O tren de proximidade achégase a Galicia. O Ministerio de Fomento ten previsto ampliar a extensión da rede deste tipo de ferrocarril durante o presente ano 2012 e estuda xa a posibilidade real de implantar este medio de transporte en Galicia nos vindeiros meses.
O secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá, fixo esta afirmación ante a Comisión de Fomento do Congreso tras anunciar un investimento total de 28,5 millóns no tren de proximidade en todo o Estado. A única referencia a Galicia foi esa “posibilidade” de implantar este ansiado medio de transporte no país, o que facía pensar unha vez máis nas incontables promesas incumpridas que sobre este tema se fixeron desde hai anos.
Xunta e Estado manteñen reunións desde hai semanas na procura de acelerar a chegada da proximidade a Galicia
No entanto, fontes do PP e da propia Xunta de Galicia aclaran a Praza que “a cousa desta vez vai en serio” e incluso recoñecen xuntanzas nos últimos días entre o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, e o secretario de Estado do mesmo ámbito, Rafael Catalá, para avanzar na implantación do tren de proximidade antes de que finalice a actual lexislatura en Galicia. De feito, e segundo as mesmas fontes, o PP presentará varias iniciativas no Parlamento nas vindeiras semanas co obxectivo de acelerar un proceso que semellaba estancado. Será un dos logros do que os populares pretenderán presumir pouco antes das eleccións autonómicas.
A plataforma Salva o Tren cre que "desta vez o Goberno si dá o brazo a torcer"
Tamén o coordinador xeral da plataforma Salva o Tren, que leva anos loitando pola implantación do tren de proximidade e a mellora das liñas existentes en Galicia, cre que “desta vez, o Goberno semella dar o brazo a torcer”. Fernando Gómez estivo presente nas xuntanzas que este colectivo mantivo con representantes de Fomento nas últimas semanas, onde veu unha receptividade inusual ata hai pouco. “Creo que agora si estamos nos inicios dunha noticia que pode ser moi importante”, asegura, tras advertir que aínda teñen pendente un encontro coa propia ministra Ana Pastor. “Despois de varios anos, semella que agora si se decataron da importancia que este servizo tería para Galicia, onde é básico contar cun tren de proximidade accesible e útil para a xente de a pé”, di, en contraste cun AVE que “non é panacea ningunha”. “Son dous modelos complementarios, pero moi diferentes; a alta velocidade está pensada para un colectivo semellante ao que optaría polo avión, con billetes caros e para viaxes longas, pero non dá servizo á xente que precisa desprazarse por Galicia adiante día a día ou habitualmente”, remata.
Agora o importante son os procesos. A proposta da Xunta será que o Ministerio de Fomento aprobe a creación da xerencia territorial do tren de proximidade de Galicia e que Adif, xunto coa Dirección Xeral de Ferrocarrís, defina as necesidades técnicas das futuras liñas. O seguinte paso sería a transferencia á Xunta das competencias na materia, que serían xestionadas por un ente ferroviario galego. O BNG, que leva anos loitando polo impulso deste medio de transporte para o país, propón desde hai tempo o traspaso do servizo de proximidade á Administración galega, algo ao que Executivo galego non lle ve sentido ata que o Goberno central confirme e defina as liñas ferroviarias.