A taxa de paro cae por baixo do 8% en Galicia por primeira vez desde 2007

CC-BY-NC-SA Foto: CIG / Montaxe: Praza.gal

A taxa de paro caeu no segundo trimestre de 2026 en Galicia por baixo do 8% por primeira vez desde 2007 ao retroceder máis dun punto e pasar do 8,96% ao 7,94%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que fixo públicos este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE). 

É a sexta vez en 30 anos que a taxa de paro en Galicia baixa do 8%, porcentaxe a partir da cal se considera pleno emprego

É a sexta vez en trinta anos que a taxa de desemprego non chega en Galicia ao 8%, xusto limiar a partir do cal en España se considera pleno emprego. E a cifra vai en liña coas previsións que fixo a Xunta este luns ao presentar o teito de gasto non financeiro dos seus orzamentos, nas que fala dun 8,1% de paro este ano e dun 7,7% para o vindeiro

O descenso chega malia a baixada na ocupación en máis de 6.000 persoas con respecto ao primeiro trimestre do ano. O emprego foi a menos en todos os sectores agás no dos servizos, onde se crearon uns centos de postos de traballo fronte ás perdas de case 3.000 na agricultura e na industria e de 2.000 na construción.

Indo máis ao detalle, a creación de emprego no segundo trimestre con respecto ao primeiro céntrase no comercio, o transporte e a hostalaría, onde o número de ocupados aumentou en máis de 15.000.

Galicia perdeu máis de 6.000 empregos nun trimestre tras caer a ocupación en todos os sectores agás no dos servizos 

Así, foi a caída no número de persoas activas ou en busca de emprego o que permitiu que se reducise a taxa de paro, que se mantén por baixo da media do Estado, onde a cifra de poboación activa está en máximos históricos. 

Non é así en Galicia, onde o número de persoas activas descendeu en 21.000 nun trimestre, aínda que aumentou en 1.500 con respecto a hai un ano. 

Case 15.000 persoas paradas menos

Así e todo, o número de ocupados e ocupadas en Galicia alcanzou os 1,172 millóns, que son 6.500 máis que nesta altura en 2025, deixando a taxa no 48,8%, unha décima peor que daquela. En canto ao número de persoas paradas, reduciuse en case 15.000 con respecto ao primeiro trimestre ata alcanzar as 101.100, 5.000 menos que hai tres meses. 

Todo en referencia aos datos do segundo trimestre do ano, normalmente positivo para o emprego en Galicia, pero aínda á espera das masivas contratacións de cara á temporada de verán e turística. 

No conxunto do Estado, a taxa de paro caeu por baixo do 10% por primeira vez desde 2008 e a poboación activa alcanzou un récord de 25.274.300 persoas. Ademais, o paro baixou en 213.300 persoas e o número de ocupadas é xa de 22,77 millóns, superando a marca de 22,46 do peche do pasado ano. 

En Galicia hai 16.000 persoas máis que hai un ano traballando a xornada completa e 10.000 menos facéndoo a xornada parcial

Por outra banda, e no que atinxe ao tipo de xornada da poboación ocupada, o mercado laboral galego consolida a tendencia de ter máis dun millón de persoas traballando a xornada completa, o cal deixara de suceder en 2009, segundo as series temporais dispoñibles. Ese limiar xa se superara no verán de 2024 e as cifras están por riba dende o segundo trimestre de 2025. 

Así, neste segundo trimestre do ano a cifra é de case 1,022 millóns de persoas traballando a tempo completo fronte a 150.200 facéndoo a xornada parcial. A poboación ocupada a xornada completa está formada por 16.000 persoas máis ca un ano antes e a que desempeña o seu posto de traballo a tempo parcial é de case 10.000 persoas menos. En ambos casos, as cifras tamén melloraron con respecto ao trimestre anterior. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.