A Audiencia da Coruña rexeita indultar un funcionario condenado no caso Retablo porque non devolveu o seu "obsceno enriquecemento"

Antiga casa reitoral de Paraños, en Covelo, que destapou o caso Retablo CC-BY-SA Praza Pública

“Permitir que o condenado volva exercer calquera cargo ou emprego público”, como pretende, sería para o tribunal “unha burla das finalidades da pena” á que foi condenado

“Permitir que o condenado volva exercer calquera cargo ou emprego público sería unha burla das finalidades da pena”. Así vén de pronunciarse a Audiencia da Coruña, nun informe con data do 20 xullo, ante a petición de indulto do ano que lle resta de inhabilitación para emprego público formulada por un dos dous funcionarios condenados por suborno en 2017 no caso Retablo de corrupción con arte sacra, Carlos Gómez-Gil Aizpurúa.

O indulto é una gracia que outorga discrecionalmente o Goberno do Estado, pero antes debe consultar a opinión das partes implicadas na causa penal que deu lugar á condena. Neste caso xa se pronunciara en contra do indulto a Fiscalía e agora faino o maxistrado Ángel Pantín, da sección sexta da Audiencia da Coruña, con sede en Santiago, presidente do tribunal competente para a execución da pena. “Non se fixo efectivo en absoluto o comiso imposto, que permitiría retornar ás arcas públicas o obsceno enriquecemento delitivo obtido polo solicitante”, di o xuíz en referencia aos 103.000 euros que o condenado tiña que devolver.

Informe da Audiencia da Coruña en contra do indulto a un dos dous funcionarios condenados no caso Retablo CC-BY-SA Praza Pública

O caso Retablo destapouse en 2009, despois de que veciños de Paraños, en Covelo, descubrisen que Gómez-Gil, que agora mudou a orde dos seus apelidos, tentaba vender en internet a que fora a casa reitoral da parroquia por 680.000 euros tras mercarlla á Igrexa por só 60.000 euros. A investigación revelou como Gómez-Gil, funcionario de carreira do Ministerio de Cultura que traballou para a Xunta entre 2004 e 2009, e José Manuel Pichel, arquitecto que tamén traballaba para a Administración galega, facilitaban contratos a empresas implicadas na trama e decidían que obras de restauración de bens eclesiásticos se executaban a cambio de diversas compensacións persoais.

O caso saldouse en xuño de 2017 cunha condena por acordo de todas as partes na que os acusados admitiron os delitos a cambio de rebaixa nas penas. Gómez-Gil foi sentenciado pola Audiencia da Coruña a dous anos de cadea, inhabilitación para emprego público por seis anos, o comiso de 103.000 euros e unha multa de pouco máis de 2.000 euros. 

O condenado non entrou en prisión a cambio de non volver delinquir, pero segue tendo vixente a inhabilitación para emprego público, da que xa cumpriu cinco anos e réstalle outro. Agora Gómez-Gil, como desvelou Praza.gal hai un mes, vén de pedir o indulto para volver traballar nun museo estatal fóra de Galicia. Fíxoo nun escrito no que se queixa da "pena de banquillo" que sufriu e de que as informacións sobre el impídenlle atopar outro traballo. 

Detalle da reitoral de Paraños que destapou o caso Retablo antes da súa restauración CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín

Para a Audiencia “o delito cometido é un paradigma do abuso do posto na administración pública que o solicitante desempeñaba e reviste especial gravidade dado que non se tratou dun acto puntual senón dunha conduta sostida no tempo"

Malia que a defensa do condenado asegurou na petición do indulto que ademais de pagar a multa tamén asumira as responsabilidades civís, o escrito co que a Fiscalía xa amosou a súa oposición ao perdón sinalou coo un dos motivos para rexeitalo que “non fixo fronte á responsabilidade civil derivada destes feitos” e que “non reparou o dano causado”. E agora a Audiencia constata que “consultada a peza correspondente non se fixo efectivo en absoluto o comiso imposto, que permitiría retornar ás arcas públicas o obsceno enriquecemento obtido polo solicitante”. 

Comiso cifrado na sentenza condenatoria en 103.350 euros, a cantidade que se puido probar que o condenado ingresara nas súas contas procedentes das empresas da trama entre 2004 e 2009. Porén, outros subornos obtidos non puideron ser cuantificados, como as melloras que as empresas realizaron na casa reitoral que destapou o caso mentres estivo no seu poder, antes de devolverlla á Igrexa cando estourou o caso.

Para a Audiencia “o delito cometido é un paradigma do abuso do posto na administración pública que o solicitante desempeñaba e reviste especial gravidade dado que non se tratou dun acto puntual senón dunha conduta sostida no tempo, levada a cabo de forma coordinada con terceiros e que desencadeou o enriquecemento que nos feitos probados da sentenza se reflicte”. Por iso, engade, “permitir que o condenado volva exercer calquera cargo ou emprego público sería unha burla das finalidades da pena”. 

O escrito asinado polo maxistrado Ángel Pantín conclúe que “non procede informar favorablemente á petición de indulto deducida ao non concorrer razóns de xustiza ou equidade que xustifiquen a petición”.

Escrito da Fiscalía de oposición ao indulto CC-BY-SA Praza Pública

A Fiscalía xa se pronunciou tamén en contra do indulto porque "demostrou o perigo que para a sociedade representa como funcionario"

En similar liña se manifestou xa ante a petición de indulto a Fiscalía, que considera que o condenado “demostrou coa súa comisión a perigosidade que para a sociedade representa ao exercer como funcionario público sen atender os seus deberes de lealdade coa administración”. 

E tamén en contra do indultou manifestouse xa a representación da veciñanza de Paraños cun escrito no que que argumentou que “se a institución do indulto, en xeral, é cuestionable doutrinalmente, aqueles concedidos aos reos por corrupción son directamente improcedentes, polos desgraciados efectos que producen tanto na sociedade coma nos potencialmente corruptos, que se decatan de que a xurisdición penal é un obstáculo vencible e que a cadea non é lugar para persoas de certo estatus económico, político ou social, senón para os cidadáns marxinalizados”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.