O que vén na CRTVG: da fin do nome histórico á nova dirección só cos votos do PP

Coa nova lei, a CRTVG pasa a ser a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

A nova lei dos medios públicos entra en vigor contra mediados de abril. De aí en diante actívase o prazo de tres meses para adaptar os seus estatutos, a comezar polo cambio de nome

A segunda gran reforma da historia dos medios de comunicación públicos galegos xa está aprobada. Recibiu o visto e prace definitivo do Parlamento coa maioría absoluta do PP este pasado 11 de marzo. Substitúe a anterior lei, presentada en 2011 como unha vía para adaptar ao século XXI a daquela Compañía de Radio-Televisión de Galicia, fundada en 1984, pero tamén para afondar na súa desgobernamentalizacón con medidas como a elección por maioría reforzada do Parlamento (45 ou 50 escanos) da dirección xeral.

Como é sabido, catro anos de demora, primeiro, e unha reforma exprés aprobada polos populares, despois, permitiron que esa elección parlamentaria da dirección nunca chegase a producirse. A nova lei tamén a contempla, pero cun mecanismo de escape que permitirá ao PP remudar só cos seus votos o veteranísimo Alfonso Sánchez Izquierdo, no cargo dende que en 2009 o elixiu Alberto Núñez Feijóo ao abeiro da lei do 84.

Concentración de persoal da CRTVG en folga e de entidades que o apoian, fronte ao Parlamento durante a aprobación definitiva da lei CC-BY-SA Praza.gal

Coa aprobación no pleno do Parlamento, o último paso que lle resta á nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital é publicarse no Diario Oficial de Galicia, o que sucederá nas vindeiras xornadas. Vinte días despois, previsiblemente na primeira metade de abril, entrará en vigor todo o seu articulado e con el empezarán a correr os prazos para dúas das mudanzas máis palpables, o cambio de nome e a devandita substitución do director xeral.

A mudanza estatutaria que virará a CRTVG na CSAG fai que expire formalmente o mandato da directiva, unha mera formalidade no caso do director xeral, no mandato por tempo indefinido por mor da reforma inserida en 2015 polo PP

Unha vez entre en vigor, o Consello da Xunta debe acordar a modificación dos estatutos sociais da actual Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para inserir os preceptos da nova lei. Entre eles, cambiarlles o nome por Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). A xunta xeral da CRTVG ten un máximo de tres meses para, agás demoras semellantes ás da lei de 2011, aprobar uns cambios que xa empeza a adoptar pola vía dos feitos, por exemplo, co dominio de internet csag.gal, contratado o pasado xullo, xa operativo e que polo momento redirixe a crtvg.gal

Co cambio dos estatutos quedarán automaticamente caducados os mandatos tanto do director xeral como do consello de administración. No caso do consello, esa expiración é máis relevante porque os seus membros, con mandato de cinco anos, foron renovados entre 2021 e 2022. No caso de Sánchez Izquierdo será máis ben unha mera formalidade, dado que permanece no cargo grazas á disposición coa que o PP lle permite seguir nel dende 2016 por tempo indefinido, sen atender aos cinco anos marcados na anterior lei.

Sánchez Izquierdo e Alfonso Rueda, na sinatura dun convenio na etapa do actual presidente na vicepresidencia CC-BY-SA Xunta

O mesmo prazo de tres meses que a CRTVG ten para renomearse e reestruturarse é o que ten a Mesa do Parlamento para organizar a elección do novo director ou directora e do novo consello de administración. Ese trámite concluirá cando, antes deses mesmos tres meses, "dous grupos parlamentarios ou unha quinta parte dos membros do Parlamento" soliciten incluír na orde do día dun pleno "a elección os órganos da sociedade". Esa quinta parte son 15 escanos, polo que o paso pode ser dado tamén polo PP sen ningún grupo da oposición.

Contra o verán ou, a máis tardar, no inicio do outono, o PP pode estar en condicións de nomear a quen desexe para dirixir os medios públicos ao abeiro dunha lei que, conclúe o Colexio de Xornalistas, "reduce a liberdade de prensa e desvaloriza o traballo xornalístico"

Desta maneira e agás no caso de que os conservadores decidan incumprir os prazos e inserir as mudanzas dunha maneira máis demorada, é posible prognosticar que, contra o verán ou a máis tardar ao principio do outono, o PP poderá nomear a quen desexe para dirixir a CRTVG. Simplemente terán que someter o nome elixido á votación do Parlamento e, se non logra maioría reforzada, levar o mesmo nome ao seguinte pleno para sacalo adiante por maioría absoluta.

Ese será o horizonte, tamén, para a elección dun consello de administración no que poderán estar, se o PP así o considera, todos os membros do actual . Isto poderá suceder porque "non se terán en conta os mandatos en que as persoas propostas (...) exercesen os mesmos cargos cando a sociedade tiña a denominación de Corporación Radio e Televisión de Galicia", polo que pasan a ter a a cero o contador que, tanto na lei de 2011 como na deste 2025, impide que ocupen estes postos máis de dous mandatos de cinco anos, dez en total.

Plató do Telexornal da Televisión de Galicia, nunha imaxe divulgada pola área de comunicación da corporación pública © CRTVG

Canda estes primeiros pasos, alerta o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, os medios públicos galegos pasarán a contravir "no texto e no espírito" o Regulamento sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación da Unión Europea, ao aumentar o "control gobernamental". A nova lei, censura o organismo profesional en liña co persoal mobilizado dentro da propia CRTVG, "reduce a liberdade de prensa e desvaloriza o traballo xornalístico", alén de abrir portas como a de non "blindar o carácter público dos servizos informativos e o uso único do galego".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.