A dirección da CRTVG pasou pola lei, pero non á inversa

Helicóptero empregado pola TVG para captar imaxes da visita do Papa Bieito XVI a Santiago en novembro de 2011, mes da aprobación da lei que agora vai ser derrogada © CRTVG

Este 11 de marzo quedará definitivamente desactivada sen chegar a aplicarse nunca a norma que facía imposible nomear o posto de maior responsabilidade nos medios públicos só cos votos do PP

O vindeiro maio faranse 16 anos dende que Alfonso Sánchez Izquierdo tomou posesión como director xeral da daquela Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Apenas un mes despois da súa chegada á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo usaba a prerrogativa que a Lei de Creación da CRTVG (1984) outorgaba ao Goberno galego e nomeaba directamente o máximo mandatario dos medios públicos de comunicación. O PP asegurara que pactara o nome do xornalista ourensán con quen na altura era líder do PSdeG, Pachi Vázquez, que o negou.

Naquel regreso á Xunta e á CRTVG os populares esforzáranse en facer ver que a Televisión de Galicia e a Radio Galega non volvían ao fraguismo, senón que inauguraban unha xeira de pluralidade e ausencia de manipulación, prácticas que atribuían ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Con este argumento de fondo, poucos meses despois -en febreiro de 2010-, o PP aceptaba a proposta socialista de emprender unha reforma legal dos medios públicos que implicase, entre outros aspectos, nomear a dirección xeral por maioría cualificada do Parlamento, o que impedía que os populares ou quen gobernase no futuro puidese tomar a decisión en solitario.

Sánchez Izquierdo e Feijóo, antes dunha entrevista na Radio Galega ao actual líder do PP como presidente da Xunta CC-BY-NC-SA Ana Varela

Esas mudanzas concretáronse na lei dos medios públicos do ano 2011, texto froito do traballo dun relatorio tripartito (PP, PSdeG e BNG) do que o Bloque se desmarcara no tramo final da negociación. Para o caso concreto da dirección xeral, o limiar para o nomeamento fixábase en 50 ou 45 escanos para unha "maior independencia e profesionalidade na xestión". Esa cláusula está a piques de quedar desactivada sen chegar a aplicarse nunca, toda vez que a súa derrogación vai incluída na nova lei dos medios públicos que este 11 de marzo e 2025 vai recibir o visto e prace definitivo do Parlamento só cos votos do PP.

Tras blindar a Sánchez Izquierdo por tempo indefinido no posto que ocupa dende 2009, os populares xustifican a reforma coa necesidade de evitar "situacións de interinidade indefinida"

A mudanza na dirección xeral ao abeiro da lei de 2011 debía chegar nun máximo de seis meses, contra mediados de 2012, pero iso non sucedeu. Sánchez Izquierdo, que fora presentado como director xeral de transición, ía asentándose no cargo no que ficou blindado en 2015, cando o PP aproveitou o trámite dos Orzamentos do ano vindeiro para reformular un artigo da lei de 2011 e permitir que seguise exercendo por tempo indefinido se non fora substituído o 1 de xaneiro de 2016, data na que a antiga Compañía pasou a funcionar como unha única empresa, a Corporación Radio Televisión de Galicia.

Agora, como é sabido, a lei que extingue a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e crea a nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) mantén a fórmula de elección por maioría reforzada de 50 ou 45 escanos para a dirección xeral. Pero introduce a vía de escape de permitir o nomeamento por maioría absoluta se a reforzada non é lograda. Trasladado á aritmética parlamentaria actual, o PP terá dabondo cos seus votos se non obtén os do BNG ou do PSdeG para elixir a persoa que substitúa a Sánchez Izquierdo, remuda que a a lei contempla activar durante esta primavera.

Control de realización da TVG, nunha imaxe de arquivo © CRTVG

O grupo que sustenta o goberno de Alfonso Rueda xustifica a medida pola necesidade de evitar "situacións de interinidade indefinida" unha medida amplamente rexeitada pola oposición e polo Colexio de Xornalistas. Tamén polo persoal mobilizado dentro da actual CRTVG contra o que consideran como un xiro cara a un maior control político dos medios públicos. Interinidade indefinida é o que vén marcando o mandato de Sánchez Izquierdo, agrega ese persoal, que este martes volve á folga para protestar contra a nova lei.

Membros do consello de administración ata 2035

A nova lei tamén pon 'a cero' o contador de mandatos dos membros do consello de administración, polo que todos os actuais poderán encadear outros dous de cinco anos con independencia do tempo que leven exercendo ata agora

Alén da dirección xeral, a nova norma tamén reformula aspectos da elección do resto do consello de administración da nova CSAG, órgano de seis membros -ademais do director xeral- para cuxo nomeamento a nova lei si mantén o requisito da maioría reforzada. Unha das disposicións derradeiras lei advirte de que "para a primeira elección" dos novos conselleiros e conselleiras ao abeiro da nova normativa "non se terán en conta os
mandatos en que as persoas propostas, se for o caso, exercesen os mesmos cargos cando a
sociedade tiña a denominación de Corporación Radio e Televisión de Galicia".

Esa excepción implica que os actuais membros, catro deles elixidos en 2021 e dous -representantes do PP- en 2022 pasarán a ter a cero o contador que, tanto na lei de 2011 como na deste 2025, impide que ocupen estes postos máis de dous mandatos de cinco anos, dez en total. Deste xeito, todos eles poderían ser membros do consello da nova CSAG ata 2035 con independencia do tempo que exercesen previamente na CRTVG. No caso dunha das conselleiras designadas polo PP, Ana Peón, leva sendo membro do consello da antiga Compañía e despois da Corporación ininterrompidamente dende hai vinte anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.