Un dos funcionarios condenados no caso Retablo de corrupción con arte sacra pide o indulto para volver traballar nun museo

A casa reitoral de Paraños en 2003, antes de que o técnico da Xunta despois condenado comezase a utilizala CC-BY-SA Asociación Veciñal de Paraños

Tras facerse cunha casa reitoral que tentou vender por 680.000 euros, foi sentenciado a seis anos de inhabilitación dos que xa cumpriu cinco, e pide que lle perdoen o que resta, algo que rexeita a asociación de veciños prexudicada

Hai agora cinco anos, en xuño de 2017, a Audiencia Provincial da Coruña condenou por suborno dous técnicos da Xunta e a varios empresarios pola súa implicación no caso Retablo de corrupción con arte sacra. Foi unha sentenza por conformidade, aceptada por todas as partes tras unha negociación, que supuxo para Carlos Gómez-Gil Aizpurúa, funcionario de carreira do Ministerio de Cultura que traballara para a Xunta entre 2004 e 2009, unha condena a dous anos de cadea, inhabilitación para emprego público por seis anos, o comiso de 103.000 euros e unha multa de pouco máis de 2.000 euros. 

Gómez-Gil non entrou en prisión a cambio de non volver delinquir, pero segue tendo vixente a inhabilitación para emprego público, da que xa cumpriu cinco anos e réstalle outro. Agora vén de pedir o indulto do tempo que queda para volver traballar nun museo estatal fóra de Galicia. A representación da asociación de veciños de Paraños, en Covelo, que destapou o caso, rexeita o indulto pola mensaxe que enviaría á sociedade e nega o comportamento exemplar do condenado.

Vista da reitoral de Paraños e da súa parcela en 2003, antes de que Gómez-Gil empezase a utilizala CC-BY-SA Praza Pública

O caso Retablo iniciouse en 2009, despois de que veciños de Paraños descubrisen que Gómez-Gil tentaba vender en internet a que fora a casa reitoral da parroquia que eles mesmos mantiveran por 680.000 euros tras mercarlla á Igrexa por só 60.000 euros. A investigación destapou como Gómez-Gil, técnico de restauración, e José Manuel Pichel, arquitecto que tamén traballaba para a Xunta, facilitaban obras ás empresas implicadas na trama a cambio de diversas compensacións persoais. 

Tras varios anos de instrución xudicial e escoitas policiais o caso saldouse en 2017 cunha condena por acordo das partes que rebaixou as condemas que inicialmente pedían a Fiscalía e os veciños -a Xunta acusaba a Gómez-Gil pero non a Pichel, ben relacionado co PP de Pontevedra e que seguiu traballando para o Xacobeo ao non recibir pena de inhabilitación-. Nesa sentenza relátase como Gómez-Gil e Pichel informaban sobre que mobles ou inmobles eclesiásticos debían ser rehabilitados con axudas públicas, e a cambio recibían diversos subornos. Tamén foron condenados por suborno representantes de varias empresas ás que se lles encargaron os traballos.

Na condena que el mesmo aceptou en 2017 relátase como Gómez-Gil "recibía cartos en efectivo ou ben labores que non remuneraba" por parte das empresas que elixía para restaurar bens da igrexa 

No caso de Gómez-Gil a sentenza, emitida o 7 de xuño de 2017, sinala que “recibía cartos en efectivo ou ben labores que non remuneraba por parte das empresas que executaban as restauracións, que podían consistir en obras en bens da súa propiedade e outra clase de favores, incrementando notablemente o seu patrimonio e dando ocasión a un nivel de vida moi superior ao que procedería dos ingresos na súa calidade de funcionario cualificado, con vehículos de alta cilindrada e un barco”. 

No caso da reitoral de Paraños, a sentenza di que Gómez-Gil adquiriuna “nunhas condicións moi vantaxosas que obtivo grazas á xeración no bispado de favores nos procedementos de restauración” de obras da Igrexa, ningún de cuxos responsables chegou a ser xulgado ao anularse as súas escoitas policiais, nas que un cura advertiu a Gómez-Gil de que estaba a ser investigado. A sentenza engade que “grazas ás restauracións desenvolvidas de maneira gratuíta polas empresas de restauración beneficiarias das prácticas indicadas a casa incrementou notablemente o seu valor, chegando Carlos Gómez-Gil a ofrecela para a súa venda nun prezo de 680.000 euros.

Sentenza da Audiencia da Coruña que en 2017 condenou por suborno a Gómez-Gil co acordo de todas as partes CC-BY-SA Praza Pública

A casa reitoral acabou retornando ao bispado, que a volveu vender e agora é un hotel de catro estrelas. E Gómez-Gil foi condenado a devolver 103.000 euros, que foi o único que se puido certificar como que expresamente lle pagaran as empresas implicadas con ingresos en contas correntes, sen que se puidesen cuantificar outras obras realizadas por elas. O condenado tamén aceptou unha multa de 2.000 euros, unha pena de dous anos de cadea que quedou en suspenso coa condición de non volver delinquir, e seis anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público.

O condenado pide agora clemencia e quéixase da "pena de banquillo" que sufriu e de que as informacións sobre el impídenlle atopar traballo

Superados cinco anos desa inhabilitación, o pasado abril Carlos Aizpurúa Gómez-Gil, como se chama agora tras mudar os seus apelidos, solicitou á Audiencia da Coruña que tramite ante o Goberno de España, que é quen o outorga, o indulto do tempo de inhabilitación que lle queda por cumprir. Unha solicitude á que vén de opoñerse a representación da veciñanza de Paraños. 

Na solicitude de indulto saliéntase que Gómez-Gil cumpriu co compromiso de non volver delinquir, pagou a multa e as responsabilidades civís e cumpriu o 80% da pena de inhabilitación. O escrito, que asegura que ata os feitos condenados “a súa carreira como funcionario e a súa conduta foron intachables”, anexa unha carta do propio Gómez-Gil ao tribunal que sinala que a súa situación laboral é de excedencia forzosa, sen dereito á percepción de prestación por desemprego

Antiga casa reitoral de Paraños, en Covelo, convertida en hotel de catro estrelas CC-BY-SA Praza Pública

Tamén di que debido á información sobre o seu caso que aparece en internet resúltalle imposible atopar traballo e quéixase da “pena de banquillo” e da persecución de medios de comunicación que di que sufriu. E remata pedindo clemencia pola súa situación económica para volver o antes posible ao seu posto de traballo como restaurador nun museo de arqueoloxía fóra de Galicia na cidade na que agora reside. O escrito de solicitude do indulto sinala que “os feitos que motivaron as referidas condenas foron feitos illados que en modo algún reflicten a conduta do meu representado quen ata estes desgraciados sucesos non tivo na vida o máis mínimo problema e moito menos coa xustiza”.

A representación da veciñanza afectada pola perda da súa reitoral nega que Gómez-Gil tivese un comportamento "intachable" na parroquia e advirte da mensaxe que lanza á sociedade un indulto dun condenado por corrupción

Fronte a esa solicitude vén de presentarse ante a mesma Audiencia da Coruña un escrito por parte do representante da veciñanza de Paraños manifestando a súa postura contraria ao indulto. Nel négase o comportamento supostamente intachable de Gómez-Gil á marxe dos feitos polos que foi sentenciado e relátanse diversos supostos agravios seus á veciñanza da parroquia durante o tempo que tivo no seu poder a reitoral e outros conflitos nos que o condenado estivo implicado. E se o condenado di no seu escrito que aceptou a condena por conformidade malia non estar de acordo con algúns “matices”, a réplica salienta que a outra parte afectada tamén prefería unha condena máis alta.

O escrito de oposición ao indulto lembra aos veciños e veciñas que xa morreron na parroquia e que resultaron afectados polo comportamento de Gómez-Gil e fai unha reflexión xeral sobre os indultos. “Se a institución do indulto, en xeral, é cuestionable doutrinalmente, aqueles concedidos aos reos por corrupción son directamente improcedentes, polos desgraciados efectos que producen tanto na sociedade coma nos potencialmente corruptos, que se decatan de que a xurisdición penal é un obstáculo vencible e que a cadea non é lugar para persoas de certo estatus económico, político ou social, senón para os cidadáns marxinalizados”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.