Os principais sindicatos do país, CIG, CCOO e UGT, convocaron en 2008 unha folga no sector de transporte de mercadorías da provincia de Pontevedra durante a negociación do convenio do sector. No marco desa folga, múltiples traballadores actuaron como piquetes informativos e algúns deles foron identificados pola Policía Nacional e posteriormente denunciados pola mesma. Esas denuncias policiais derivaron en varios xuízos dos que practicamente todos remataron en absolución. Pero un xulgado de Vigo considerou que dous deses traballadores, Serafín Rodríguez, da CIG, e Carlos Rivas, de UGT, eran culpables dun delito contra os dereitos de traballadores e aplicoulles a condena máxima: 3 anos de prisión.
Esta sentenza do ano 2009 foi posteriormente ratificada pola Audiencia Provincial pontevedresa e agora Serafín e Carlos poden entrar no cárcere da Lama en calqueira momento. Tras un primeiro intento en van, as tres centrais sindicais apelan ás solidariedade cidadá para que o Goberno de España atenda a segunda petición que xa está en marcha. Esta reclamación foi secundada este domingo en Vigo por milleiros de persoas, que baixo unha forte chuvia asumiron o berro de que "Serafín e Carlos somos todas e todos".
"Non causei ningún dano", asegura Serafín, quen advirte que ir á cadea pode "condicionar a miña vida, totalmente normalizada", pero tamén "a da miña muller, a das millas fillas, dos meus pais e irmáns" por mor dun ditame xudicial "totalmente desproporcionado". "Non cometemos ningún delito", agrega Carlos Rivas, quen subliña que o único que fixeron naquela xornada de folga foi "defender os dereitos dos traballadores a estar informados", explicou ao remate da marcha, visiblemente emocionado. Cómpre "revolverse contra esta xustiza insoportábel", apelaron os sindicatos ao remate da marcha, resumida no vídeo que acompaña esta información polo servizo de comunicación da CIG.