A estrada provincial de Monterroso a Guntín mellora as ligazóns no corazón da Ulloa

Obras de mellora da LU-P-3303, que une Monterroso con Guntín por Montecalvo © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/josenodepulugo-bb52387.jpeg

Ao carón das grandes vías de comunicación, dende as estradas xerais ata as autovías de máis recente construción, transcorre unha rede viaria que adoita ocupar menos titulares e grandes debates políticos, pero que resulta clave para a vida cotiá en innumerables puntos dunha xeografía como a galega. Trátase das estradas provinciais e no caso galego sucede con especial intensidade na provincia de Lugo, cuxa rede dependente da Deputación é a máis extensa do Estado: máis de 4.000 quilómetros.

O mantemento desta rede adoita ser unha das principais partidas orzamentarias da institución (o último plan de estradas, por exemplo, superou os 15 millóns de euros). Tradúcense en actuacións concretas como a recente mellora da LU-P-3303 que une Monterroso con Guntín a través de Montecalvo.

Ao longo do pasado verán, a actuación que supuxo un investimento de case 133.000 euros permitiu "renovar por completo" o sinuoso trazado, recuperándoo dos efectos do paso de vehículos e tamén da meteoroloxía. Trátase dunha vía relevante non só polas conexións entre pequenos núcleos desta zona no corazón da Ulloa, senón tamén por ser ligazón entre dúas estradas xerais: a N-547 en Montecalvo e a N-640 en Valdeporrás.

A recentemente renovada LU-P-30303 é parte da rede provincial de estradas da Deputación de Lugo, a máis extensa do Estado con máis de 4.000 quilómetros

Os traballos, adxudicados á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones, incluíron sanear a explanada e o firme, así como reparar afundimentos e outros desperfectos. Ademais dos arranxos, as obras implicaron repavimentar a vía, repoñer sinais horizontais e verticais e mais reabrir noiros que foran pechándose.

A Deputación de Lugo encadra estas obras, dunha extensión de 6 quilómetros, no que sinala como unha "aposta decidida por mellorar a rede viaria provincial. Contribúe así tamén, conclúe, "ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.