O presidente di que afectará a todos os centros, públicos ou privados, tras as vacacións de Nadal, pero di que aínda falará agora cos centros e as asociacións de nais e pais para concretar o alcance da medida
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este xoves a intención do Goberno galego de prohibir o uso de teléfonos móbiles nos colexios e institutos tamén fóra das aulas, nas entradas e saídas, no recreo, nos comedores ou nas actividades extraescolares. Segundo dixo, a súa intención é que a medida sexa efectiva desde a volta das vacacións do Nadal, pero aínda deberá ser falada coas asociacións de nais e pais e cos propios centros educativos, parte dos cales xa a viñan aplicando, para concretar o seu alcance concreto.
Rueda lembrou, na súa comparecencia tras a reunión semanal do Consello da Xunta, que nos centros educativos galegos xa está prohibido desde 2015 o uso de móbiles nas aulas. Agora a súa intención é prohibilos tamén o resto do tempo, en eidos nos que os centros tiñan autonomía para decidir e nos que algúns xa estaban a restrinxir o uso.
Porén, o propio presidente admitiu que a idea da Xunta aínda ten que ser concretada, entre outras cuestións no referente á idade e se a prohibición chega ata os 16 ou ata os 18 anos. Si confirmou xa que a medida que se adopte será de obrigada aplicación tanto nos centros públicos como nos privados.
A medida será de aplicación tanto nos centros públicos como nos privados pero aínda non está decidido se afectará ata os 16 ou os 18 anos
O presidente foi preguntado sobre como se aplicará a medida, se cunha norma xeral ou a través dos centros, cando se reunirá a Xunta coas asociacións representativas das familias cando xa quedan poucos días para o remate do trimestre, e se haberá que apagar ou depositar os móbiles nalgún lugar.
Rueda evitou concretar esas cuestións e remitiuse a próximas reunións da Consellería de Educación. Si apelou á "colaboración de todo o mundo, empezando coas familias".