A regularización impulsa o emprego en Galicia, que gaña 13.000 afiliacións en xullo

Persoal da construción nunha obra en Galicia CC-BY-NC-SA Foto: CIG / Montaxe: Praza.gal

Galicia alcanzou neste pasado mes de xullo un novo récord de afiliacións medias á Seguridade Social, sumando case 1.136.000, no que supón outra marca de emprego, co maior número de persoas cotizantes traballando na historia. A cifra alcánzase logo de que o país sumase un total de 22.464 empregos máis no último ano e case 13.000 no último mes, unha suba esta do 1,15% que supera en case un punto á rexistrada no conxunto do Estado. 

Galicia gañou case 13.000 empregos en xullo e arredor de 22.500 no último ano

O impulso ao emprego en xullo que reflicten os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións explícase polas contratacións de cara á temporada estival e turística, pero tamén pola regularización extraordinaria de persoas migrantes impulsada polo Goberno de España e cuxo prazo para presentar solicitudes finalizou o pasado 30 de xuño. 

Un mes despois, a 30 de xullo, o número de persoas afiliadas estranxeiras regularizadas en alta por este proceso extraordinario ascendía en Galicia ás 11.301. Máis de 11.000 persoas que xa estaban traballando legalmente nesa altura, practicamente tres de cada dez das perto de 39.000 que se acolleron a este procedemento especial desenvolvido desde mediados de abril e até finais de xuño. 

Máis de 11.300 persoas migrantes regularizadas no proceso extraordinario xa están traballando legalmente: o 30% de todas as que se acolleron ao procedemento

Tendo en conta que ata ese último día de xuño foran arredor de 7.400 as persoas regularizadas extraordinariamente que xa estaban afiliadas á Seguridade Social en Galicia, tan só no mes de xullo foron case 4.000 (3.911 en concreto) as e os traballadores estranxeiros que se acolleron ao proceso que se incorporaron ao mercado laboral legalmente. 

Así, e aínda que Galicia leva meses acumulando récords de emprego, a regularización extraordinaria de migrantes supón un pulo importante á afiliación de milleiros de persoas que agora teñen papeis e xa poden asinar o seu primeiro contrato de traballo. 

No conxunto de España, a cifra de persoas estranxeiras afiliadas en alta pola regularización extraordinaria ata o 30 de xullo é de 262.475, estando máis do 80% empregadas como asalariadas, mentres que case un 5% don traballadores autónomos. Ademais, o 60% son homes e o 40% mulleres. 

Como ocorre no conxunto do Estado, o peso do traballo estranxeiro en Galicia é cada vez maior e, á espera dos datos actualizados de xullo, alcanzou xa o 8%. O total de persoas migrantes afiliadas rolda as 90.000, que son 15.000 máis que hai dous anos, 50.000 máis que hai cinco e 60.000 máis que hai unha década. 

O paro rexistrou unha suba "atípica" tanto en Galicia como en España: son 1.554 persoas paradas máis no país en xullo

O aumento da creación de emprego en Galicia en xullo céntrase, sobre todo, no sector servizos e máis concretamente en actividades como hostalaría. En concreto, dos 11.756 afiliados e afiliadas medias máis no último mes nos réximes xeral e agrario, 5.518 corresponden á hostalería, case a metade. 

En canto aos datos do paro, rexistrou un incremento en Galicia de 1.554 persoas en xullo con respecto a xuño, un 1,47% máis segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que explica esta suba "atípica" que se dá tamén en todo o Estado na sensibilidade cada vez menor á estacionalidade e na redución da media de baixada tras a reforma laboral. 

Así, a cifra de paro en Galicia queda nas 107.322 persoas, que son 536 menos que hai un ano logo de que o número de parados rexistrados aumentase no pasado mes en todas as provincias e en termos anuais só caese nas da Coruña e Pontevedra. 

Ademais, o paro só descendeu na agricultura, aumentando no resto de sectores, mesmo nos servizos, con 1.046 persoas rexistradas nos servizos de colocación. 

O 28% dos contratos asinados en Galicia en xullo foron indefinidos fronte ao 39% no conxunto do Estado

Por outra banda, en Galicia algo máis do 28% dos contratos asinados en xullo foron indefinidos, unha porcentaxe habitual neste mes e mesmo lixeiramente superior ao do mesmo mes do ano pasado,pero que segue a estar por debaixo da cifra a nivel estatal, onde a porcentaxe é de case o 39%, máis de dez puntos por riba. 

Desde a Xunta, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, destacou que Galicia vén de acadar por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións e o mínimo de paro nun mes de xullo

Ademais, Lado tamén sinalou que tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración o país acadou a cifra máis baixa de paro para un mes de xullo de toda a serie histórica, que comeza en maio de 2005. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.