A regularización pode explicar un mes de agosto que no conxunto do Estado destruíu moitos menos postos de traballo que outros anos aínda que tamén viu aumentar o número de persoas inscritas nos servizos de procura de emprego
Agosto adoita ser un mes de destrución de emprego. O remate de moitas das contratacións do verán, especialmente no sector turístico e hosteleiro, dan lugar todos os anos a un incremento nas cifras de desemprego e a unha redución das afiliacións á Seguridade Social. Os datos deste mes de agosto, coñecidos este mércores, non foron unha excepción.
Pero neles introdúcese un importante factor que debe ser considerado: os efectos da regularización extraordinaria de poboación estranxeira, que tivo como resultado a legalización dun gran número de traballadores e traballadoras que anteriormente realizaban a súa actividade de maneira irregular. A regularización de migrantes pechouse con preto 38.000 peticións en Galicia.
A regularización pode explicar, nese senso, un mes de agosto que no conxunto do Estado destruíu moitos menos postos de traballo que outros anos -a afiliación descendeu en 162 mil persoas, a cifra máis baixa dende o postpandémico 2021- aínda que tamén viu aumentar o número de persoas inscritas nos servizos de procura de emprego (+44.419, a maior dende 2019), debido á incorporación de moitos estranxeiros regularizados ao mercado legal de traballo.
En agosto o paro rexistrado aumentou en Galicia en 2.369 persoas, algo por riba da media do Estado
Galicia non foi unha excepción. En agosto o paro rexistrado aumentou en 2.369 persoas (un 2,21%), algo por riba da media do Estado (+1,92%), deixando o número total de persoas que buscan activamente un emprego en 109.691. A cifra é exactamente a mesma que hai doce meses, mentres que no conxunto de España si se produce un descenso interanual de máis de 70 mil persoas desempregadas menos.
O pasado ano o mes de agosto significou un aumento de 1.833 na cifra de persoas inscritas nos servizos públicos de procura de emprego.
O número de persoas afiliadas á Seguridade Social descendeu en Galicia en 1.466 en agosto. O pasado ano neste mes destruíranse 2.279 empregos
De igual xeito, o número de persoas afiliadas á Seguridade Social descendeu en Galicia en 1.466 en agosto (un 0,13% menos), ata as 1.134.483. O pasado ano neste mes destruíranse 2.279 empregos.
En relación ao mesmo mes do pasado ano, o número de persoas con emprego en Galicia aumenta en 23.276 (+2,09%), unha evolución algo peor que a rexistrada no conxunto do Estado (+3,13%).
O paro incrementouse especialmente no sector servizos (+1.801 persoas) e tamén no colectivo de persoas sen emprego anterior (+445)
En agosto o paro incrementouse en Galicia especialmente no sector servizos (+1.801 persoas) e tamén no colectivo de persoas sen emprego anterior (+445). Fíxoo tamén na industria (-68) e na construción (-111) e descendeu unicamente no sector primario (-56).