Tras superar os 10.000 millóns en 2020, as contas galegas baterán un novo récord e prevén un aumento do PIB do 1,9%
O Consello da Xunta aprobou este luns o teito de gasto non financeiro dos seus orzamentos para 2027, que será de 15.022 millóns de euros. A cifra supera por primeira vez os 15.000 millóns apenas sete anos despois de que en 2020 superase os 10.000 millóns. A contía debe agora ser aprobada polo Parlamento a próxima semana e despois desenvolta pola Xunta nos seus Orzamentos detallados, que se presentarán no outono.
O Goberno galego salientou este luns que os 15.000 millóns de teito de gasto supéranse malia que 2027 será o primeiro ano desde 2020 sen fondos extraordinarios europeos ou estatais pola pandemia da COVID-19 daquel ano ou para a recuperación económica de anos posteriores.
As contas da Xunta baséanse nunha previsión de crecemento do PIB galego do 1,9% e nunha taxa de paro que baixará do 8,1% da poboación activa previsto para este ano ao 7,7% para o ano próximo.
A este novo récord orzamentario aínda pendente de concretarse chégase logo de sucesivos récords na recadación da Xunta por impostos e ao tempo que o PP carga contra o Goberno de España por aumentar eses ingresos.