"Canta xente sabe que na Universidade hai un apeadeiro para o tren? E canta xente sabe o que se pelexou no seu momento para que o fixeran? Son 4 minutos desde a Estación de San Cristóbal e máis ou menos o mesmo desde a estación do Burgo. Só pasan 6 trens ao día por ese apeadeiro, que, por suposto, non coincide cos horarios da Universidade". A Plataforma en Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas iniciou esta semana unha campaña nas redes sociais para informar das infraestruturas ferroviarias existentes na comarca (vías en uso, vías mortas, estacións, apeadeiros...) que, en boa medida, están infrautilizadas. A plataforma busca deste xeito poñer de manifesto que cun investimento económico moi cativo (se necesidade de construír novas liñas) se podería mellorar de forma moi notable a comunicación por tren na área metropolitana da Coruña. Tan só incrementando as frecuencias ou organizándoas de forma máis eficiente, poñendo en uso algunhas vías hoxe inactivas e instalando (ou reabrindo) algúns apeadeiros en lugares estratéxicos.
A entidade fai fincapé por unha banda naqueles lugares polas que pasan os actuais trazados en uso. Do centro da Coruña á Universidade, por exemplo, por onde pasan seis trens ao día (ás 06:38, 7:06, 09:20, 14:31, 17:20 e 19:30). Ou para conectar a cidade co Burgo (Culleredo), a 4 minutos da Coruña, con só tres conexións diarias. Ou con Cambre (24 mil habitantes), a 14 minutos da cidade herculina, e por onde só pasan dous trens ao día. Son concellos cuxos habitantes manteñen unha relación constante -laboral, comercial, educativa, de ocio...- coa Coruña. "As infraestruturas xa están e as posibilidades como tren de cercanías son enormes, tan só fai falta vontade política, porque non sería necesario un grande orzamento. De feito, nunha fase inicial chegaría con aumentar as frecuencias e con horarios axeitados ás horas punta, sen máis, porque as vías xa están. Ben anunciado, con precios populares, con bonos, con billete único cos buses...", destacan dende a Plataforma.
Outras actuacións posibles, que estes días tamén están difundido a través da rede, pasarían pola apertura de novos apeadeiros naqueles lugares polos que xa pasa esta liña e están moi densamente poboados ou que conteñen servizos utilizados pola poboación de toda a comarca. Así, a Plataforma lanza propostas coma a de permitir a subida e baixada de pasaxeiros na Barcala (entre O Burgo e o centro de Cambre), ou á altura da Ponte da Pasaxe (para dar servizo a Palavea e Santa Cristina), ou nas proximidades do Hospital Materno-Infantil e do CHUAC, facilitando deste xeito o desprazamento dos usuarios e solucionando así os problemas de aparcamento que presentan os centros sanitarios. Ou, igualmente, propón a apertura dun apeadeiro no Polígono Industrial de Pocomaco. "A liña do tren pasa pegada ao polígono durante un bo treito. Non chega nin a 3 minutos desde San Cristóbal. Se houbese frecuencias e un apeadeiro moita xente podería usar o tren para ir ao polígono", destacan.
A Plataforma vai máis aló e lembra a existencias de numerosas vías ferroviarias non utilizadas na Coruña. Unha delas é a que vai da estación de San Cristóbal ata a refinería, en Meicende, atravesando o polígono industrial de Agrela. "Podería aproveitarse para comunicar o polígono por tren de proximidade. Con pouco investimento, xa que as infraestruturas existen e non habería que expropiar, permitiría un aforro de vehículos privados na entrada a cidade", din.
Ou, por suposto, proponse dar máis uso á infrautilizada estación de mercadorías de San Diego, sobre a que hai varios proxectos (por exemplo o presentado polo Goberno municipal da Coruña) para convertela en estación de pasaxeiros. No interior do porto, que nos vindeiros anos sufrirá unha gran transformación coincidente co traslado dos tráficos ao Porto Exterior, hai varias vías ferroviarias que chegan ata a Praza de Ourense e o Cantón Grande, e que se poderían utilizar para comunicar estas partes da cidade con San Diego e, dende alí, co exterior. "Nalgúns treitos aínda están as travesas, ata hai varios tramos con dobre vía, ou tripla. Obviamente habería que arranxalas para que foran viables para un tren de proximidade, pero non parece un investimento desproporcionado, a que non?", comentan. "Pensade nun tren de cercanías con paradas en Palexco, Praza de Ourense, San Diego, Chuac, Materno, O Burgo, Barcala, Cambre... Ou San Cristóbal, Universidade, Agrela, Pocomaco... A pouco que se investise teriamos un tren de proximidade de calidade que comunicaría gran parte da comarca dun xeito rápido, eficaz e sostible", conclúen.
Dende hai anos a Plataforma en Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas vén mobilizándose en reivindicación dun servizo ferroviario digno para a comarca, co obxectivo da posta en marcha un verdadeiro tren de proximidade que axude a diminuír os coches que todos os días entran e saen da Coruña e mellore as comunicacións internas da futura área metropolitana. "O importante é comezar a mellorar a liña e o servizo, e ir sumando medidas que conduzan á mellora total do trazado. Non se trata de facer grandes obras", destacaba hai uns meses Alberto Díaz Ruíz, voceiro da plataforma. "Cando os servizos funcionan ben, o tren ten unha grande aceptación polos usuarios", engadía.