O maquinista de Angrois, único condenado, pide o indulto total ou parcial para non entrar na cadea

O maquinista de Angrois, Francisco José Garzón, co seu avogado nunha comparecencia no Congreso Dominio Público Congreso dos Deputados

Argumenta o perdón que pediu ás vítimas, que a sentenza considerou "sincero", que está integrado e non é un perigo para a sociedade, que padece unha enfermidade ou que é o único coidador da súa nai de 93 anos

Francisco José Garzón, maquinista do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 descarrilou en Angrois deixando 79 persoas falecidas e 144 feridas, presentou o xoves ante o Ministerio de Xustiza unha petición de indulto da condena de dous anos e medio de cadea a que foi sentenciado polo accidente. 

Como avanzou Praza.gal, a medida de gracia que pode outorgar o Goberno de España de xeito discrecional viña sendo pedida polos seus compañeiros maquinistas e mesmo apoiada por parte das vítimas. E agora vén de ser solicitada formalmente polo seu avogado esgrimindo diversos argumentos, desde o perdón que pediu ás vítimas, que a sentenza considerou "sincero", ata que está integrado e non é un perigo para a sociedade, que padece unha enfermidade ou que é o único coidador da súa nai de 93 anos.

A plataforma de vítimas de Angrois segue considerando máis responsable do accidente ao cargo de Adif que agora vén de ser absolto pola Audiencia da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

A primeira sentenza sobre o accidente, emitida en 2024 pola xuíza do Penal que xulgou o caso entre 2022 e 2023, condenou ao mesmo nivel ao maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, por despistarse ao recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo antes da curva de Angrois, e ao director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas que paliasen ese previsible erro humano. Porén, en xaneiro a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados, absolveu a Cortabitarte, unha decisión respaldada por dúas das tres xuízas do tribunal pero da que discrepou a terceira xuíza. Garzón quedou así como único condenado polo maior accidente da historia da alta velocidade española.

Vítimas e avogado do maquinista deron pasos para un posible recurso ante o Tribunal Constitucional, pero ao tempo este último vén de formalizar a petición de indulto para evitar que entre na cadea. Un indulto que pide "total ou subsidiariamente parcial", xa que, ante a condena a dous anos e medio de cadea, un perdón de só medio ano e sen antecedentes penais permitiríalle evitar a prisión. Sería o mesmo indulto que xa recibiron en 2009 dous maquinistas condenados á mesma pena por un accidente en Navarra en 1997 con 18 mortos. 

A argumentación

A petición de indulto agora presentada ante o Ministerio de Xustiza comeza lembrando as reiteradas ocasións en que o maquinista pediu perdón ás vítimas e como a sentenza reflectiu que "non cabe dúbida de que é sincero o pesar do acusado polas vítimas do accidente e as súas familias". Vítimas que á súa vez recibiron xa do seguro as reparacións económicas a que foi condenado Garzón.

Francisco José Garzón, maquinista do Alvia accidentado en Angrois, nunha das primeiras sesións do xuízo escoltado por axentes de policía CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Non é, nin foi un perigo para a sociedade, non existindo razón algunha para temer que poida delinquir no futuro", di o escrito, polo que "a condena imposta tórnase innecesaria e contraproducente" para a reinserción pola que aposta a Constitución

Tamén di que na súa vida só foi condenado nesta ocasión, que nunca se vira implicado nun procedemento xudicial e que no sinistro de Angrois, ocorrido hai xa 13 anos, "a súa conduta non foi dolosa, sufriu un accidente que lle puido ocorrer a calquera profesional do sector ferroviario" e que "non se repetirá no futuro" posto que actualmente, a poucas semanas de cumprir 65 anos, está xa xubilado . Nesa liña, a petición de indulto vai acompañada do apoio expreso á mesma dos sindicatos maioritarios do sector ferroviario español e europeo" así como de persoas de distintos ámbitos relacionadas coa investigación do sucedido en Angrois.

O escrito tamén sinala que Garzón padece unha enfermidade pulmonar, "polo que o seu ingreso en prisión suporía un agravamento". E que, xa xubilado, ten "unha vida familiar normalizada, coidando da súa nai, de máis de 93 anos de idade, a cal depende dos seus coidados en todos os aspectos cotiáns da vida", polo que "a súa actual situación familiar se verá prexudicada por un eventual ingreso en prisión, ao quedar a súa nai totalmente desasistida". Circunstancias para a que acompaña os correspondentes informes médicos e sociais. 

O escrito salienta igualmente o seu "comportamento que se considera propio e correcto dun cidadán perfectamente integrado na comunidade á que pertence, na orde cívica, profesional e cultural" xa que "ao non ser doloso o tipo de delito polo que foi condenado, senón unha imprudencia profesional, non afectou á súa normal e pacífica convivencia social". "Non é, nin foi un perigo para a sociedade, non existindo razón algunha para temer que poida delinquir no futuro", sinala.

Ante estas circunstancias, a petición sinala que "a condena imposta tórnase innecesaria e contraproducente" para os fins constitucionais que apostan pola reinserción. Por iso o escrito remata dicindo "que desde a perspectiva resocializadora da pena, e en función de criterios de equidade e de necesidade, que deben integrar o contido substancial dunha pena xusta, procede que por vosa excelencia se me outorgue a gracia do indulto".

O maquinista de Angrois, Francisco José Garzón, ao fondo, e diante del o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, nunha sesión do xuízo © Óscar Corral

Indultos anteriores a maquinistas

Sentenciado a dous anos e medio por 79 mortes, evitaría a cadea cun perdón parcial de medio ano, o mesmo que recibiron en 2009 dous maquinistas por un accidente en Navarra en 1997 con 18 mortos

O indulto é unha medida de gracia que pode outorgar o Consello de Ministros. Un indulto parcial, de medio ano, foi o que outorgou en 2009 o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero a dous maquinistas condenados igualmente a dous anos e medio de cadea por 18 homicidios por imprudencia grave nun accidente ocorrido en 1997 en Navarra.

Os dous maquinistas daquel sinistro de Uharte Arakil foran condenados por entrar con exceso de velocidade nesa estación segundo eles porque un sinal erróneo así o permitía, cuestión que a xustiza non considerou acreditada. O Goberno perdooulles en 2009 medio ano de cadea a cada un "a condición de que non volva cometer delito doloso no prazo de catro anos".

O debate das vítimas

Ante a posibilidade dun indulto parcial ao maquinista de Angrois, o presidente da Plataforma de Vítimas, Jesús Domínguez, xa declarara días despois da condena da Audiencia da Coruña que esa sería unha valoración que debería facer unha asemblea das vítimas e non el como presidente. A título persoal Domínguez dicía que para el "non ten ningún sentido que o maquinista entre na cadea", pero salientaba que a Plataforma analizaría a cuestión nunha vindeira reunión.

Praza.gal preguntou polo posible indulto a dez persoas feridas ou familiares de falecidas no accidente, con opinións dispares que van desde o apoio ata o rexeitamento pasando pola indiferenza.

Esa reunión xa se produciu e o resultado do debate nela desenvolvido foi que a Plataforma como tal segue considerando máis culpable do accidente ao cargo de Adif agora absolto, e nesa liña segue a actuar ante a xustiza, pero que non ten unha postura a respecto do indulto do maquinista senón que esa é unha cuestión persoal de cada persoa afectada ou familia. Praza.gal puido constatar, falando cunha decena de persoas feridas ou familiares de falecidas, que cada persoa consultada ofrece argumentos distintos que van desde o apoio ao indulto ata o rexeitamento pasando pola indiferenza.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.