As familias rebélanse contra a educación dixital: “Non ensina nada novo, é un pdf na pantalla”

Alumnado con libros de texto dixitais nun instituto galego, durante a época de crise sanitaria pola COVID-19. CC-BY-SA Xunta

O programa de educación dixital E-Dixgal está a ser o foco de cada vez máis críticas por parte das familias galegas, que nos últimos meses están a se mobilizar para socilitar a súa eliminación

Tras dez cursos de rodaxe sen avaliación coñecida dos resultados nin reformulacións nos contidos, o programa de educación dixital E-Dixgal está a ser o foco de cada vez máis críticas por parte das familias galegas, que nos últimos meses están a se mobilizar para socilitar a súa eliminación.

“O E-Dixgal non achega competencias dixitais reais ao alumnado se non que converte a nenos e nenas en meros consumidores de contidos dixitais”. “O E-Dixgal non ofrece contidos cun valor engadido superior ao que ofrecen os libros en formato papel”. Estas son algunhas das eivas que sinalan desde a ANPA Río Tella, do CEIP A Ramallosa (en Teo) e que detallan nunha sorte de manifesto pendurado na súa web, nun apartado específico cuxo nome non deixa lugar a dúbidas sobre o contido: Non Edixgal

“O E-Dixgal non ensina educación dixital nin novas tecnoloxías. É un pdf nunha pantalla”, subliña Paula Bolaño, a secretariaa desta ANPA. 

Cartel da campaña contra E-Dixgal. CC-BY-SA ANPA Río Tella

Unha das principais preocupacións das familias agrupadas nesta ANPA radica na falta de control sobre os contidos online, segundo indican. “O E-Dixgal obriga ao uso de equipos informáticos conectados a internet sen posibilidade de implementar sistemas de control parental. Sabemos que o alumnado se conecta, dentro do recinto escolar e en horario lectivo, a plataformas como Youtube, páxinas de xogos on line ou mesmo RRSS”, argumentan. 

As nais e pais asociados alertan de que os equipos, propiedade da Xunta de Galicia, “non permiten limitar o acceso a internet nin dentro nin fóra do recinto escolar”. Aseguran que xa contactaron (en setembro) coa Consellería de Educación para trasladar a súa preocupación pola falta de control nos equipos e tras unha resposta esperanzadora a día de hoxe non teñen solución. Porén, este xoves o presidente da Xunta explicou, tras o Consello de Goberno, que o Executivo vai “reforzar a navegación segura do alumnado” na rede doméstica a través dunha aplicación que se cargará de xeito automático en todos os portátiles E-Dixgal. 

Segundo di a Xunta, en xaneiro estará completado o despregamento desta aplicación, que permitirá filtrar a actividade do equipo informático e evitar así “accesos non autorizados a sitios con información sensible ou que non son axeitados para o alumnado”. Ademais, o Goberno completa o seu reforzamento da seguridade nos portátiles de E-Dixgal co anuncio dunha guía de boas prácticas para a comunidade educativa. 

Rueda fixo este anuncio ao tempo que informaba tamén da intención do Goberno galego de prohibir o uso de teléfonos móbiles nos colexios e institutos fóra das aulas, nas entradas e saídas, no recreo, nos comedores ou nas actividades extraescolares. Daba así unha resposta á outra gran demanda das familias nos últimos tempos. Segundo dixo, a súa intención é que a medida sexa efectiva desde a volta das vacacións do Nadal, pero aínda deberá ser falada coas asociacións de nais e pais e cos propios centros educativos, parte dos cales xa a viñan aplicando, para concretar o seu alcance concreto.

Un ordenador E-Dixgal. © Xunta

As familias da ANPA Río Tella poñen de manifesto que o  E-Dixgal compromete as familias tamén no económico. “A implicación dos centros no programa é incompatible co acceso a axudas para libros por parte das familias", din. Ademais, a “recomendación” do centro pasa por pagar un seguro polo dispositivo que non garante a cobertura total en caso de accidentes”, aseguran.

Sobre esta cuestión tamén desde o BNG veñen de denunciar a “discriminación” no acceso ás axudas do alumnado de E-Dixgal que, malia o uso das novas tecnoloxías, teñen que mercar igualmente libros de texto, pero quedan fóra das axudas. Segundo asegura, o importe dos libros que as familias teñen que custear de xeito íntegro pode chegar aos 275 euros, dependendo do curso da ESO. O BNG reclama que se modifiquen as bases da convocatoria de axudas do Fondo Solidario de Libros de Texto co fin de rematar con esta “discriminación”, para as familias afectadas solicitaren este mesmo curso unha axuda proporcional.

Perigos para o alumnado exposto a pantallas

Ademais de poñer de relevo a mellorable calidade dos contidos manifestada polos docentes, desde a ANPA Río Tella tamén alertan dunha serie de perigos para o alumnado exposto a pantallas. Tras consultar cun pai do eido sanitario e investigador, detallan que a exposición dos cativos ás pantallas pode producir un empeoramento da comprensión lectora e da escritura así como perda da capacidade de concentración. Alertan tamén de problemas para durmir, problemas de visión, incidencia na caída do cociente intelectual desta xeración de escolares ou condutas aditivas, ansiedade e sedentarismo.

“Xa o ano pasado un grupo de nais queixábase que aos rapaces lles doía a cabeza por estaren entre 5 e 7 horas ao día no ordenador e outras dicían que o alumnado chegaba ao instituto sen saber resumir e con moi mala letra , explica Paula Bolaño, secretaria da ANPA Río Tella

“Xa o ano pasado un grupo de nais queixábase que aos rapaces lles doía a cabeza por estaren entre 5 e 7 horas ao día no ordenador e outras dicían que o alumnado chegaba ao instituto sen saber resumir e con moi mala letra, porque non practicaran”, explica Paula Bolaño. 

O pasado 15 de novembro a Anpa Río Tella do CEIP A Ramallosa decidiu en asemblea solicitar a eliminación do programa dixital, ao tempo que comezaron a recoller sinaturas para sumar apoios. A día de hoxe contan con 230 sinaturas recollidas, que estiman será o 50% das familias do colexio. 

Formulario online creado para solicitar baixa do E-Dixgal CC-BY-SA

Na área de Santiago, tamén un grupo de nais do CEIP López Ferreiro está impulsando a mobilización contra o E-Dixgal, mais desde a ANPA deste centro público queren contar con máis información antes de se posicionar. 

Namentres, o grupo de Telegram Galicia_Adolescencia libre de Smartphones segue a medrar e xa ten máis de 500 persoas. Neste grupo hai tanto persoas preocupadas polo uso dos móbiles pola mocidade como pais e nais mobilizados contra o E-Dixgal. Alí comparten recursos, organizan e difunden as charlas informativas que se están a facer por centros de toda Galicia.

“Sempre é mellor ler nun papel ca no ordenador, pero volver só aos libros non creo que sexa a solución. Estaría ben que o debate fose máis profundo”, relata a presidenta da Anpa do López Ferreiro, Inés Pascual. Nesta asociación tamén levaron o tema á asemblea nas últimas semanas e, segundo asegura, había persoas a favor e na contra, e moitos grises. “Acordamos socilitar unha charla co profesorado, coa dirección do centro e algún experto para termos máis información”, explica Pascual. 

A Confederación de Anpas galegas están a organizar unha xornada, que será en xaneiro en Vigo, con persoas expertas para poder posicionarse sobre o programa de educación dixital

Desde a Federación Olívica de AnpasFoanpas- explican que tamén van levar o asunto E-Dixgal a unha asemblea próxima, pero que de 74 asociacións que forman parte da zona de Vigo xa teñen coñecemento de 20 que defenden a eliminación do programa dixital. De momento, non teñen un posionamento como federación polo que a presidenta fala a nivel individual “O problema é o tipo de educación que se recibe e a que idades, porque para 9 anos igual non é o máis axeitado”, argumenta Iria Salvande. “O investimento en pantallas dixitais e cousas como os polos creativos, cando non temos orientadores ou hai colexios con frío nas aulas por caldeiras defectuosas, non está xustificado”, lamenta. 

“Edixgal é unha ferramenta educativa. Temos que intentar que funcione ben e podemos pedir melloras. Pero hai que ser cautos. Aquí hai un problema máis social ca educativo”, explica a presidenta da Confederación de Anpas galegas, Isabel Calvete. A representante das familias alerta da falta de avaliación e seguimento do programa educativo, que xa leva dez cursos en marcha -“se non se detectan os problemas non se poden ter solucións”, di-, e explica que desde a Confederación están a organizar unha xornada, que será en xaneiro en Vigo, con persoas expertas para se poder postular. “Nunca rexeitamos ningún proxecto educativo sen ter avaliados os pros e contras”, indica. 

Alumnado con libros de texto dixitais nun instituto galego CC-BY-SA Xunta

Calvete recoñece que nos últimos tempos están a chegar máis consultas con dúbidas sobre o E-Dixgal e algunhas son para saber como hai que darse de baixa, porque hai pais preocupados. “A Consellería debería dar máis información”, defende. 

Hai tempo que o sindicato con maior representación no ámbito educativo , a CIG-Ensino, vén alertando das eivas no sistema de educación dixital galego e mesmo chegaron a facer unha enquisa entre o profesorado cuxos resultados debullaban un sistema moi mellorable. A organización remitiulle á Consellería o pasado curso un documento coas principais demandas dos docentes, entre as que se atopaban a baixa calidade dos contidos, a carencia de editoriais galegas ou as restricións arbitrarias no acceso aos contidos. “Cos libros de texto había un nivel de competencia moito maior. Agora simplificouse o mundo editorial e as editoriais galegas quedaron relegadas. Ás veces os contidos son meras traducións”, lamenta Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino. 

Educación salienta que a adhesión ao proxecto E-Dixgal é totalmente voluntaria por parte dos centros, “que deciden se se incorporan a un modelo que leva anos afianzado e funcionando de xeito satisfactorio”

Neste curso estudan a través do dispositivo dixital gratuíto un total de 64.200 alumnos de entre 5º de Primaria e 4º de ESO de 630 centros, 34 deles de nova incorporación con respecto ao pasado curso, segundo os datos da Consellería de Educación.

En resposta a Praza, Educación salienta que a adhesión ao proxecto E-Dixgal é totalmente voluntaria por parte dos centros, “que deciden se se incorporan a un modelo que leva anos afianzado e funcionando de xeito satisfactorio”.

O departamento autonómico subliña tamén que E-Dixgal é unha ferramenta de aprendizaxe complementaria que "non exclúe o uso de libros en papel e de lectura, que se seguen usando de xeito habitual no día a día nas aulas. Do mesmo xeito que non todo o que se fai na aula implicaba usar o libro de texto, non todas as horas lectivas son horas de pantalla". 

Formularios compartidos no Facebook para saír de E-Dixgal CC-BY-SA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.