De botín dun corrupto a hotel de catro estrelas: así rematou a casa reitoral que destapou o caso Retablo

Antiga casa reitoral de Paraños, en Covelo, convertida en hotel de catro estrelas CC-BY-SA Praza Pública

A trama de arte sacra pola que foron condenadas seis persoas, entre elas dous técnicos da Xunta, estourou cando en 2009 veciños de Paraños viron que estaba á venda o inmoble que eles coidaran durante décadas, agora reformado con fondos da UE

En 2009 veciñanza de Paraños, en Covelo, descubriu que a casa reitoral da súa parroquia, propiedade do Bispado de Tui-Vigo pero que sucesivas xeracións de veciños e veciñas axudaran a manter, estaba á venda en internet por 680.000 euros. Aquel feito contribuíu a destapar o que se coñecería como caso Retablo, de corrupción na restauración de arte sacra, que en 2017 remataba na xustiza cunha condena por suborno a catro representantes de empresas de rehabilitación e dous técnicos da Xunta, un dos cales adquirira do bispado a reitoral de Paraños por só 60.000 euros polos “favores” que fixera.

A casa retornou ao bispado por pouco tempo, porque dous anos máis tarde volvía vendela aos seus actuais propietarios, os irmáns José e Maite Rodríguez Espiñeira, naturais da parroquia, con outras empresas previas e unha inmobiliaria na familia, Rodespi, que o 15 de maio inauguraron alí un hotel de catro estrelas, La Rectoral, con fondos da UE xestionados pola Xunta. O que durante séculos foi a casa do párroco mantida pola parroquia que a piques estivo de quedar en mans dun delincuente agora son seis aloxamentos no edificio histórico e outros sete nunha nova construción veciña.

A casa reitoral de Paraños en 2003, antes de que o técnico da Xunta despois condenado comezase a utilizala CC-BY-SA Asociación Veciñal de Paraños

A sentenza por acordo do caso Retablo, emitida o 7 de xuño de 2017, foi asumida polos condenados, que viron rebaixadas as súas penas e non entraron na cadea. Nela relátase como os técnicos da Xunta, Carlos Gómez-Gil de Aizpurúa e José Manuel Pichel Pichel, informaban sobre que mobles ou inmobles eclesiásticos debían ser rehabilitados con axudas públicas, e a cambio recibían diversos subornos. Tamén foron condenados por suborno representantes de varias empresas ás que se lles encargaron os traballos. Pero ninguén do bispado chegou a ir a xuízo porque as escoitas que implicaban a varios membros do clero foron anuladas

Porén, o relato que fai a sentenza condenatoria coa que rematou o caso é este: “Carlos Gómez-Gil adquiriu do Bispado de Tui unha casa reitoral en Paraños nunhas condicións económicas moi vantaxosas que obtivo grazas á xeración no bispado da prestación pola súa parte de favores nos procedementos de restauración adxudicados. Estas condicións eran un prezo formal de 60.000 euros a pagar en dez anos que non comezou a aboar senón ata iniciado o procedemento penal. Grazas ás restauracións desenvolvidas de maneira gratuíta polas empresas de restauración beneficiarias das prácticas indicadas a casa incrementou notablemente o seu valor, chegando Carlos Gómez-Gil a ofrecela para a súa venda nun prezo de 680.000 euros”.

"Gastamos máis en rehabilitar que en mercar a propiedade", di o dono do novo hotel, que considera unha "barbaridade" o intento do técnico da Xunta condenado por suborno de vender o edificio en 2009 por  680.000 euros

“Non, que va, aquilo era unha barbaridade”, di José Rodríguez Espiñeira, o novo propietario, sobre o prezo polo que lle mercou a reitoral ao bispado tras aquela sentenza. O agora impulsor alí do proxecto hoteleiro amósase escéptico sobre a contía que Gómez-Gil pretendía obter pola reitoral e as obras que realizaron nela as empresas ás que beneficiara. “O tellado pensabamos aproveitalo e tivemos que tiralo todo”, di, lembrando que el mesmo chegou “con mal pé a esta casa, porque entrei un día a vela e marchei por alí abaixo porque o chan estaba comido pola polilla”. “Gastamos máis en rehabilitar que en mercar a propiedade”, di, salientando que das obras que se fixeran nela antes só puido aproveitar a piscina.

Estruturas de nova construción dentro da mesma parcela que ocupa a reitoral que acollen sete aloxamentos, sumados aos seis habilitados no edificio histórico CC-BY-SA Praza Pública

Entre a veciñanza hai diversidade de opinións sobre as decisións reiteradas da igrexa de desfacerse da reitoral sen contar coa parroquia

Rodríguez, perito agrícola, di que se decidiron a impulsar o hotel cando se xuntou por unha parte a “morriña, melancolía” polas orixes familiares coa oportunidade de acceder a financiamento de axudas europeas. “Somos nativos de aquí miña irmá e máis eu”, explica, e asegura que durante o caso Retablo falar da reitoral na parroquia “era un tema tabú... ben, non tabú, o bispado tíñao como o patiño feo”. De feito, preguntar ao chou á veciñanza polo destino final do edificio como hotel ofrece respostas de todo tipo. “Os veciños tomárono ben”, asegura Rodríguez Espiñeira sobre o seu proxecto, mentres outro viandante lamenta que o bispado teimase en venderlle a reitoral a calquera a baixo prezo antes que deixarlle o edificio á parroquia, a cuxa comunidade de montes pedía máis do que podía pagar. Unha terceira muller opina que da igrexa mellor non dicir nada. 

A disparidade de opinións na parroquia sobre o papel da igrexa ao desfacerse da reitoral queda reflectida no recente podcast “La trampiña”, do grupo Prisa, dirixido polo xornalista galego Arturo Lezcano, no que tamén se recuperan gravacións xudiciais do caso Retablo como aquela na que un dos técnicos da Xunta prometía “repartir Galicia” en contratos ás empresas involucradas na trama. Ou outra na que un cura informaba a un dos técnicos despois condenados que fora interrogado pola policía e que na declaración “non dixen mentira, pero non dixen toda a verdade”.

Sentenciado xa o caso Retablo, segundo o relato de Rodríguez Espiñeira, soubo que o bispado “estaba vendendo algo do seu patrimonio” e interesouse pola reitoral. “Fomos negociando, o párroco expuxo a posible venta na parroquia e valorárono positivamente”, di, lembrando que iso foi “en marzo de 2019, e en abril de 2019 xa estabamos co proxecto”. Ata o resultado agora inaugurado -coa presenza do conselleiro de Medio Rural, con experiencia no turismo rural- o proxecto requiriu da mobilización de “case 500.000 euros”, segundo a Xunta, dos que algo máis de 172.000 euros foron obtidos de fondos da UE a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 13 Condado-Paradanta, canle para a xestión sobre o territorio de axudas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O conselleiro de Medio Rural inaugurando o novo hotel na antiga reitoral de Paraños o pasado 14 de maio CC-BY-SA Xunta de Galicia

A casa histórica de pedra mantén a súa estrutura, mentres que no exterior foron aproveitados os bancais agrícolas que descendían dela cara ao río Xabriña para semisoterrar novas estruturas que acollen outras sete habitacións. “Estamos centrados na hospedaxe máis que na restauración”, di o propietario, que admite que están a arrancar “amodiño” pola pandemia. 

Unha das habitacións habilitadas no interior da antiga reitoral © Hotel La Rectoral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.