O Parlamento vota por primeira vez a dirección da agora chamada CSAG. Os votos do PP non foron dabondo para nomear xa á súa candidata pero si o serán dentro dun mes pola cláusula inserida pola Xunta que permite esquivar a maioría reforzada e limitarse á absoluta
Sen sorpresas. Por primeira vez na historia da autonomía, o pleno do Parlamento votou este martes a dirección xeral dos medios públicos de comunicación, a antiga CRTVG, agora denominada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) en virtude da nova lei que a rexe, en vigor dende o pasado abril. E fíxoo cos votos do PP apoiando á súa candidata, Concepción Pombo. En primeira volta a maioría absoluta dos populares non foi dabondo para nomeala, pero si o será dentro dun mes.
Esta votación foi inédita en si mesma. Foino aínda que, nos últimos catorce anos, Galicia xa contaba cunha lei que obrigaba a elixir a dirección xeral da daquela CRTVG a través do lexislativo e facelo, ademais, por maioría reforzada de 45 ou 50 escanos, o que facía insuficientes os votos do PP. Pero ese precepto legal nunca foi utilizado.

Ao contrario, os populares desactivárono de facto cando, en 2015, aprobaron en solitario unha disposición que permitiu manter indefinidamente no posto a Alfonso Sánchez Izquierdo, designado directamente por Feijóo tras chegar á Xunta en 2009 ao abeiro da lei de 1984, que facía depender o posto do Goberno e non do Parlamento. Así, dezaseis anos despois, Sánchez Izquierdo -de 76 anos- retírase de vez do mando dos medios públicos e o posto pasa a exercelo quen viña sendo xefa de informativos da casa -de todos os seus soportes- dende 2017.
O Goberno xustificou rebaixar o limiar da votación para "evitar a prolongación de situacións de interinidade" tras manter así o ata agora director, Sánchez Izquierdo, dende 2012
Como é sabido, o actual Goberno do PP de Alfonso Rueda inseriu na nova lei unha vía de escape para a elección da dirección xeral por maioría reforzada. O texto indica e a persoa titular do posto "é elixida polo Parlamento por maioría de dous terzos", isto é, 50 escanos. Se, como aconteceu este martes, "non se acadar esta maioría", bota a andar un "prazo dun mes" tras o cal se "poderá repetir a votación e abondará" con tres quintos dos votos, 45 escanos que Pombo tampouco vai lograr por non ter o apoio do BNG nin do PSdeG.
Pero "e non se acadar a maioría de tres quintos", chegará coa maioría absoluta "na seguinte sesión plenaria", di a nova lei. Será así como os 40 representantes do PP nomeen a Concha Pombo o vindeiro xullo. Este mecanismo xustificouno o Goberno galego no propio texto legal para "evitar a indebida prolongación das situacións de interinidade" tras manter no posto interinamente por tempo indefinido a Sánchez Izquierdo dende mediados de 2012 ata este 2025.
O BNG ve no tratamento do caso Villares o mellor "exemplo" do labor dende 2017 da vindeira directora xeral como xefa de informativos. O PSdeG subliña o seu "palmarés insuperable en manipulación informativa"
En liña co expresado nas últimas semanas, antes da votación deste martes o PP defendeu a idoneidade de Pombo para o posto. O BNG, pola súa banda, reiterou que a mellor mostra do que está por vor coa vindeira directora xeral, unha "candidata de parte", son os "oito anos que leva exercendo con mar de ferro o control político" nos servizos informativos, unha "terminal de propaganda" para a Xunta e o partido que a sustenta na que, resaltou Olalla Rodil, serve como "exemplo palmario" o xeito en que os Telexornais están a cubrir o caso Villares.
Por parte do PSdeG, Silvia Longueira ironiza coa ausencia de "suspense" a respecto de que que non é ningunha "sorpresa" que Concha Pombo vaia "ser a responsable das próximas campañas de propaganda do PP". "Esta designación foi decidida no despacho do presidente da Xunta co único obxectivo de seguir alimentando a máquina de publicidade do seu partido" e tras un "palmarés insuperable en manipulación informativa, recorte de dereitos laborais e desprezo pola lingua galega".