Concepción Pombo: a elección do PP para dirixir os medios públicos sae da actual cúpula

Instalacións centrais dos medios públicos en San Marcos (Santiago) e unha imaxe de Concha Pombo participando nunha xornada da FAPE en 2022 CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: © CRTVG / Fape |

Os populares propoñen á responsable da área da que dependen os servizos informativos como substituta para Sánchez Izquierdo á fronte da agora denominada CSAG, antiga CRTVG

A principios do pasado abril comezaron a correr os prazos fixados na nova lei dos medios públicos. A segunda gran reforma da antiga Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), renomeada pola norma como Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), ten entre as súas principais novidades a eliminación da maioría reforzada (dous terzos ou tres quintos do Parlamento) como requisito imprescindible para remudar a Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral do ente público dende 2009. Agora abondará coa maioría absoluta da que goza o PP.

A entrada en vigor da nova lei implicou unha nova caducidade do mandato de Sánchez Izquierdo, que permanecía no cargo por tempo indefinido grazas a unha reforma aprobada polos populares en 2015 para que salvase o límite de cinco anos fixado na lei de 2011. Desta volta non haberá continuidade indefinida na persoa, pero si na liña da dirección. Os conservadores xa teñen nome para substituílo: Concepción Pombo Romero, ata agora membro da cúpula da corporación como responsable da área da que dependen os servizos informativos.

Concha Pombo (segunda pola esquerda), participando nunha xornada da Federación de Asociacións de Xornalistas de España en 2022 © Elena Hidalgo / FAPE

Este martes, data límite para rexistrar as propostas de candidaturas para a primeira dirección xeral da CSAG, o partido que sustenta o Goberno formalizou no Parlamento a proposta. Fíxoo sen que o nome conte co aval do BNG ou do PSdeG. Pero, ao contrario do que acontecía co nunca utilizado mecanismo da lei de 2011, esa ausencia de pacto coa actual oposición non implica que a elección vaia fracasar: se na primeira votación non logra 45 ou 50 votos a prol, os 40 do PP serán suficientes no segundo intento.

A nova lei garante que a maioría absoluta do PP será dabondo para nomeárena 

Pombo Romero, coñecida frecuentemente en ámbitos profesionais como Concha Pombo, leva dende 2017 dirixindo a Área de Información e Documentación da CRTVG. Baixo o seu mando veu estando a Subdirección de Xestión dos Servizos Informativos, que encabeza Alejandro López Carballeira e da que dependen os dous redactores xefes, Marta Darriba e Marcos Sueiro (TVG), tamén a xefatura de Planificación Informativa, actualmente en mans de Alberto Varela (Radio Galega) e a de Documentación e Arquivo, que depende de María Jesús López. 

Na área dirixida por Pombo veuse encadrando tamén a Dirección Operativa dos Servizos Informativos. Á súa fronte está dende 2017 Pilar Bermudez, quen fora directora de informativos da TVG dende 2009, cando tras a chegada do PP á Xunta Feijóo designou a Sánchez Izquierdo ao abeiro da lei de 1984, que contemplaba o nomeamento da dirección xeral polo Goberno sen consulta ningunha ao Parlamento.

Coa nova lei, a CRTVG pasa a ser a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

O PP defende que con Pombo Romero "aposta por un perfil independente e de consenso" para a primeira dirección xeral da nova CSAG. Dela salientan que "conxuga unha dilatada traxectoria profesional" con "coñecemento" dos medios públicos e "experiencia na coordinación e xestión de recursos humanos". Agregan ademais que vai ser a primeira muller en dirixir a corporación e unha "aposta polo talento e polos propios profesionais da CSAG en lugar de promocionar a directivos alleos".

Críticas e peticións de dimisión

O comité intercentros e Defende a Galega reclamaron en varias ocasións a dimisión de Pombo ao vela responsable de "manipulación informativa" e inxerencia gobernamental nos medios públicos

O retrato de Pombo trazado polo PP contrasta coas frecuentes críticas que nestes anos recibiu do comité intercentros da ata agora CRTVG. Tamén do movemento Defende a Galega, a través do que persoal dos medios públicos se mobiliza dende 2018 para denunciar o que consideran un evidente control gobernamental na Televisión de Galicia e na Radio Galega, especialmente na área informativa na que a vindeira directora xeral era máxima responsable.

Así, por exemplo, o comité pediu especificamente a dimisión de Pombo en 2023 ante o que criticou como "delirios partidistas" nos medios públicos. Tamén a reclamaran en 2022 ante o que vían como "episodios de manipulación informativa" de "gravidade" ou en 2019, por "censurar e ocultar" que o movemento Defende a Galega fora distinguido co premio do Colexio de Xornalistas. En 2017, pouco despois de chegar ao cargo, esixíranlle explicacións polo que consideraran unha deficiente cobertura informativa da peor vaga de incendios sufrida por Galicia nunha década.

Manifestación "en defensa dunha CRTVG pública e plural" en novembro de 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.