A Fiscalía, contra a suspensión da entrada na cadea de Carlos e Serafín

Cartel da vindeira manifestación polo indulto de Carlos e Serafín Dominio Público Praza Pública

A Fiscalía, contra a suspensión da cadea para Serafín e Carlos. O Ministerio Fiscal vén de impoñer un recurso de apelación contra a decisión tomada polo Xulgado do Penal Número 1 de Vigo de suspender, durante a tramitación do indulto, o cumprimento da sentenza executoria pola que resultaron condenados os dous sindicalistas vigueses que foran condenados a tres anos de cadeea pola súa participación na folga de transportes de 2008.

O fiscal, no seu escrito, considera que a suspensión ditada pola maxistrada realizouse "sen explicitar razón ningunha que xustifique tal decisión xudicial", ausencia de motivación criticable "por canto a presente é a segunda petición de indulto formulada, denegándose xa a inicial polo Consello de Ministros".

CIG, UGT e CCOO ven "incomprensible" a decisión da Fiscalía, que encadran nunha "estratexia do Goberno contra os movementos sociais"

Os sindicatos CIG, UGT e CCOO reaccionaron xa denunciando en rolda de prensa que a decisión da Fiscalía supón "unha condena a todos", en referencia aos familiares e amigos dos afectados, e tamén que resulta "incomprensible" dado que "condena dúas familias por non facer absolutamente nada" e "condena os movementos sociais".

Así o cre o secretario xeral de CIG-Vigo, Serafín Otero, quen anunciou ademais que os tres sindicatos "activarán" unha campaña de mobilizacións e mesmo solicitarán unha entrevista co ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón. A súa homóloga de Comisións, Amelia Pérez, lembrou que o caso de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez non é "un feito illado" e considera que a decisión do Ministerio Fiscal responda a "unha estratexia do Goberno" pola "incomodidade que crea a presión social".

Unha manifestación percorrerá as rúas de Vigo o vindeiro xoves 10 de abril

Durante a comparecencia ante os medios, estiveron presentes a esposa de Serafín Rodríguez, Sonia Méndez, e un dos condenados, Carlos Rivas, que lamentou que logo do "raio de esperanza" que supuxo a paralización do proceso agora se produza un "ensañamento" con eles que "non entenden". Ante esta situación, os tres sindicatos xa anunciaron unha nova manifestación o vindeiro xoves 10 de abril ás 19.30 horas partindo da Praza de España.

Este caso vén de hai máis de cinco anos. Os principais sindicatos do país, CIG, CCOO e UGT, convocaran en 2008 unha folga no sector de transporte de mercadorías da provincia de Pontevedra durante a negociación do convenio do sector. No marco desa folga, múltiples traballadores actuaron como piquetes informativos e algúns deles foron identificados pola Policía Nacional e posteriormente denunciados pola mesma. Esas denuncias policiais derivaron en varios xuízos dos que practicamente todos remataron en absolución. Pero un xulgado de Vigo considerou que dous deses traballadores, Serafín Rodríguez, da CIG, e Carlos Rivas, de UGT, eran culpables dun delito contra os dereitos de traballadores e aplicoulles a condena máxima: 3 anos de prisión.

 

Cartel da vindeira manifestación polo indulto de Carlos e Serafín Dominio Público Praza Pública
Manifestación a prol do indulto para Serafín e Carlos CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.