Proposta de novo plan ferroviario para Galicia: tren circular que une cidades e conecta outras 60 estacións

Trens do servizo Celta e de media distancia, na estación de Guixar en Vigo CC-BY-SA JP Ribeiro

Un tren circular sen transbordos, que permitiría conectar as máis de 60 estacións de Galicia, rotando diariamente en ambos sentidos, percorrendo e comunicando as cidades e áreas de influencia, con enlaces cos trens de longa distancia cara á Meseta e cunha rede de proximidade transfronteiriza. E sobre o trazado e infraestrutura actual do país. 

É o proxecto que se vén de presentar este mércores en Compostela ao abeiro da Alianza Ibérica polo Ferrocarril. Unha proposta de CCOO, un "plan de mobilidade ferroviaria" que busca unir as cidades galegas para conectalas con outras 61 estacións e apeadoiros para os servizos de proximidade, "con frecuencias adaptadas ás necesidades da poboación a través de tempos de viaxe e servizo accesible, seguro e de calidade". Unhas 70 localidades conectadas. 

O Tren Circular conectaría as principais cidades e áreas metropolitanas de Galicia CC-BY-SA CCOO Galicia

O plan de CCOO prevé aproveitar a actual infraestrutura para crear un tren circular que une as cidades e as súas áreas con outras 61 estacións e unha rede de proximidade

O informe presentado polo sindicato debulla un plan innovador, o do Tren Rexional Circular por Galicia, que contaría con tres máquinas rotando diariamente, en tres franxas—mañá, mediodía e tarde— e cun modelo horario que permitiría conectar as urbes polas que pasa co resto de estacións e con posteriores enlaces de proximidade ou longa distancia. 

Sairía de Vigo-Guixar en ambos sentidos. Nun dos dous traxectos —con cadansúa parada— seguiría cara a Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, A Coruña, Lugo, Monforte e Ourense, ata rematar de novo na estación viguesa de saída para volver iniciar o camiño. No outro, partiría de Vigo cara a Ourense, seguindo cara a Monforte, Lugo, A Coruña, Santiago, Vilagarcía e Pontevedra ata rematar de novo na cidade olívica. 

"Sería posible aproveitando a infraestrutura actual e permitiría mellorar a conectividade da comunidade autónoma e reducir a dependencia do automóbil", di o sindicato. Gregorio Bermejo, ata hai uns días coordinador do sector Ferroviario de CCOO de Galicia, sinalou que un dos problemas da situación do ferrocarril no país é que, durante anos, se lle "deu prioridade á chegada da alta velocidade", deixando de lado o tren de proximidade. Neste sentido, explicou que o sindicato leva máis dun ano reuníndose con autoridades locais e empresariais tanto galegas como do norte de Portugal, recibindo sempre o apoio a esta proposta.

"Faría posible viaxar case desde calquera punto de Galicia a outro e regresar no día"

"Poñer en marcha este tren é un obxectivo que non debería demorarse por máis tempo", di o sector ferroviario de CCOO, que cre que Renfe "precisa transformarse para ofrecer un servizo de mobilidade en Galicia á altura das súas necesidades e semellante ao que se dá noutros territorios do Estado".

Así o aclara o informe que debulla unha proposta que para Antón Conde, do sector ferroviario de CCOO en Pontevedra, "faría posible viaxar case desde calquera punto de Galicia a outro e regresar no día", algo que a día de hoxe "a meirande parte da poboación non pode facer por falta de conexións ou de horarios axeitados". Así o expresou na conferencia de prensa posterior á xornada sobre o sector organizada por Comisións. 

Percorrido, nun sentido, do Tren Circular CC-BY-SA CCOO Galicia

Ademais, o plan advirte de que este "novo enfoque de mobilidade ferroviaria" estaría tamén "coordinado coa intermodalidade, combinando medios de transporte que darían servizo ao conxunto do territorio galego" e que servirían, di, "para frear o despoboamento, especialmente do interior". 

Segundo CCOO, este plan de transporte de proximidade "permitiría xestionar trens económicos e con frecuencias dabondo, de xeito que respondan ás necesidades de conexión da poboación co Eixo Atlántico, estean coordinadas co AVE e teñan en conta as conexións transfronteirizas portuguesas, entre outros aspectos". 

Así, a proposta aposta tamén por enlazar este Tren Circular cunha rede de proximidade transfronteiriza, en ambos casos sobre a infraestrutura xa existente que requiriría "organizar unha comunicación ferroviaria" entre Galicia e Portugal "máis optimizada". 

O plan aposta por un modelo que reduciría as emisións contaminantes e a dependencia do automóbil

Ademais, Pau Noy, representante da Alianza Ibérica polo Ferrocarril, unha plataforma da que forma parte CCOO, lembra que "agora é o momento do tren". Na súa opinión, a nosa sociedade encamíñase a un "progresivo abandono do automóbil por mor do encarecemento dos combustibles e ao lento despegue do vehículo eléctrico".

Para Noy, "todo son vantaxes" apostando pola rede ferroviaria. "O ferrocarril electrificado —que é a maioría— reduce as emisións case a cero", subliñou. Outras vantaxes son os tempos de viaxe "competitivos", a menor sinistralidade e a desconxestión das vías de circulación

Presentación do plan de servizo ferroviario para Galicia CC-BY-SA Nelson Silva

Co plan impulsado preténdese "vertebrar a rede ferroviaria galega" coa implantación dun deseño "comercial funcional que recolla a experiencia de mobilidade dos últimos dous anos", influída pola conexión coa Meseta coa alta velocidade a través de Ourense e as melloras no Eixo Atlántico e a liña Vigo-Porto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.