O síntoma Chapela

Xuntanza da Comisión de Cultura do PPdeG en xaneiro de 2023, con Chapela como coordinador e Román Rodríguez como conselleiro, flanqueando a Paula Prado, secretaria xeral CC-BY-SA PPdeG

Ata o pasado 19 de novembro,  cando anunciou a súa dimisión, o nome de Daniel Chapela non ecoara en exceso dentro da, de seu, limitada esfera pública galega. Non obstante, en ambientes políticos e culturais si principiara a ter certo predicamento como figura en potencial ascenso dende que, en 2022, entrou a formar parte da primeira directiva do PPdeG comandada por Alfonso Rueda á fronte da comisión de cultura do partido.

O nomeamento do agora dimisionario Chapela foi lido nalgúns ambientes como unha chiscadela ao 'vello' PPdeG, aquel que foi fundado autoencadrándose no "nacionalismo moderado"

Nun momento en que os populares se afanaban por facer ver que Rueda ía imprimir estilo propio ao Goberno e ao partido alén de ser o substituto de Alberto Núñez Feijóo, o nomeamento de Chapela foi lido nalgúns ambientes como unha chiscadela ao vello PPdeG. A aquel que foi fundado autoencadrándose no "nacionalismo moderado", que debeu parte da súa hexemonía á capacidade de absorber -ou cooptar- organizacións e dirixentes do galeguismo conservador entre os acordes de Juan Pardo que Rueda quixo recuperar en campaña.

Daniel Chapela, o pasado maio conducindo o acto do PPdeG polo Día das Letras Galegas CC-BY-SA PPdeG

O mozo Chapela -na altura, apenas 23 anos, actualmente 25-, filólogo, de perfil galeguista, amosouse como proclive a tender pontes entre o partido e o mundo da cultura da man de dirixentes coma o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ou do daquela conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez. García ou Rodríguez, coma o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, tamén viñan reflectindo o espírito e os contactos daquel vello partido dificilmente representables por persoas situadas máis arriba no organigrama, caso da secretaria xeral, Paula Prado.

O mozo dirixente amosouse proclive a tender pontes entre o PP e a cultura da man de dirixentes como Román Rodríguez ou Valentín García, cuxo nome soou durante meses como posible conselleiro en cábalas que apuntaban a un posible ascenso de Chapela e frearon co nomeamento de López Campos

Con este pano de fondo, Valentín García foi nomeado coordinador do programa electoral do PPdeG para as eleccións galegas do pasado febreiro. Nese movemento houbo quen leu certa vontade de amosar un contrapeso ás posturas máis centralistas e dereitistas como as representadas por Prado. Asumindo o rol que en comicios previos viña desempeñando Pedro Puy, nesas interpretacións chegouse a especular cun ascenso de García a conselleiro de Cultura con competencias en Lingua, o que deixaría vacantes postos de relevancia na área de Política Lingüística que semellaban un destino propicio para Chapela.

Pero isto non sucedeu. Tras os comicios e a quinta absoluta consecutiva, Rueda chamou para o Consello da Xunta ao ata daquela alcalde da Estrada, José López Campos. E non o fixo para remudar en Infraestruturas a Ethel Vázquez, como moitas análises daban por seguro, senón para ocuparse da carteira de Cultura, Lingua e Xuventude. García aplaudiu o nomeamento evidenciando a relación de amizade que o une a López Campos -foi responsable de Normalización Lingüística na Estrada, entre outras responsabilidades-, con quen dende aquela comparte protagonismo en ambientes culturais nos que se move con soltura, ao contrario que o novo conselleiro.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, o pasado 2 de outubro na presentación do poemario 'Biscoito de laranxa' de Daniel Chapela O secretario xeral da Lingua, Valentín García, o pasado 2 de outubro na presentación do poemario 'Biscoito de laranxa' de Daniel Chapela CC-BY-SA Xunta

Contra López Campos, precisamente, cargou Chapela con dureza na súa marcha decidida, asegura, tras o masivo acto de Queremos Galego do pasado día 17 e as reaccións dos populares ao respecto. Considérao "claramente incompetente" para dirixir o departamento cultural e lingüístico do Goberno galego, unha "persoa non preparada" que "non controla ningunha das áreas" da súa competencia, afirmou en entrevista con Praza.gal. Nesa conversa tamén evidenciou a súa gran afinidade con García e lamentou que, nesta nova etapa, o agora secretario xeral da Lingua teña "menos marxe de manobra". Faino nun contexto no que se desmarca de campañas "absurdas" lanzadas polo PP mentres el era parte da directiva como descualificar o BNG como "policía do galego" mentres López Campos e García defenden a necesidade dun novo pacto lingüístico.

Chapela marchou falando da "loita soterrada" da dirixencia do PPdeG contra perfís coma Santalices, tan sintomática como as críticas da cúpula á dimisión, que ligan ao conflito interno en Bueu e a aspiracións frustradas mentres voces de alto nivel se esforzan en facer ver que vén de se pechar múltiplas portas políticas e profesionais

Sen que cumprise pregunta específica ao respecto, Chapela aproveitou as súas respostas para sinalar o que define como "loita soterrada que teñen" dirixentes como Prado "cara a persoas como Miguel Santalices", o xefe do lexislativo. "Demostra que hai persoas que nos definimos como conservadoras e nacionalistas que non temos cabida" neste PPdeG, considera. Alén desa interpretación, a existencia desa pugna é indisimulada dende o círculo de Prado, tanto en comentarios discretos como en discusións públicas. E as alusións de Chapela, un síntoma da mesma.

A dimisión e, sobre todo, as declaracións de Chapela ao respecto foron respondidas tanto en público como -sobre todo- en privado cunha dureza tamén sintomática da realidade dun núcleo dirixente do partido que se percibe poderoso e reforzado tras o triunfo electoral de febreiro. A marcha, consideran, debe explicarse máis polos seus enfrontamentos con Elena Estévez, líder local do PP en Bueu, onde é concelleiro e se enfrontou a un expediente por romper a disciplina de voto, que por unha cuestión de galeguismo ou diferenzas en política lingüística. 

Discusión de Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, co presidente do Parlamento, Miguel Santalices (PPdeG), o pasado 23 de outubro no pleno da Cámara CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Voces ao máis alto nivel tamén se esforzan en facer ver que as súas duras críticas se deben a aspiracións frustradas de ascenso e que lle suporán un peche de portas político e profesional en moitos eidos. Mesmo suxiren razóns persoais presentadas como políticas na decisión e na súa comunicación pública.

A dirección que no día a día comanda Prado apresurouse en cubrir a vacante na comisión de cultura do partido por un perfil máis afín e con menos conexións no galeguismo cultural e político

No ámbito estritamente orgánico, a dirección que no día a día comanda Prado apresurouse en cubrir a vacante de Chapela na comisión de cultura cun movemento que é tamén un síntoma. Encomendoulla á edil compostelá María Baleato, perfil máis afín á secretaria xeral que o do dimisionario e con menos conexións no galeguismo cultural e político. 

A xuntanza en que ficou oficializada celebrouse este pasado xoves, con presenza de López Campos e García. Chapela asegura que levaba reclamándoa dende o pasado abril. Nela, o PPdeG teimou no marco de rexeitar a "politización" da política lingüística porque "non axuda en nada", mantén a número dous de Rueda, que advirte de que o "marco" dun eventual pacto non será outro que o do denominado "bilingüismo cordial".

Declaracións de López Campos, en presenza de Prado e Baleato, tras a remuda na comisión de cultura do PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.