Plan laboral da Xunta para paliar o "impacto" da regularización de migrantes malia que só o 5% está no paro

Funcionaria do Estado atendendo solicitudes de regularización © Ministerio de Inclusión, SS e Migracións / Tony Magan

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns a posta en marcha dun plan dotado con máis de 2,6 millóns para facilitar a integración laboral das persoas acollidas á regularización extraordinaria de migrantes impulsada polo Goberno de España o pasado mes de abril. 

A Xunta impulsa un plan para a integración laboral de migrantes regularizados no proceso do Goberno de España porque hai "máis de 2.100 inscritos nas oficinas de emprego en Galicia"

Rueda xustificou a posta en marcha deste programa, en parte, polo "impacto" que esta regularización está a ter xa nas cifras de paro rexistrado no país, "con máis de 2.100 persoas inscritas nas oficinas de emprego da comunidade como consecuencia deste proceso”. Son datos a peche do mes de agosto, segundo aclara a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. 

O caso é que o número de migrantes regularizados no proceso extraordinario en Galicia que se atopan agora no paro supoñen menos do 2% do total de persoas paradas na comunidade autónoma (case 110.000) e arredor do 5% do total de migrantes que se acolleron a ese proceso e solicitaron os papeis, un total de case 39.000. 

Oficina de emprego en Ferrol CC-BY-SA Xunta

Ademais, a 31 de agosto pasado —e á espera de que se actualicen os datos—, máis dun terzo das persoas que solicitaron a regularización extraordinaria (arredor do 35%) estaban traballando xa legalmente. Case 14.000 dadas de alta na Seguridade Social e cotizando, un dato ao que non fixo referencia Rueda este luns na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta onde se analizou o programa de integración laboral. 

A finais de xullo, máis dun terzo das persoas acollidas á regularización xa estaban traballando legalmente; as 2.100 en paro supoñen o 5% delas e menos do 2% do total de persoas paradas

Tendo en conta que moitas das persoas que se acolleron á regularización son maiores que xa non están en idade de traballar ou menores, a proporción de migrantes que entrou no mercado laboral é elevada, ao que hai que engadir aquelas que intentan acceder a el a través das oficinas de emprego. De feito, o proceso permitiu frear levemente a destrución de emprego no pasado mes de agosto, aínda que tamén fixo que aumentase algo o incremento do paro. 

Todo cando os últimos datos da Seguridade Social indican que o mercado laboral continúa o seu camiño ascendente grazas ao número de cotizantes estranxeiros, que roza os 100.000 no país (96.819) en agosto logo dun incremento de case 19.000 no último ano. O 80% dos novos postos de traballo son ocupados por xente vida de fóra, o que permite incrementos de emprego de récord en Galicia. 

"Impacto sobre os servizos públicos"

A Xunta pretende con este plan"atallar unha das numerosas eivas denunciadas pola Administración autonómica sobre o procedemento posto en marcha polo Executivo central: a ausencia de medidas de acompañamento efectivas que se traduzan en oportunidades reais de emprego para acadar unha integración plena". 

Hai case 100.000 traballadores estranxeiros en Galicia tras un incremento de case 19.000 en agosto, unha contribución clave para a boa saúde do mercado laboral

Así, Rueda aproveitou a presentación da iniciativa para criticar o Goberno de España, con que a Xunta "non está de acordo" pola súa "maneira" de "realizar esta regularización". "Non se consultou ás comunidades, nin se avaliou o seu impacto sobre os servizos públicos do Estado de Benestar e tampouco se garantiron os fondos para garantir unha correcta integración destas persoas”, explicou.

O propósito da Xunta é "promover unha migración ordenada, segura e eficaz e que ademais estea conectada coas necesidades do tecido produtivo e a urxencia de cubrir postos vacantes” das empresas, engadiu Rueda, que marca tamén como "obxectivo" que, "polo menos nun principio, 500 persoas desas 2.100 logren emprego”, indicou o presidente da Xunta, garantindo que “a súa permanencia na comunidade estea vencellada a existencia dun contrato”.

“O obxectivo é promover unha migración ordenada, segura e eficaz", di Rueda

A Xunta explica que a primeira fase do programa, baseado en microcredenciais para a integración laboral e que irá ata finais de 2027, prevé itinerarios individualizados de formación e inserción laboral que comezarán coa selección das persoas participantes e coa prospección das empresas para identificar os sectores e postos con maiores posibilidades de contratación. A partir desa información deseñaranse accións formativas de carácter breve adaptadas aos postos de traballo.

Os itinerarios incluirán orientación, diagnose, formación e acompañamento durante todo o proceso, así como formación en igualdade e apoio para obter o permiso de condución da clase B. A etapa final centrarase na casación entre ofertas de emprego e persoas participantes, na súa inserción laboral e no seguimento posterior.

Convenio con nove entidades

O programa inclúe a sinatura de convenios de colaboración con “nove entidades sen ánimo de lucro: Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo, Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, ONG Rescate Internacional, Unións Agrarias-UPA, Fundación Juan Soñador, Asociación Ecos do Sur, ONG Mestura e Cruz Roja Española en Galicia. 

Rueda, ademais, encadra este programa dentro da estratexia "de captación de talento exterior da Xunta", baseada nun "modelo propio de inmigración ordenada, segura e eficaz, vinculado ás necesidades do tecido produtivo". Nesta folla de ruta o presidente considera "prioritario" contar coas competencias sobre as autorizacións iniciais de traballo, unha transferencia que a Xunta negocia co Goberno central. “Esperamos que antes de que remate o mes ou no vindeiro mes de outubro se poida culminar esa transferencia”, rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.