A candidata do PP á CRTVG esgrime as súas "decisións capitais" nos informativos como aval para o posto

Concepción Pombo, comparecendo como candidata do PP á dirección xeral da CSAG, este 27 de maiono Parlamento CC-BY-NC-SA Praza.gal | Sinal institucional Parlamento

Concepción Pombo ten asegurada a súa elección como nova directora xeral dos medios públicos. Será a primeira da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), na que a nova lei transformou a ata agora Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). 

Concha Pombo comparece no Parlamento sen necesidade de captar apoios de BNG ou PSdeG ao ter asegurada a elección só cos votos dos populares grazas á nova lei que eliminou a maioría reforzada de 45 ou 50 escanos como requisito indispensable

A redacción da norma permite que a maioría absoluta do PP sexa dabondo para a súa designación se non acada a maioría reforzada (50 ou 45 escanos), condición indispensable na anterior lei, a de 2011, que nunca chegou a aplicarse. Con este pano de fondo completou este martes o trámite de comparecer ante a comisión do Parlamento encargada de controlar a agora chamada CSAG sen necesidade de procurar apoios nas filas do BNG ou do PSdeG ou captar un "si" no deputado de DO, Armando Ojea, que ve na aspirante unha "visión nesgada cara aos medios privados".

Quen é coñecida no sector como Concha Pombo iniciou o proceso remitindo un currículo no que salientaba que "os servizos informativos da CRTVG consolidaron a súa posición como referencia" baixo a súa dirección, dende 2017 ata a actualidade, "grazas a coberturas constantes e rigorosas". E culminouno esgrimindo as súas "decisións capitais" neste mesmo ámbito como aval para obter un posto ao que chega, salientou tamén, tras unha traxectoria iniciada "de bolseira hai 27 anos" nos propios medios públicos galegos.

Coa nova lei, a CRTVG pasou a ser a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

Despois de acumular "experiencia en todas as quendas" da corporación, dunha incursión no sector privado e tamén como responsable do gabinete da Consellería de Emigración no derradeiro goberno de Fraga, mencionou, Pombo salienta entre os seus méritos "coberturas que puxeron a proba a capacidade da dirección de informativos". Dende "o momento máis complicado da historia recente de Galicia", a pandemia da COVID, ata o apagamento do pasado 28 de abril, no que "demostramos ser referentes".

Os populares eloxian a súa aspirante como "impecable" e con "excelente praxe profesional" e aseguran que son BNG e PSdeG quen "tratan de interferir no traballo dos xornalistas"

Alén do seu propio currículo, Pombo centrou a súa intervención na defensa dun novo sistema de medición de audiencias que non atenda só aos audímetros e sume o impacto en plataformas e redes sociais, así como en asegurar que dende a dirección xeral culminará a dixitalización da Televisión de Galicia e da Radio Galega. Tamén, mantén, vai "reforzar a marca G" e así "o cambio de CRTVG a CSAG", que "pode dar vertixe", non vai "resultar traumático" porque "a nosa gran marca é o G da Galega" que, "agora que superamos os marcos da radio e da televisión" representa "todo".

Pombo evitou, tanto na súa intervención inicial como na de resposta, os tirapuxas cos grupos da actual oposición. Non fixo o mesmo a deputada que interveu no nome do PP, Carmen Pomar, que alén de eloxiar a Concha Pombo como "impecable", a "mellor candidata posible" cunha "excelente praxe profesional" e "criterio propio que garante a súa independencia, centrou o seu discurso en cargar contra BNG e PSdeG. 

Carmen Pomar (PP), Olalla Rodil (BNG), Silvia Longueira (PSdeG) e Armando Ojea (DO), durante a comparecencia de Concha Pombo no Parlamento CC-BY-NC-SA Praza.gal / Sinal institucional Parlamento

Nacionalistas e socialistas, acusa a ex-conselleira de Educación, son quen "tratan de interferir no traballo dos xornalistas" da Televisión de Galicia e da Radio Galega. E tamén están por tras, afirma, do que descualifica como "feroces ataques sindicais" ou "boicots" que, mantén, sufriu a CRTVG nos últimos anos. Fronte ao "bochorno" e a "indecencia" da esquerda a respecto dos medios públicos, conclúe, o PP traballa "polo ben común". Porque ao contrario dos "cambalaches" en Radio Televisión Española, "aquí non se reparten postos nin se piden carnés", dixo tras cargar contra o que considera ausencia de vontade de consenso da esquerda ou caricaturizar a Ana Pontón como "suposta lideresa" do BNG.

Rodil (BNG) pide a Pombo que "free a deriva" da que participou como directiva "dunha das etapas máis nefastas para o pluralismo" nos medios públicos. "Había tres candidatos: Feijóo, Rueda e vostede e elixiron á máis radical", ironiza Longueira (PSdeG)

Para a voceira do BNG, Olalla Rodil, dadas as circunstancias só resta reclamarlle a Concha Pombo que "free a deriva" na que, como directiva, foi partícipe "dunha das etapas máis nefastas para o pluralismo" nos medios públicos. "Non podemos avalar a quen é parte dunha traxectoria" na que "calquera que non sexa do PP é susceptible de ser cancelado" na ata agora CRTVG, sostén a nacionalista, que entre lembranzas aos máis de 300 venres negros de Defende a Galega advertiu a Pombo de que "para querer á Galega hai que respectala" e "devolverlla ao conxunto da sociedade" porque "tamén somos galegos os que non votamos ao PP".

"Queremos querer á Galega, claro que queremos, pero a Galega non nos quere a nós", resumiu Silvia Longueira no nome do PSdeG. Para a nova xeira dos medios públicos, ironizou, o PP valorou "tres candidatos": Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda e Concha Pombo, "e escolleron á máis radical posible". As protestas dos venres negros, os "traballadores expedientados" ou a "liña política" dos medios públicos consigo como xefa de informativos deixan "moito que desexar".

Pombo, pola súa banda, evitou responder. A súa aspiración, asegura, é "encabezar un servizo público de calidade, excelente". E tamén "comprometido coa diversidade de Galicia", afirma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.