“A semana pasada houbo o enterro da sardiña e hoxe enterramos a CRTVG”. Traballadoras e traballadores dos medios de comunicación públicos galegos volveron á folga este 11 de marzo, a enésima protesta contra o “desmantelamento” da Corporación de Radio e Televisión de Galicia e un berro unánime: “Destruídes o que construímos”.
O pleno do Parlamento aprobou este martes, coa maioría absoluta do Partido Popular, a Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital. A oposición de BNG e PSdeG mantivo a súa negativa tras non acadar o debate solicitado sobre as emendas propostas –das que só foron aceptadas tres– e o deputado de Democracia Ourensana optou por absterse na votación.
“O que se aproba hoxe coa maioría absoluta e absolutista do PP é un punto de non retorno dos medios de comunicación públicos”, sentenciou Raquel Lema, presidenta do Comité Intercentros da CRTVG. “Hoxe quedan legalizados o cinismo, a inmundicia e a desazón”, trasladou un dos traballadores, entre os que o ambiente é de moita frustración. “Legalizan o que levan facendo moitos anos”, apuntou outro profesional da CRTVG ás portas do Parlamento. “Sen uns medios públicos plurais que respecten para quen foron creados –para o pobo– este país non terá democracia”, defendeu a xornalista Tereixa Navaza, voceira do conxunto de colectivos que promove a iniciativa Liberemos a Galega!.
"Están tirando pola borda o esforzo de 40 anos e os esforzo das traballadoras e traballadores que puxeron en pé, co seu talento e a súa creatividade, a CRTVG desde San Marcos e as delegacións territoriais", di Raquel Lema
“Cada día a verdade das traballadoras e traballadores da CRTVG anima, conmove, emociona e activa á cidadanía. Piden dez mil sinaturas para presentar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) na Cámara e estamos superando as vinte mil. Cústalle á cidadanía entrar, pero sabe que ter uns medios públicos que informen do que acontece é fundamental”, sostivo Tereixa Navaza ao pé das pancartas fronte ao Parlamento antes da votación do pleno.
Navaza lembrou unha sentenza de Mario Benedetti, “bastan cinco minutos para soñar”, e aseverou que as e os profesionais da CRTVG “levan máis de sete anos soñando cuns medios públicos libres e plurais, con poder traballar”. “Xa está ben de impunidade e de machacalos emocional e fisicamente”, engadiu a veterana xornalista.
“Van transformar por lei, co aval do Parlamento, os medios públicos no maior altofalante do PP. A lei quita os poucos freos e os atrancos democráticos que tiña a dirección da CRTVG, que traballa para os intereses do PP, para que poida actuar ás súas anchas externalizando servizos informativos, poñendo unha alta dirección a dedo sen ningún tipo de control, empregando linguas distintas do galego por primeira vez... O que vai pasar hoxe teremos que revertelo nos vindeiros anos e vai ser moi difícil porque están tirando pola borda o esforzo de corenta anos, e os esforzo das traballadoras e traballadores que puxeron en pé, co seu talento e a súa creatividade, a CRTVG desde San Marcos e as delegacións territoriais”, debullou Raquel Lema.
“A ILP, xunto coa convocatoria de folga, son as medidas de acción que imos seguir levando adiante para conseguir esa CRTVG ao servizo do pobo e liberar a Galega. Duplicamos xa o número de sinaturas esixido legalmente, o 26 de abril remata o prazo para facer entrega delas e comeza a segunda volta. Temos denunciado como o Goberno do PP vai contra a vontade do pobo galego, que está asinando esta iniciativa, e dos traballadores e traballadoras dos propios medios públicos, que levan anos protagonizando a súa defensa”, asegurou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou da concentración.
"No BNG defendemos unha lei para rescatar a CRTVG, para devolverlle o mando da tele ás galegas e galegos", manifesta Rodil
No interior do Parlamento, a deputada do BNG Olalla Rodil realizou un símil para explicar as intencións do PP coa nova lei de medios. “O que buscan é facerse co mando da tele”, afirmou, para explicar que ese mando ten só tres botóns: un para “ocultar e silenciar o pluralismo político e a diversidade da sociedade galega”, outro para “impoñer o pensamento único do PP” e un terceiro para “blindar a fábrica de mentiras na que teñen convertido a TVG e a Radio Galega”. “O PP e o brazo executor que ten en San Marcos non respecta absolutamente nada”, aseverou a nacionalista na súa intervención no pleno.
Rodil argumentou que ante o desexo do director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, de xubilarse –“ou de alguén de xubilalo”– en lugar de cumprir a lei que o partido no Goberno aprobou, deciden “crear unha nova” para “blindar” de novo a dirección. “Cada vez enganan a menos xente, xa máis da metade das galegas considera que a CRTVG non reflicte a sociedade galega”, manifestou. A deputada nacionalista salientou que o PP só quere “dedazos e sombras” nos medios de comunicación públicos e ratificou: “No BNG defendemos unha lei para rescatar a CRTVG, para devolverlle o mando da tele ás galegas e galegos”.
Unha lei que ten en contra ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e mais á Mesa do Audiovisual Galego. Para a Xunta de Goberno do CPXG trátase dun texto normativo “que reduce a liberdade de prensa, desvaloriza o traballo xornalístico, incumpre as directrices europeas e rompe os consensos previos sobre os medios públicos en Galicia”. Para a entidade que representa ás e aos xornalistas do país esta lei “aumenta a gobernamentalización e o control sobre os medios públicos galegos” do partido no poder.

"O que está en xogo non é só a CRTVG, senón o dereito dos galegos e galegas a ter unha televisión e unha radio públicas que lles pertenzan, e non que sexan un aparato ao servizo dun partido", apunta Longueira (PSdeG)
A deputada do PSdeG Silvia Longueira alertou de que a normativa presenta graves dúbidas legais en materia de contratación de persoal directivo, podendo vulnerar o Estatuto Básico do Empregado Público e a Lei Galega de Ordenación do Sector Público. “O PP está facendo unha lei á súa medida, saltándose principios básicos de igualdade, mérito e capacidade. Non lles interesa unha televisión pública profesional, só unha televisión pública submisa”, sinalou.
“A TVG perdeu un 22% de cota de audiencia no ano 2024, en relación ao ano anterior. Todos queremos vernos na nosa televisión, pero como será a nosa televisión que é a que máis baixa de todo o Estado?”, interpelou a socialista. Longueira recordou que “a CRTVG é o arquivo da contemporaneidade, é imprescindible para contar o que somos” e incidiu en que “o que está en xogo non é só a CRTVG, senón o dereito dos galegos e galegas a ter unha televisión e unha radio públicas que lles pertenzan, e non que sexan un aparato ao servizo dun partido”.
O persoal da CRTVG teme agora que coa aprobación desta nova lei de medios chegue un ERE aos medios públicos
Pola súa banda, a deputada do PP Carmen Pomar aduciu que esta é unha lei “necesaria para actualizar o noso marco normativo á lexislación española e tamén europea” e defendeu que no paso do proxecto lexislativo pola Cámara houbo unha “aposta polo diálogo e o consenso”.
Pomar referiuse aos procesos de consolidación na CRTVG, os mesmos aos que se referían as traballadoras ás portas do Parlamento en conversa con Praza.gal, pois o persoal teme agora que coa aprobación desta nova lei de medios chegue un ERE. “Levamos vinte anos traballando nos medios públicos e acabamos de consolidar agora o noso posto, pero a incerteza do que vén é moita”, asegurou unha traballadora en folga.
“Non nos rendemos, non nos derrotan”, afirmou Tereixa Navaza. O persoal destaca a falta de interlocución da dirección coas traballadoras, e a “inercia” coa que realizan o seu traballo diario, “sen proxecto de futuro, constantemente á expectativa”. As poucas esperanzas para frear a “destrución” do ente público están postas na Unión Europea, mais ata o mes de agosto non entra en vigor a lexislación coa que se podería emendar a lei aprobada este martes polo PP en solitario.