O 84% dos centros E-Dixgal recuperan os libros de texto ante a crise do programa da Xunta

O conselleiro Román Rodríguez colle un dos libros de texto que agora se recuperan no programa E-Dixgal © Xunta

A Consellaría de Educación recoñece que a recuperación dos libros de texto responde a "unha demanda da comunidade educativa en xeral e das familias en particular"

O pasado mes de maio a Xunta anunciou importantes cambios no programa de educación dixital E-Dixgal, que nos últimos anos vén recibindo duras críticas por parte de de familias e docentes e de voces expertas e que leva dous cursos vendo como se reducen os centros de ensino que participan nel, que xa pasaron de 630 a 597 en só dous anos.

Este martes a Consellaría de Educación detallou que no curso que está a piques de comezar o 84% dos centros que aínda están adheridos a E-Dixgal comezarán a recuperar os libros de texto, un novo "formato híbrido" que busca corrixir as eivas do programa experimental da Xunta.

Durante unha visita ao Colexio Monte dos Postes, en Santiago, o conselleiro Román Rodríguez recoñeceu que a recuperación dos libros de texto responde a "unha demanda da comunidade educativa en xeral e das familias en particular", segundo se destaca en rolda de prensa.

A Xunta ensaia agora un formato "híbrido" buscando corrixir as eivas que nestes anos presentou o seu programa experimental e que motivaron duras críticas de familias e docentes

Xa este luns, ao presentar a nova Lei de educación dixital, o presidente da Xunta anunciou unha limitación dos medios dixitais no ensino, prometendo que a súa incorporación será "progresiva, asegurando sempre 
unha presenza equilibrada e sen substituír as actividades manipulativas" co obxectivo de "acoutar ou seus posibles riscos asociados". 

A Xunta defende agora que "en Educación Primaria, o uso das TIC será gradual e proporcionado, acompasado co desenvolvemento socioafectivo e cognitivo do alumnado e garantindo que non se interfire nas actividades manipulativas e motrices".

A corrección en Educación Primaria (onde E-Dixgal opera para 5º e 6º curso), abrangue ao 82% dos colexios E-Dixgal, que van combinar este curso co emprego de entre un e tres libros. Deles, o 66% optan polo uso de tres libros. No caso da ESO, onde xa se combinaba o libro co ordenador, o 87% dos centros E-Dixgal aposta por reducir o peso dos contidos dixitais, e máis do 70% escollen dous libros en papel.

A corrección en Educación Primaria (onde E-Dixgal opera para 5º e 6º curso), abrangue ao 82% dos colexios E-Dixgal. No caso da ESO, onde xa se combinaba o libro co ordenador, o 87% dos centros E-Dixgal aposta por reducir o peso dos contidos dixitais

En Primaria as materias máis escollidas para a recuperación dos libros de texto son Matemáticas (245 centros), Lingua galega e Literatura (uns 240 centros) e Lingua castelá e Literatura (uns 180 centros). En Secundaria, as materias máis escollidas son Lingua galega e Literatura e Lingua castelá e Literatura.

A Consellaría de Educación anunciou tamén que por primeira vez o alumnado dos centros E-Dixgal terá tamén acceso á "gratuidade" dos libros de texto "nas mesmas condicións de renda que opera para o resto do alumnado". 36.109 alumnos e alumnas beneficiaranse así de 47.521 libros de préstamo adquiridos pola Consellaría, un fondo que opera para rendas de ata 10.000€/per cápita.

Ordenador E-Dixgal © Xunta

Román Rodríguez engadiu que a combinación de material tradicional e dixital é “unha pequena parte” das "melloras" que "se irán enriquecendo" ao longo de este e do vindeiro curso, con cambios nos contidos e materiais, na formación do profesorado e relacionados co benestar dixital, a seguridade e apoio ás familias e a xestión do programa.

As críticas a un programa en crise

A oposición máis importante chegou por parte das nais e pais e unha ampla enquisa realizada pola Confederación de Anpas Galegas amosou que 7 de cada 10 familias se amosaban "en total desacordo" ou "en desacordo" coa continuidade do programa. 

A oposición máis importante chegou por parte das nais e pais e unha ampla enquisa realizada pola Confederación de Anpas Galegas amosou que 7 de cada 10 familias se amosaban "en total desacordo" ou "en desacordo" coa continuidade do programa. O 73% das nais e pais que responderon a enquisa rexeitaron que o programa supuxera unha mellora na aprendizaxe e só un 11% concordaba con este suposto beneficio do Edixgal. Ademais, un 37% das familias alertaban de que os seus fillos e fillas agora "comprenden peor o que len". A primeira reacción da Consellería de Educación foi restar valor á enquisa realizada por Anpas Galegas, subliñando o departamento que a mostra non era "representativa" 

Tamén os expertos do Ministerio de Xuventude recomendaron nun informe "priorizar" o ensino analóxico en Primaria, onde se usa E-Dixgal a partir do 5º curso. Son numerosas as voces que veñen alertando contra o prexuízo dunha excesiva énfase nos contidos dixitais e nos dispositivos electrónicos que deixe de lado os libros e a escrita e lectura tradicionais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.