de longo. O novo plan de racionalización suprime 104 trens á semana en Galicia, o 22% do total, e desaparecen 1.176 paradas, co peche definitivo de 20 estacións e con outras 24 que fican con só unha frecuencia diaria. Entre 150 e 200 mil galegos e galegas se ven prexdicados pola medida. CC.OO. alerta de que estes recortes se engaden aos que xa se produciran nos últimos anos. Así, lembra que das 127 estacións coas que contaba Galicia hai unha década, o 77% foron pechadas ou sufriron recortes nas súas frecuencias.

“As estacións que se manteñen cunha soa parada ao dia están condenadas de antemán á desaparición a curto prazo, xa que os horarios ofertados non teñen sentido ningún”

CC.OO. denuncia que estas medidas significan “o principio do fin do ferrocarril convencional en Galicia. Só interesan as liñas de altas prestacións e o eixe atlántico”. Este recorte deixa un gran número de estacións con só unha parada diaria, e a moitas outras con dúas, pero con frecuencias que non permiten realizar viaxes de ida e volta no mesmo dia: é o caso de Neda, cun só tren en dirección Ferrol e outro en dirección Coruña, que pasan máis ou menos á mesma hora. Outros casos rechamante afectan a vilas moi poboadas, como Cambre, con 24 mil habitantes e que perde 56 trens á semana. 

“As estacións que se manteñen cunha soa parada ao dia están condenadas de antemán á desaparición a curto prazo, xa que os horarios ofertados non teñen sentido ningún”, denuncia Severino Rodríguez, “Se antes había pouco viaxeiros pola mala oferta de servizos agora acabarán de botalos a todos para ter unha boa escusa para continuar cos recortes”, conclúe.

CC.OO. denuncia a “complicidade da Xunta” nun proceso que afecta sobre todo á Galicia interior

CC.OO. denuncia a “complicidade da Xunta” nun proceso que afecta sobre todo á Galicia interior, “que é precisamente a que ten maiores carencias en canto a medios de transporte público que garantan a mobilidade das persoas e vai contribuír a incrementar o despoboamento e illamento destas zonas”. Este mércores o deputado popular Román Rodríguez asegrou que os recortes "teñen toda a lóxica", tanto pola "situación orzamentaria das administracións públicas" como, asegura, "pola demanda social e uso real dos servizos". E engadiu que o tren "contamina máis" que o transporte por estrada e, ademais, asegurou que "egoistamente, nos interesa como galegos que as pequenas empresas" de autobuses "do rural poidan incrementar os seus pasaxeiros cos clientes que non vai ao transporte ferroviario". "Non ten moito sentido" que Fomento financie o ferrocarril no rural, porque "estamos prexudicando pequenas empresas de transporte", rematou.

CC.OO volveu reiterar a súa demanda de que se implante en Galicia este tren de proximidade, con máis frecuencias e un prezo menor, e do que si gozan as restantes comunidades autónomas costeiras

De igual xeito o sindicato denuncia que o Goberno está ofrecendo “información nesgada” sobre estes recortes e que “trata de confundir a opinión pública mesturando datos dos trens suprimidos de media distancia cos de longa distancia”. En contra do afirmado polo Goberno, Galicia é un dos territorios máis afectados polos recortes, ao carecer de servizo de cercanías, unha función que veñen cubrindo os trens de media distancia. CC.OO volveu reiterar a súa demanda de que se implante en Galicia este tren de proximidade, con máis frecuencias e un prezo menor, e do que si gozan as restantes comunidades autónomas costeiras. Asturias, cunha poboación de 1.077.000 habitantes e cunha densidade de poboación de 102 hab/Km2, ten nove liñas de cercanías entre ancho métrico e rede convencional, polas que circulan diariamente 494 trens ao día.

O xoves 20 de xuño A Coruña acolle unha manifestación en defensa do tren, que CC.OO chama a apoiar porque "urxe pelexar polos servizos públicos e o tren é un servizo público".

Rolda de prensa de CCOO este xoves CC-BY-SA Praza Pública
Mapa que amosa os servizos suspendidos e as paradas afectadas por peches ou redución de servizos en 2013 © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.