O Goberno de Pedro Sánchez indulta a Carlos e Serafín, os dous sindicalistas galegos que foron condenados a tres anos de prisión por participar nun piquete durante unha folga. O Consello de Ministros tomou a decisión este venres a proposta do Ministerio de Xustiza, aínda que non o fixo público ata este luns, cando publicou no BOE as respectivas medidas de graza para Carlos e Serafín.
O perdón gobernamental de Serafín Rodríguez e Carlos Rivas chega máis de oito anos despois de que comezase o seu proceso xudicial e máis dunha década desde a mobilización tras a que empezou o seu calvario. En ambos casos o indulto consiste na "conmutación" da pena de cárcere por "dezaoito meses de multa cunha cota diaria de seis euros", isto é, uns 3.200 euros cuxas condicións debe determinar o tribunal que os condenou.
O Goberno central indulta a Carlos e Serafín, condenados a tres anos de cadea tras participar nun piquete dunha folga de transporte en 2008
Os principais sindicatos do país, CIG, CCOO e UGT, convocaran en 2008 unha folga no transporte de mercadorías da provincia de Pontevedra durante a negociación do convenio do sector. No marco daquela folga, múltiples traballadores actuaron como piquetes informativos e algúns deles foron identificados pola Policía Nacional e posteriormente denunciados por axentes. Esas denuncias policiais derivaron en varios xuízos dos que practicamente todos remataron en absolución. Pero un xulgado de Vigo considerou que dous deses traballadores, Serafín Rodríguez, da CIG, e Carlos Rivas, de UGT, eran culpables dun delito contra os dereitos de traballadores e aplicoulles a condena máxima: 3 anos de prisión.
A xuíza condenounos en 2011 ao considerar que incorreran nun delito contra os dereitos dos traballadores por paralizar varios camións e lanzarlles obxectos. A Audiencia Provincial de Pontevedra ratificou dous anos despois o ditame tras un recurso. Mentres, en toda Galicia, sobre todo no sur, sucedíanse as mobilizacións a prol do indulto que se desenvolverían durante anos e a cada pouco á espera dunha decisión do Consello de Ministros que non chegaba.
O Goberno de Mariano Rajoy denegou ese indulto e volveron solicitar outro. Desde aquela a execución da sentenza estaba pendente e os dous sindicalistas á espera dunha decisión gobernamental, que chegou por fin este venres. Mesmo dous camioneiros cuxos vehículos sufriron danos desistiron do proceso e reclamaron o indulto para os dous traballadores.
O Goberno de Rajoy denegou o indulto malia que mesmo os camioneiros cuxos vehículos terían sufrido danos reclamaron tamén a liberdade dos sindicalistas
Ademais de recoller sinaturas, Carlos e Serafín contaban co apoio por unanimidade do Parlamento galego para recibir o indulto parcial e evitar así o seu ingreso no cárcere. CCOO e UGT entregaran unha queixa ante a Organización Internacional do Traballo (OIT) polos numerosos casos de piquetes imputados en España e organizacións de traballadores de todo o mundo solicitaran a Rajoy que deixase de perseguir o dereito á folga. Pero o Executivo do PP foi inflexible.
"Haberá unha posición do Goberno de España acorde ao que solicitou o Parlamento galego", adiantou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, xa este xoves.
“Estou condenado sen facer nada. Eu cheguei despois de que se lanzasen unhas pedras contra os camións. Estaba aí falando cun compañeiro e veu a policía a identificarnos. Dixéronme que se non fixera nada non tiña de que preocuparme, que había unha gravación. Pero esa gravación non apareceu en ningún momento", explicaba Serafín en 2014, nun momento no que estaba de baixa por ansiedade: “No indulto recoñecín cousas que non fixen, pero é a única saída que me queda para non ir ao cárcere", afirmou como explicación á solicitude do perdón gobernamental.