As recomendacións do informe chocan coa aplicación do programa de educación dixital Edixgal en 5º e 6º de Primaria, como fai na actualidade a Consellaría de Educación
A pasada semana o Ministerio de Xuventude fixo público o informe do comité de persoas expertas para o desenvolvemento dunha contorna dixital segura para a mocidade e a infancia. O documento de 227 páxinas própón 107 medidas en distintos ámbitos, que van dende o uso do móbil como elemento de ocio, os efectos das redes sociais na saúde mental, o acceso á pornografía na rede e os seus efectos, ata a introdución de elementos dixitais no ensino.
O informe pide evitar por completo a exposición a dispositivos dixitais de nenos e nenas entre 0 e 3 anos e desaconsella o seu uso entre os 3 e os 6 anos, avalándoo unicamente "como excepción, en caso de necesidade e de forma puntual e baixo a supervisión dun adulto". A partir desa idade recomeda “un acceso gradual, o máis seguro e educativo posible e adaptado ao nivel de madurez e capacidade progresiva”.
O Comité, formado por medio cento de persoas expertas, dividiuse en seis grupos de traballo temáticos para a análise dos distintos ámbitos. Un deles estivo centrado na educación e levou a cabo unha análise dos "beneficios e potencialidades do uso das tecnoloxías dixitais na educación" e dos seus "riscos", chegando a unha serie de conclusións que se inclúen nas medidas de acción propostas.
Na ESO unicamente se recomenda o uso de dispositivos dixitais "como ferramenta didáctica, debidamente xustificada e supervisada e atendendo á idade do alumnado"
Así, o informe recomenda o "establecemento de límites á dixitalización do ensino segundo a idade (incluíndo
o tempo de pantalla das tarefas que se realizan fóra do horario escolar), seguindo as pautas establecidas polas sociedades científicas". Na Educación Infantil a medida número 11 pide "evitar o uso de dispositivos dixitais no treito de 0 a 3 anos", mentres que entre os 3 e os 6 anos se permitirá unicamente "o uso de ferramentas didácticas colectivas baixo a supervisión adecuada do profesorado".
Na Educación Primaria, entre os 6 e os 12 anos, o Comité de Expertos recomenda "priorizar o ensino de maneira analóxica". E na Educación Secundaria Obrigatorioa, entre os 12 e 16 anos, unicamente se recomenda o uso de dispositivos dixitais "como ferramenta didáctica, debidamente xustificada e supervisada e atendendo á idade do alumnado".
O informe, ademais, recomenda non permitir o uso nos centros de ensino de "dispositivos electrónicos privados", tanto en Secundaria coma por suposto en Primaria e Infantil, en consonancia coa prohibición do uso do móbil nos centros de ensino decidida pola Xunta o pasado mes de xaneiro.
Edixgal vén recibindo críticas crecentes por parte da comunidade educativa, sobre todo dende as familias, que alertan dos efectos negativos na aprendizaxe do alumnado da aplicación do programa de educación dixital. Neste curso por primeira vez houbo máis baixas que altas de centros
Onde si chocan as recomendacións do Comité de Expertos coas políticas aplicadas en Galicia é nas medidas propostas para uso de ferramentas dixitais no ensino, especialmente en Primaria, onde as desaconsella. Cómpre lembrar que o programa de educación dixital posto en marcha pola Xunta hai unha década, Edixgal, aplícase nos catro cursos da ESO, pero tamén en 5º e 6º de Primaria.
Edixgal vén recibindo críticas crecentes por parte da comunidade educativa, sobre todo dende as familias, que o pasado mes de novembro fixeron pública unha enquisa que amosaba un rexeitamento maioritario á continuidade do programa, incidindo principalmente nos efectos negativos na comprensión lectora da rapazada. Os resultados da enquisa, que revelaba que case 6 de cada 10 alumnos usaba Edixgal na aula un mínimo de tres horas diarias, eran aínda máis negativos nas respostas dadas polas nais e pais de alumnado de Primaria, con valoracións de 3,34 puntos sobre 10 que aumentaban un chisco nos últimos cursos da ESO.
A Consellaría de Educación, en resposta a preguntas de Praza.gal, destaca pola súa banda que no sistema educativo galego "conviven a aprendizaxe analóxica e dixital, que se complementan en equilibrio". A Xunta di apostar "por un modelo híbrido e con sentidiño onde poder usar dispositivos dixitais, pero tamén papel e lapis", de xeito que "o libro dixital está artellado como ferramenta de aprendizaxe complementaria ao emprego de libros en papel e lectura, pero non os exclúe".
Neste curso 2024-25 foron máis os centros de ensino que se deron de baixa (23) que os que se deron de alta (6), de xeito que por primeira vez descendeu o número de centros participantes.
Uso de dispositivos dixitais no ensino: beneficios e riscos
O informe do comité de expertos non rexeita por completo o emprego de elementos dixitais no ensino e destaca as "oportunidades educativas" destes dispositivos
O informe do comité de expertos non rexeita por completo o emprego de elementos dixitais no ensino e, de feito, fai unha análise detallada de varios dos beneficios asociados ao seu uso, ponderándoos cos riscos e prexuízos que nos últimos anos tamén foi amosando a experiencia e diversos estudos. O documento subliña a importancia de que o alumnaso adquira "competencias dixitais" e destaca que "as tecnoloxías dixitais ofrecen numerosas oportunidades educativas, dende a mellora ao acceso á información ata a personalización dos procesos de ensino e de aprendizaxe". Tamén salientan que o acceso universal ás ferramentas dixitais pode reducir a fenda dixital entre alumnos con máis e menos recursos.
O documento sinala que un uso "moderado e regulado dos dispositivos dixitais nas escolas" se relaciona con "mellores resultados de aprendizaxe" pero que un uso excesivo leva a un peor rendemento
Os expertos que asesoran o Ministerio conclúen que "o uso moderado e regulado dos dispositivos dixitais nas escolas se relaciona con mellores resultados de aprendizaxe" e botan man de estudos que analizaron que un emprego limitado no tempo das tecnoloxías mellora os resultados en probas matemáticas pero que un uso excesivo (sobre todo de elementos de ocio) leva a un empeoramento deses resultados.
Tamén recompilan algunhas investigacións relacionadas co uso de videoxogos que apuntan a unha mellora "no control executivo, a atención visoespacial, a integración visomotora, a resolución de problemas, a memoria de traballo, a planificación estratéxica, a recompilación de información ou a creatividade".
Entre os efectos negativos da introdución dos dispositivos dixitais no ensino está a "diminución" da capacidade de atención e concentración e da comprensión lectora e hábitos lectores
Porén, os expertos e expertas tamén dan conta dalgúns "efectos negativos e non desexados da introdución das tecnoloxías no desenvolvemento da aprendizaxe", entre os que destacan a "diminución" da capacidade de atención, concentración e memoria de traballo, a "diminución" na comprensión lectora e nos hábitos lectores, "afección" na capacidade interpretativa de textos e toma comprensiva de apuntamentos, a diminución na capacidade no razoamento matemático utilizando pantallas ou programas dixitais, o "desprazamento" da escritura a man e de habilidades manuais, o "atraso e empobrecemento da linguaxe" e da interacción social e, en xeral, o "empeoramento do rendemento académico".
Conclúen neste senso, que "un maior uso das TIC no colexio ten un impacto negativo -e altamente significativo- na puntuación en matemáticas".
O informe pide a "revisión contrastada das ferramentas e aplicacións utilizadas para determinar a súa achega á mellora da aprendizaxe segundo criterio científico"
Por estes motivos, o informe pide unha maior "regulación" dos dispositivos dixitais empregados e unha "revisión contrastada das ferramentas e aplicacións utilizadas para determinar a súa achega á mellora da aprendizaxe segundo criterio científico". Ademais, as recomendacións a curto prazo diríxense á "eliminación" da inclusión de "xogos" nas aplicacións educativas "relacionados con sistemas de gratificación inmediata", o que se coñece como gamificación.