O alcalde da transformación de Carballo dá a remuda

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, nunha imaxe de arquivo © Concello de Carballo

Evencio Ferrero fixo 70 anos a pasada primavera. El xa situara hai tempo ese limiar como un bo momento para dar a remuda no goberno dun Carballo cuxa historia xa non se entende sen os seus mandatos. 

Con acta de concelleiro dende antes da existencia do propio BNG, o alcalde cede o bastón de mando deixando o Bloque coa súa terceira maioría absoluta consecutiva na capital de Bergantiños. E cun recoñecemento extenso á transformación do municipio protagonizada polos equipos de goberno que liderou dende 2003.

Evencio Ferrero e Daniel Pérez, vindeiro alcalde de Carballo, nun acto do BNG local CC-BY-NC-SA BNG

Cando accedeu por primeira vez á alcaldía carballesa, Evencio Ferrero levaba máis de dúas décadas como edil. Primeiro representando o Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) en 1979 e dende a súa fundación, a un BNG que principiou con 2 escanos, que tivo 6 cando gobernou por primeira vez e que nas últimas municipais obtivo 13 dos 21 da corporación, máis do dobre que a segunda forza, o PP.

O histórico Evencio Ferrero marcha tras dúas décadas gobernando unha corporación municipal da que forma parte dende 1979. Daniel Pérez será o vindeiro rexedor dunha vila que virou en emblema da xestión municipal do BNG, cun "Carballo mola" impensable hai uns cantos lustros

O seu papel como activista veciñal e no asociacionismo da vila, o seu traballo de décadas como profesor de matemáticas na comarca e unha conxuntura política que mesmo foi obxecto de estudo universitario confluíron ata virar Carballo nun dos emblemas municipais para o BNG. E tamén mesmo para mudar a percepción en torno a unha vila en cuxo tecido veciñal e social o alcalde estivo sempre plenamente integrado, mesmo por riba de ortodoxias políticas. E o certo é que o "Carballo mola" sería impensable hai uns cantos lustros.

Afirmaba Ferrero este 1 de outubro de 2025, tras rexistrar na Casa do Concello a súa renuncia, que a "transformación" de Carballo é, ao seu xuízo, o seu principal legado e tamén o que quere preservar e seguir impulsando coa súa retirada. Melloras urbanísticas, peonalizacións, coidado do río Anllóns, a explosión de cor nas medianas de edificios a través da arte urbana, o Carballo Interplay ou a vizosa actividade cultural transcenden os límites do propio municipio e mesmo ás veces, admiten, son aínda máis valoradas fóra, como quen aprecia que medran máis os nenos doutras familias que os propios, ilustra.

Ferrero, con Ana Pontón nun mitin previo ás municipais de 2023 CC-BY-NC-SA BNG

"Había opción de esgotar o mandato" e mesmo de concorrer en 2027, pero "é bo momento para botarse a un lado", e procurar "o mellor para Carballo", resume sobre unha decisión que, tras transmitila á súa familia, comunicou á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A Daniel Pérez, ata agora concelleiro de deportes e deputado no Parlamento, corresponderalle coller o bastón de mando e farao "aos mesmos anos que cando eu tomei posesión" por primeira vez, 48. O seu nomeamento concitou a unanimidade dun BNG local á fronte de cuxa candidatura terá o reto de estaren 2027, por primeira vez sen Evencio como cabeza de cartel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.