Dimite o coordinador de Cultura do PPdeG, Daniel Chapela, pola "incompetencia" do conselleiro coa lingua

Daniel Chapela, á esquerda, coa 'número 2' do PPdeG, Paula Prado, e o anterior conselleiro de Cultura, Román Rodríguez © @danielchapela1

Integrado na directiva de Alfonso Rueda desde 2022, Chapela critica a "incapacidade para xestionar un futuro para a lingua nun momento no que as mensaxes esperanzadoras deben ser o eixe fundamental"

Daniel Chapela, coordinador da área de Cultura na directiva do PPdeG desde a súa renovación en maio de 2022 co relevo de Alfonso Rueda a Alberto Núñez Feijóo, vén de presentar a súa dimisión pola "incompetencia" do conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, e do seu equipo nomeadamente en materia de política lingüística. 

Chapela, tamén concelleiro en Bueu desde o ano pasado, manterá alí a súa acta como edil non adscrito, segundo avanzou este martes a axencia Europa Press na súa web e confirmou Praza.gal.

Daniel Chapela nun acto co secretario xeral de Lingua, Valentín García © @danielchapela1

Chapela, filólogo e escritor, fixo público un comunicado de renuncia no que salienta que tras as eleccións galegas de febreiro "a Consellería de Cultura sufriu diferentes cambios, coa chegada dun novo equipo claramente incompetente para xestionar esta tarefa, especialmente para tratar a área de Lingua, un piar para o país e para min". "Non hai máis que observar as declaracións dos últimos días a respecto do 'Pacto pola lingua' do conselleiro de Lingua, que constitúen unha evidencia máis da incapacidade para xestionar un futuro para a lingua nun momento no que as mensaxes esperanzadoras deben ser o eixe fundamental, pero na que non caben balóns fóra", engade. 

[ENTREVISTA | Daniel Chapela: "Dicir que non vas derrogar o decreto do plurilingüismo é voar as pontes para un pacto pola lingua"]

O tamén edil en Bueu sinala que ao seu "descontento" coa política da Xunta "súmanse diferenzas coa miña voceira municipal", Elena Estévez, na oposición nun Concello que goberna o BNG desde hai máis de dúas décadas. 

Daniel Chapela, nunha imaxe promocional do seu libro 'Biscoito de laranxa' © Galaxia

Chapela di defender a política como "mecanismo para mellorar as nosas vidas, desde unha visión que, no meu caso, é conservadora e manifestamente galeguista"

Chapela asegura que entende a política como un "mecanismo para mellorar as nosas vidas, desde unha visión que, no meu caso, é conservadora e manifestamente galeguista". E ante as súas discrepancias co partido e tras reflexionar "desde o mes de xullo" anuncia a súa "renuncia á coordinación de Cultura do PPdeG" e a súa baixa no partido para manterse como concelleiro independente "defendendo os compromisos que adquirín na campaña electoral e en todos estes meses, debéndome, en exclusiva, á veciñanza".

A dimisión de Chapela chega dous días despois da gran concentración en defensa do galego celebrada na praza da Quintana de Santiago, da que Rueda criticou este luns a súa "politización".

Tras coñecerse a dimisión de Chapela, a Mesa pola Normalizacion Lingüística lamentouna e sinalou que "malia as diferenzas sempre mostrou vontade vontade de diálogo e colaboración a favor da lingua galega en contraste coa actitude do conselleiro, incapaz de responder dúas solicitudes de reunión da Mesa ou de atender a demanda de cumprimento dos acordos expresadas na rúa por milleiros de persoas".

Directiva do PPdeG baixo a presidencia de Alfonso Rueda, con Daniel Chapela como coordinador da área de Cultura CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa banda, o PSdeG valorou que a dimisión é un "bo exemplo de como a relación tóxica que mantén o PP co galego chega a ofender aos seus". O socialistas salientan que a dimisión se produza "logo da concentración masiva do pasado domingo" e volven pedir "un cambio de rumbo" á Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.