E-Dixgal encadea o seu terceiro curso de retroceso, con máis baixas que altas

Evolución do número de centros E-dixgal nos últimos cursos, sobre unha imaxe dun dos ordenadores do programa nun aula © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

A pesar dos intentos da Consellaría por reconducir o programa, o número de centros interesados en participar continúa a descender, aínda que nesta ocasión a caída é menor que nos dous cursos anteriores

O programa E-Dixgal leva dous anos en crise. O polémico proxecto de "educación dixital" da Xunta, que entre o 2014 e o 2023 foi incorporando centros de ensino ata chegar a un máximo de 630 no curso 2023-24, comezou a presentar nese momento máis baixas que altas, de xeito que as escolas e institutos que optan por este método de ensino comezaron a caer (613 no no 2024-25 e 599 no 2025-26). A Consellaría de Educación deu a coñecer este mércores as cifras do E-Dixgal para o curzo 2026-27, que de novo presenta máis baixas (5) que altas (2), o que deixa a cifra total en 596.

A iniciativa, que prima o uso de ordenadores sobre outros materiais, como libros, leva anos sendo cuestionada dende a comunidade educativa, alertando familias e docentes sobre algunhas eivas na súa aplicación, e sobre efectos prexudiciais no ensino, especialmente sobre a lectura. Tamén o Ministerio de Xuventude advertiu sobre esta escolla en Primaria, recomendando o uso de materiais analóxicos e desautorizando polo tanto o proxecto de E-Dixgal.

A propia Consellaría de Educación, ante as críticas polos efectos negativos, recuou no desenvolvemento do programa experimental, recuperando os libros de texto na maioría dos centros adscritos a E-Dixgal.

A iniciativa, que prima o uso de ordenadores sobre outros materiais, como libros, leva anos sendo cuestionada dende a comunidade educativa, alertando familias, docentes e expertos sobre eivas na súa aplicación, e sobre efectos prexudiciais no ensino

A pesar dos intentos da Consellaría por reconducir o programa, o número de centros interesados en participar continúa a descender, aínda que nesta ocasión a caída é menor que nos dous cursos anteriores. Incorpóranse mesmo dous novos colexios: o CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño) e o CEIP de Valeixe (A Caniza). E danse de baixa oficialmente tres: o CEIP de Zalaeta (A Coruña), o CEIP Península da Paz (Cervo) e o Instituto Martaguisela (O Barco de Valdeorras).

Ademais, o Centro Público Integrado Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) optou por deixar de empregar o programa en Primaria, seguindo as recomendacións dos expertos, manténdoo iso si en Secundaria. Así mesmo, o CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas) solicitou tamén a saída, pero a Consellaría de Educación indica que "aínda está dentro do período de permanencia, polo que unha comisión analizará a viabilidade da petición".

O pasado ano as críticas forzaron á Xunta a recuar con E-Dixgal, prometendo mellores contidos e máis libros de texto.

A saída do proxecto E-Dixgal é voluntaria por parte dos centros, pero esta debe ser aprobada polo Claustro de profesorado e polo Consello Escolar. Ademais, deben os centros deben ter completada a súa permanencia mínima, fixada en tres anos.

O pasado ano as críticas forzaron á Xunta a recuar con E-Dixgal, prometendo mellores contidos e máis libros de texto. A Consellería ten en licitación nestes momentos un contrato por un importe de máis de 1,1 millóns de euros para dotar os centros participantes de recursos educativos impresos e material didáctico en formato físico a partir do vindeiro curso.

Dende este curso as familias con fillos e fillas no programa E-Dixgal poden acceder tamén ao fondo solidario de libros de texto, de tal forma que o alumnado poida contar con manuais en papel

Ademais, dende este curso as familias con fillos e fillas no programa E-Dixgal poden acceder tamén ao fondo solidario de libros de texto, de tal forma que o alumnado poida contar tamén con manuais en papel. Isto opera para os fogares con rendas iguais ou inferiores a 10.000 euros per cápita. No caso de que superen estes umbrais de renda, as familias poden beneficiaranse da nova dedución fiscal de ata 105€ por fillo, para rendas per cápita superiores aos 10.000 euros e ata 30.000 euros.

A incorporación de libros en papel é, en todo caso, unha decisión voluntaria por parte de cada centro. Para o actual curso 2025-26 o 84% dos centros E-Dixgal solicitaron recuperar os libros de texto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.