O vindeiro mes de marzo cumpriranse doce anos do primeiro debate de política xeral no Parlamento con Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Entre as promesas que lanzara no discurso inaugural daquela sesión, Feijóo anunciara a inmediata contratación dun estudo para "definir as competencias, tipoloxía e natureza xurídica do Ente Ferroviario Galego" que, na liña do acordado por unanimidade na propia Cámara, estaría chamado a "xestionar unha rede de infraestruturas ferroviarias" no interior de Galicia "baseada nas que quedan en desuso coa chegada do AVE".
No debate de política xeral de 2010, Feijóo anunciara a contratación do primeiro paso para crear o "Ente Ferroviario Galego", que tamén se ocuparía dos metros lixeiros, igualmente desaparecidos das promesas da Xunta nos anos seguintes
Nas semanas seguintes, a daquela denominada Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, lanzou a contratación do estudo sobre o "proxecto de lei de creación do ente público ferroviario de Galicia" por algo máis de 180.000 euros como base desa transferencia. O novo ente, sinalaba o Goberno galego, tamén tería entre os seus cometidos a "coordinación e posta en marcha dos sistemas de metro lixeiro que se desenvolvan nas áreas metropolitanas de Galicia". O proxecto fora adxudicado provisionalmente á empresa pública estatal Ineco, pero acabara sendo declarado deserto e tanto o traspaso como os metros lixeiros desapareceron das promesas da Xunta.
O pasado luns, en vésperas do duodécimo aniversario, unha comitiva do BNG encabezada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, tomou un tren de Ferrol á Coruña en clave de "viaxe reivindicativa". Para poñérense "na pel dunha persoa traballadora ou estudante" ou de calquera veciña que "ve imposible usar o tren" entre ambas cidades "por horarios, traxectos e prezos" e para "demandar un tren de proximidade do século XXI que comunique vilas e cidades de Galiza".
A portavoz nacional do BNG subliñou a necesidade do traspaso durante unha viaxe reivindicativa no tren de Ferrol á Coruña para reclamar mellores servizos e frecuencias na conexión entre ambas cidades
Alén da reivindicación de melloras neste traxecto e noutros como Lugo - A Coruña ou a liña do norte da antiga FEVE ou da esixencia de "recuperar todas sa frecuencias suprimidas" durante a pandemia, a líder do Bloque expuxo tamén as súas propostas ao respecto "a medio prazo". Pivotarían, sinala, sobre dous aspectos: "un plan de compensación para o sistema ferroviario que permita actualizar e modernizar todas as vías en servizo" e "transferir a Galiza as competencias en materia de ferrocarril interior, como xa teñen Euskadi, Catalunya, Valencia ou Andalucía" e contempla o propio Estatuto de 1981.
"O propio Parlamento galego -lembra Pontón- aprobou por unanimidade esta transferencia, pero Feijóo non moveu un dedo para conseguila en doce anos". Esas competencias, subliña, deberan ser xestionadas mediante un "ente ferroviario propio", o mesmo que o Goberno do PP prometera en 2010 pero nunca chegou a ser creado.
Tanto as peticións máis conxunturais como as de medio prazo, resalta a nacionalista, pretenden paliar "o abandono do tren en Galiza" alén das conexións coa Meseta ou con Madrid. Non en van, salienta, "este abandono ocorre mentres nos países europeos da nosa contorna, o tren é o transporte do presente e do futuro, porque reduce emisións, é máis barato e máis sostible; non podemos quedar atrás", conclúe.