A candidata do PP á CRTVG di que con ela os informativos se consolidaron como "referencia" grazas ao rigor

Fragmentos do currículo de Concepción Pombo entregado ao Parlamento CC-BY-SA Fotos: © CRTVG / Fape | Montaxe: Praza Pública

O currículo entregado por Concepción Pombo ao Parlamento reflicte que foi responsable de comunicación da Consellería de Emigración entre 2002 e 2004 e salienta a súa "transformación" dos servizos informativos desde 2017

A comisión de control da CRTVG no Parlamento de Galicia validou este venres, co único voto a favor pero maioritario do PPdeG, a candidatura presentada por ese partido de Concepción Pombo Romero, ata agora responsable da área de información, como nova directora xeral da nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Un nomeamento que agora deberá ser referendado polo Pleno da Cámara.

A sesión deste venres saldouse cunha única intervención de cada grupo político. O PP, para defender a idoneidade da súa candidata pero fundamentalmente para criticar á oposición. BNG e PSdeG para lamentar, como xa fixo o comité intercentros da CRTVG, que con ela os populares queren reforzar o seu control dos medios públicos galegos.

Comisión de control da CRTVG no Parlamento que este venres validou a candidatura de Pombo á CRTVG presentada polo PPdeG CC-BY-SA Praza Pública

Fronte a esas críticas, o currículo laboral entregado pola candidata ao Parlamento defende a súa profesionalidade. Segundo se indica nel, tras traballar en distintos informativos desde 2006, en 2016 foi designada coordinadora de redacción e en 2017 directora da Área de Información e Documentación da corporación. 

Durante este tempo, sinala o currículo, "os servizos informativos da CRTVG consolidaron a súa posición como referencia en Galicia grazas: a coberturas constantes e rigorosas, a adaptación tecnolóxica e dixital, a innovación en formatos e a multiplicación da presenza en redes e soportes, ao compromiso co servizo público, co mandato marco e o regulamento propio da CRTVG coa lingua e coa identidade galega".

Coa nova lei, a CRTVG pasa a ser a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

A traxectoria profesional de Pombo Romero reflicte, antes desta etapa na CRTVG desde 2006, a súa licenciatura en Xornalismo pola USC en 1998 seguida de diversas bolsas e prácticas en Radio Voz, RNE, Radio Obradoiro e CRTVG ata 2002. Entre 2002 e 2004 foi "responsable de comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia", época dos gobernos de Manuel Fraga na que o conselleiro dese departamento era Aurelio Miras Portugal. Tras a saída da Xunta e antes de ingresar na CRTVG en 2006 Pombo Romero incorporouse en 2005 á produtora Aldea Films onde foi directora dun formato para a CRTVG, Emprego, centrado na información laboral.

BNG e PSdeG coincidiron en sinalar a candidata do PP como "responsable" da situación actual da CRTVG

Este venres na sesión parlamentaria que valorou a súa candidatura a deputada do BNG Olalla Rodil salientou que o actual non debera ser un debate "de nomes" senón "de modelo" dos medios públicos cunha "etapa nova" que deixase atrás o control político e desprestixio". Porén, lamentou que os populares "non quixeron" e acabaron elixindo para remudar a Alfonso Sánchez Izquierdo á fronte da CRTVG a "unha das responsables desa situación".

Desde o PSdeG a deputada Silvia Longueira lamentou que o PP impoña á fronte da corporación "á responsable do control político dos servizos informativos", que xa "forma parte do equipo directivo que provocou 365 venres negros de manipulación política e persecución laboral no ente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.