Ante o balbordo xerado polo anuncio da Televisión de Galicia, os 'Mozos de Arousa' "aclaran" que só dous deles conducirán o novo espazo 'A superfesta' por mor dos "compromisos coa vida política" de Raúl Santamaría
Raúl Santamaría concursou ata finais de 2024 no programa de Mediaset Reacción en cadena. Como parte do equipo Mozos de Arousa acadou unha notable sona a través das pantallas de Cuatro e TeleCinco, popularidade que o impulsou de vez cara ás listas do PP nas últimas eleccións galegas como número 7 por Pontevedra e agora.
O nome de Santamaría viña de regresar á actualidade tras anunciar a Televisión de Galicia que esa sona tamén o ía levar a copresentar un programa na canle pública. "As noites do mércores serán para ‘A Superfesta’, en que os coñecidos Mozos de Arousa percorrerán Galicia para coñecer e valorar as festas máis emblemáticas", anunciou nun comunicado. Ante o balbordo xerado, os propios Mozos corrixen o comunicado oficial: Santamaría non será presentador.
"Aclaración: polos seus compromisos actuais coa vída política", Raúl Santamaría "non vai formar parte de A superfesta. Seguimos tendo unha moi boa relación con el e ogallá no futuro poder volver colaborar os tres xuntos", sinalou este martes na súa conta de Instagram Bruno Vila, outro dos Mozos.
Desta maneira, serán Bruno Vila e Borja Santamaría os que vaian "percorrer Galicia" para "coñecer e valorar as festas máis emblemáticas". "En cada entrega puntuarán gastronomía, tradicións e troula coa axuda das reporteiras, ata coroar ao final do verán a mellor celebración galega. A viaxe comeza o 9 de xullo na Rapa das Bestas de Sabucedo", indica no mesmo comunicado a CSAG, antiga CRTVG.
Televisión, política e un apercibimento
A combinación de televisión e política vén sendo salientada polos populares como un dos valores de Raúl Santamaría, licenciado en Educación Primaria que xa en 2016 comezou a liderar as Novas Xeracións do partido en Vilagarcía, onde actualmente continúa sendo concelleiro na oposición. Así, por exemplo, a finais do pasado decembro o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, accedeu a participar no vídeo de despedida do concurso dos Mozos de Arousa.
Naquela montaxe Rueda definiu a Santamaría como "un tío espontáneo, moi listo, con moitísima facilidade para relacionarse coa xente" e que "achega a visión de persoa moza moi comprometida". O vídeo non estivera exento de controversia e acabou derivando nun apercibimento formal do presidente do Parlamento, o tamén popular Miguel Santalices, ao seu propio grupo porque incluíu unha gravación de Santamaría dentro do hemiciclo do Parlamento.