Como noutros casos recentes, tamén no caso Retablo de corrupción con arte sacra o Goberno galego será menos esixente cos seus propios traballadores que co resto de implicados á hora de pedir responsabilidades penais ante os tribunais. No caso Cela, de malversación de cartos autonómicos, os catro acusados por xuíz e fiscal foron traballadores da Xunta, un deles ex-conselleiro de Fraga, pero o Goberno galego nin está persoado na causa. No caso Campeón, cun ex-deputado do PP, un ex-alto cargo da Xunta e dous funcionarios implicados tamén por xuíz e fiscal, o goberno galego opta por acusar só aos empresarios da trama. Agora, no Retablo, a Xunta vén de presentar o seu escrito de acusación para o xuízo inminente e nel pide diversas penas para cinco empresarios e un só funcionario, mentres que evita acusar ao arquitecto público que nas escoitas policiais prometía “repartir Galicia” en contratos.
Nos casos Campeón e Cela a Xunta tamén evita acusar a funcionarios ou cargos do PP
O caso Retablo comezou hai oito anos, cando os veciños de Paraños, en Pontevedra, viron como a casa reitoral da súa parroquia pasaba a mans do principal acusado da trama, Carlos Gómez-Gil de Aizpurúa, técnico de restauración na Consellería de Cultura. Supostamente Gómez-Gil fíxose con ela por 60.000 euros logo de que fose arranxada por varias empresas de restauración, cuxos donos declararon que traballaron gratis a cambio de contratos públicos. A casa saíu logo á venta en internet por 680.000 euros.
"Vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre", dicía Pichel nas escoitas que permitiron tirar do fío da trama
Segundo a policía, Gómez-Gil e outro traballador autonómico, José Manuel Pichel Pichel, arquitecto da sociedade pública xestora do Xacobeo e ben relacionado co PP da cidade de Pontevedra, onde un tío foi concelleiro máis dunha década, recibían regalos de empresas de rehabilitación a cambio de autorizar subvencións para entidades relixiosas que logo contratarían con esas firmas. Segundo a acusación popular, exercida pola asociación de veciños de Paraños, “a finalidade común de ambos os dous era a obtención de beneficios económicos que lles serían facilitados polas empresas adxudicatarias das labores de restauración ou directa ou indirectamente polos párrocos interesados na realización dalgunhas desas obras. Deste xeito José Manuel Pichel incrementou espectacularmente o seu patrimonio, sendo titular de trinta inmobles urbanos, dous inmobles rústicos, dez motocicletas e un coche; a súa muller é titular de trinta e sete inmobles urbanos, dezasete inmobles rústicos e un coche”. Segundo esta acusación, entre os regalos recibidos incluso estaría, en 2009, “unha tenreira”. Foi aquel ano, en setembro, cando nunha das escoitas policiais que permitiron tirar do fío da trama Pichel lle fai a un aparellador amigo o maior ofrecemento: “Vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre”.
Porén, o terceiro xuíz instrutor que ten a causa, Andrés Lago Louro, o mesmo que está agora á fronte da investigación do accidente de Angrois, decidiu non ter en conta as escoitas na instrución, o que fixo que se viñeran abaixo varias das liñas de investigación. Lago Louro optou por manter os cargos só contra os dous traballadores da Xunta e cinco empresarios, exonerando aos cargos eclesiásticos que tamén estiveran implicados anteriormente. En xuño deste ano a Audiencia Provincial da Coruña avalou a súa decisión e agora as partes veñen de entregar no seu xulgado as súas conclusións previas á apertura de xuízo oral.
O Goberno galego centra a súa acusación en cinco empresarios e noutro traballador público para o que pide sete anos de cárcere, pero exime a quen fiscal e instrutor consideran parte clave da trama
No escrito do avogado da Xunta nada se di de Pichel, mentres que considera a Gómez-Gil responsable de delitos continuados de suborno e fraude e exacción ilegal, polos que pide penas que suman sete anos de cárcere e 17 anos de inhabilitación para cargo público. Polos delitos de suborno dos que acusa aos empresarios Ignacio Vázquez Vieira, Olga Quintela López, David Durán Montero, Manuel Montes Carballa e Carmen Acuña Rey, o avogado da Xunta pide dous anos de prisión para cada un e multa de 12 meses con cota diaria de 10 euros.
Pola súa banda, a acusación popular pide penas lixeiramente superiores para os mesmos cinco empresarios e o restaurador da Xunta, pero inclúe tamén a Pichel, para o que pide catro anos de prisión por suborno pasivo, oito anos de inhabilitación para emprego público e diversas multas. O xuíz espera agora que a Fiscalía, que tamén viña acusando ata o de agora a Pichel como elemento clave da trama, presente as súas conclusións provisionais para a apertura de xuízo oral.