Dende este 3 de xullo a corporación comeza a aplicar os seus estatutos adaptados á nova lei dos medios públicos, aprobados o 19 de maio no Consello da Xunta presidido por Diego Calvo sen incluílo na súa referencia pública
Dende o pasado abril está vixente a nova lei dos medios públicos de comunicación de Galicia. A norma, aprobada en solitario polo PP no Parlamento, trae consigo cambios organizativos relevantes. Entre os máis significativos está a introdución dunha disposición que permite aos populares nomear á nova directora xeral, Concepción Pombo, apoiándose na súa maioría absoluta e sen necesidade de obter a maioría reforzada de 45 ou 50 escanos que era imprescindible na anterior lei de 2011, a cal nunca chegou a aplicarse neste aspecto.
Outra das mudanzas máis relevantes, esta no plano simbólico, foi a decisión de renomear a antiga Corporación Radio e Televisión de Galicia, que seguirá sendo CRTVG tras a súa primeira gran reforma, a que concentrou nunha soa sociedade as dúas empresas (Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A.) da antiga Compañía de Radio e Televisión de Galicia. O ente é agora por lei a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, a CSAG, nova denominación que vén de entrar definitivamente en vigor tras aprobalo a Xunta a mediados de maio sen facelo público.
Este pasado 2 de xullo, segundo puido confirmar Praza.gal, os medios públicos galegos completaron o trámite para formalizar os seus novos estatutos, adaptados á nova lei, e dende este xoves, día 3, xa operan a todos os efectos como CSAG. Como marca a propia normativa, os estatutos reformulados tiveron que ser aprobados antes polo Consello da Xunta e iso sucedeu o 19 de maio, aínda que o Executivo galego non incluíu o asunto na referencia pública dos asuntos tratados nesa xuntanza.
A implantación oficial da nova denominación chega en vésperas do nomeamento da directora xeral, Concha Pombo, só cos votos do PP no Parlamento en virtude dunha excepción incluída na nova lei
O Consello reuniuse nesa data presidido polo conselleiro da Presidencia ao atoparse o presidente, Alfonso Rueda, de viaxe en Madrid para asistir á xunta directiva do PP na que Alberto Núñez Feijóo convocou o congreso do partido, que se celebra esta fin de semana. A referencia pública da reunión do Goberno encabezada por Diego Calvo incluíu 28 asuntos, vinte deles coa forma xurídica de "acordo", e ningún deles foi o relativo ao cambio de nome da CRTVG por CSAG.
Alén da discreción deste movemento que permitiu, entre outros aspectos, que Calvo non fose cuestionado pola prensa sobre os medios públicos tras esa xuntanza, o certo é que a antiga CRTVG xa está a aplicar a súa nova denominación nalgúns ámbitos. Así, por exemplo, xa incluíu no seu sitio web un redeseño do logotipo, no que segundo avanzara gaña presenza o "G" que vén identificando os medios públicos galegos dende o seu último gran cambio de imaxe corporativa, o do ano 2006. Do mesmo xeito, a corporación pública está a adaptar o seu funcionamento interno á nova denominación en aspectos cotiáns como trámites e contratos.

A fin da denominación histórica e o nacemento real da nova CSAG chega apenas catro días antes de que o pleno do Parlamento ratifique de vez o nomeamento da nova directora xeral. Despois de dúas votacións nas que o "non" de BNG e PSdeG certificou a ausencia de maioría reforzada, este vindeiro martes os votos da maioría absoluta da PP xa serán dabondo, conforme á nova lei, para elixir a Concha Pombo como substituta de Alfonso Sánchez Izquierdo, elixido en 2009 ao abeiro da lei de 1984 -que permitía a designación directa pola Xunta- e que dirixiu a extinta CRTVG con mandato indefinido grazas a unha reforma inserida polo PP igualmente en solitario en 2015.