A actual dirixencia do PPdeG hai meses que non oculta a súa hostilidade cara ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. En privado pero tamén en público con episodios tan significativos coma o altisonante enfrontamento co xefe do lexislativo protagonizado pola secretaria xeral dos conservadores, Paula Prado, nun pleno da Cámara o pasado outubro.
Novo choque entre o presidente do Parlamento e o seu propio partido nun contexto no que altos dirixentes da formación non oculta a súa hostilidade cara a el
Esa hostilidade emerxeu outra volta o pasado novembro como vaga expansiva da dimisión de Daniel Chapela como coordinador de cultura da dirección do partido. A cúpula partidaria que no día a día encabeza Prado, mantén unha "loita soterrada cara a persoas como Santalices" aínda que implique "minar a institución" parlamentaria, sostivo nunha entrevista con Praza.gal na que ligou a pugna co rexeitamento da 'número dous' de Alfonso Rueda e outros cargos aos últimos representantes daquel vello PPdeG que se aproximada ás teses galeguistas.
Con este pano de fondo vén de producirse un novo choque entre Santalices e o seu propio partido. Nesta ocasión, como adiantou elDiario.es e puido confirmar Praza.gal, co presidente do Parlamento apercibindo o Grupo Parlamentario do que forma parte pola gravación dun vídeo no hemiciclo da Cámara destinado a ser emitido no programa de Mediaset (Cuatro e Telecinco) Reacción en cadena, no que o deputado do PP Raúl Santamaría concursou ata hai pouco tempo como parte do equipo Mozos de Arousa. A sona acadada no concurso impulsou a Santamaría cara ás listas do PP nas eleccións do pasado febreiro como número 7 por Pontevedra.
Santalices envía ao Grupo Popular un "recordatorio" das normas do recinto parlamentario tras gravar o deputado Raúl Santamaría, como concursante de 'Reacción en cadena', un vídeo que inclúe unha entrada no hemiciclo e unha intervención dende a tribuna de oradores reclamando a continuidade do programa na grella de Mediaset
A fin da participación dos Mozos de Arousa nese programa motivou a gravación dun vídeo de despedida no que Santamaría explica como se achegou á política nunha entrevista na que percorre diferentes espazos do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento. As imaxes inclúen unha entrada no hemiciclo, co deputado achegándose ao seu escano e simulando intervir dende a tribuna de oradores para afirmar que "Reacción en cadena ten que manterse durante moitos anos na grella de Mediaset". A montaxe deu deu lugar a protestas dos grupos da oposición, BNG e PSdeG.
Esa gravación no hemiciclo, confirman fontes parlamentarias consultadas por este xornal, foi especificamente a que motivou que Santalices decidise transmitir formalmente ao Grupo Popular un "recordatorio" das normas que rexen sobre o "uso dos espazos parlamentarios", xa que o vídeo de Santamaría para Mediaset supuxo "infrinxilas". Esas normas, subliña, "obrigan a facer un uso institucional das distintas salas, especialmente do salón de plenos" no marco do respecto ao "decoro" da institución.
A normativa coa que o presidente do Parlamento apercibe o seu grupo a través dun escrito remitido ao seu voceiro, Alberto Pazos, data do ano 2019. Daquela, en vésperas electorais, o PP fixo valer a súa maioría na Mesa da Cámara para aprobar un documento titulado Normas de utilización das salas institucionais, espazos e outras dependencias do Parlamento de Galicia destinado, indicara daquela a Presidencia xa dirixida por Santalices, a fixar os "criterios de uso parlamentario e institucional das salas do Parlamento de Galicia".
A normativa á que alude Santalices foi impulsada polo PP en 2019 para evitar actos reivindicativos apoiados ou impulsados pola oposición
O gabinete de Santalices aseguraba daquela que a norma se limitaba a "poñer por escrito" limitacións xa existentes. Non obstante, fora aprobada nun contexto no que os populares tentaban evitar a proliferación de actos reivindicativos impulsados ou apoiados polos grupos da esquerda.
Esas restricións son lembradas agora polo presidente da Cámara para censurar a realización dunha gravación na que, paradoxalmente, aparece tamén o presidente da Xunta e do PPdeG. Dende o seu despacho oficial do Goberno galego, Alfonso Rueda explica que Raúl Santamaría é "un tío espontáneo, moi listo, con moitísima facilidade para relacionarse coa xente" e que "achega a visión de persoa moza moi comprometida".