A Audiencia da Coruña desbota o 'segundo xuízo' de Angrois que pedían Adif e o seu cargo condenado

Sala da Cidade da Cultura na que se celebrou o xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Hai dez meses, 11 anos despois do sinistro, o Xulgado do Penal 2 de Santiago condenou ao mesmo nivel polas 79 persoas mortas e 143 feridas no accidente de Angrois ao maquinista do tren a o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif. Contra esa sentenza presentaron recursos, nun ou noutro sentido, múltiples partes, alegacións que deberán ser resoltas pola Audiencia Provincial da Coruña.

Os condenados polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, e Francisco José Garzón, maquinista do Alvia © Óscar Corral

O tribunal resolverá os recursos contra a sentenza de hai dez meses sen unha nova vista, que alongaría aínda máis o proceso, senón só coa documentación xa existente no proceso

Entre os recursos, o cargo de Adif condenado, Andrés Cortabitarte, e a propia empresa pública xestora da rede ferroviaria, pediron, como avanzou Praza.gal en febreiro, que a Audiencia celebrase un vista pública antes de tomar a súa decisión. Esa caste de segundo xuízo no que todas as partes poderían expoñer novamente de xeito verbal e presencial os seus argumentos, alongaría aínda máis a resolución definitiva do caso. Unha petición que levou a plataforma de vítimas do accidente a acusar o Estado de "falta de escrúpulos" por quere demorar o proceso.

Esa petición vén de ser agora denegada pola Audiencia, nun auto con data do 21 de maio avanzado este martes por Europa Press. As tres maxistradas que analizan o caso, Ana Belén Sánchez González como relatora e Marta Canales Gantes e Ana Belén López Otero, rexeitan celebrar esa nova vista e estudarán agora os recursos que lles presentaron a partir da documentación xa existente no proceso e do xuízo celebrado polo xulgado Penal 2.

As tres maxistradas da Audiencia da Coruña que analizan os recursos contra a sentenza de Angrois din que estes, da extensión que considerou cada parte, son suficientes para "resolver nas condicións adecuadas sen necesidade de celebrar vista"

No seu auto as maxistradas lembran que é unha "decisión facultativa do tribunal, respecto a necesidade, que non conveniencia de dita vista, para a correcta formación dunha convicción fundada". E argumentan que "neste caso as cuestións formuladas nos recursos están suficientemente explicitadas e desenvolvidas con precisión e fondura nos seus escritos, cuxa extensión sen limitación hase entender acomodada á complexidade que se invoca, e xa se remitiu ou disponse de toda a información necesaria da causa para poder resolvela, informes técnicos, gravacións de vistas e alegacións das partes, todo iso coa debida contradición igualmente sen limitación correspondente a esa complexidade e volume que se invocan, polo que o tribunal considera que pode resolver nas condicións adecuadas sen necesidade de celebrar vista". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.