Neste 28 de xuño, Día do Orgullo, o Concello de Carballo inaugurou o Xardín do Xestal, un espazo que busca ser un símbolo de "respecto á diversidade sexual" en homenaxe ao humorista Carlos Díaz, perseguido na ditadura por mor da súa orientación sexual
Carlos Díaz Gestal, O Xestal (A Coruña, 1933 - Carballo, 1993) foi un humorista popularísimo durante décadas en Galicia, ademais de cantante e instrumentista en grupos folclóricos. As casetes cos seus contos eran éxitos de vendas, o mesmo que as súas actuacións públicas e as súas intervencións na radio. Un auténtico fenómeno social de masas nos anos 50, 60 e 70, tanto no interior do país como entre as comunidades de emigrantes en Europa e América. O Xestal era, ademais, homosexual. E na ditadura franquista sufriu un doloroso estigma e persecución por mor da súa orientación sexual.
Neste 28 de xuño, Día do Orgullo LGBT, o Concello de Carballo inaugurou o Xardín do Xestal, un espazo pintado coas cores do arco da vella que busca ser un símbolo de "respecto á diversidade sexual" en homenaxe a Carlos Díaz, que viviu os seus últimos días na vila bergantiñá. O Concello de Carballo dedícalle ao popular humorista un Ano do Xestal no que procura "recuperar e poñer en valor" a súa memoria.
As casetes cos seus contos eran éxitos de vendas, o mesmo que as súas actuacións públicas e intervencións na radio. Un fenómeno de masas nos anos 50 e 60, tanto no interior do país como entre as comunidades de emigrantes
O xardín sitúase preto do Xardín de Rosalía e da Praza de Xela Arias, no Parque do Anllóns. Foi aberto ao público este mércores ás 12.30 horas nun acto que presentou a concelleira de Igualdade do Concello de Carballo, Maica Ures. Carla Trigo Mato e Raúl Lista Muñoz, alumnos do CEIP Plurilingüe A Cristina, introduciron a figura do Xestal, e posteriormente interveu o alcalde, Evencio Ferrero. O acto pechouse coa actuación do dúo Curuxa, integrado por Pablo Moreira e Sasha Aizikovici e cunha exhibición de papaventos a cargo dos nenos e nenas que participaron no obradoiro celebrado no mercado municipal.
Con éxito dende moi novo en grupos folclóricos
Co Grupo Folklórico O Xestal interpretou por primeira vez a Marcha solemne do Antigo Reino de Galicia no ano 1968, e destácase que foi o responsable da recuperación desta peza
Carlos Díaz naceu na Coruña, no barrio de Monte Alto, o 8 de agosto de 1933. O seu descubrimento artístico produciuse moi novo, con apenas 16 anos, na romaría de Santa Margarida do ano 1949. O seu éxito ese día levouno a actuar por primeira vez na emisora Radio Juventud de Galicia, ademais de iniciar a súa carreira musical como barítono no coro Brétemas e Raiolas.
Ademais, como cantante e instrumentista formou parte dos gaiteiros Os do Couto, Cántigas da Terra, Follas Novas, Toxos e Froles, Os Mariñáns, Os Calristas, Os Perilláns, a Orquestra 1910 ou o Ballet Galego Rey de Viana. Co Grupo Folklórico O Xestal interpretou por primeira vez a Marcha solemne do Antigo Reino de Galicia no ano 1968, e destácase que foi o responsable da recuperación desta peza.
Os contos
O seu éxito consolidouse entre finais dos anos 50 e principios dos 60, grazas á popularidade que obtivo no programa de Radio Nacional de España “Desfile de estrellas”.
O seu éxito consolidouse entre finais dos anos 50 e principios dos 60, grazas á popularidade que obtivo no programa de Radio Nacional de España “Desfile de estrellas”
Ademais de cantar e interpretar música, ao Xestal gustáballe contar contos, os clásicos contos de galegos inzados de retranca, sabedoría popular da Galicia rural e moito humor. “Contaba historias onde os heroes eran a xente do pobo, a máis humilde, que saía triunfadora mediante o enxeño e a ironía, falando en galego, algo insólito naquel momento na radio”, conta Manuel Rivas no seu libro As voces baixas.
Era o tempo das casetes, vendidas en feiras, gasolineiras e bares, que no caso de Carlos Díaz adquiriron un éxito fenomenal tanto no interior do país coma entre a diáspora galega no estranxeiro. Como destaca o Concello de Carballo "a súa contribución ao espallamento da cultura galega fíxoo merecedor da Orde ao Mérito Turístico".
“Contaba historias onde os heroes eran xente do pobo, a máis humilde, que saía triunfadora mediante o enxeño e a ironía, falando en galego, algo insólito naquel momento na radio”, conta Manuel Rivas en As voces baixas.
O seu primeiro disco de contos, Cuentos Gallegos por O Xestal, publicouse no ano 1961. Despois seguiron Contos de Bergantiños, Contos que van pra a feira e outros títulos. Nas súas actuacións públicas, que chegaban a xuntar centos de persoas, ademais de incluír anécdotas e contos, O Xestal contribuíu a popularizar temas como "Apaga o candil" (elemento fundamental do Luar da TVG) ou a "Foliada de Montemaior". Coa chegada dos anos 70, iso si, o seu folclorismo foi tamén rexeitado ou cando menos ignorado por sectores progresistas.
A persecución pola súa orientación sexual
Porén, foi apartado da radio pola súa orientación sexual. Foi ademais detido e sufriu malos tratos e humillación na prisión de Badaxoz
Manuel Rivas conta en As voces baixas que unha das primeiras lembranzas da súa infancia son os contos que O Xestal relataba pola radio os domingos. Porén, di Rivas, “de súpeto desapareceu a súa voz na radio". Carlos Díaz era homosexual e esta condición custoulle a invisibilización e tamén a persecución en plena ditadura franquista.
"Un día atopei unha nova onde reaparecía, pero nas páxinas de sucesos. Unha nota policial falaba dunha redada na que foran detidas persoas consideradas ‘perigos sociais’. Entre eles, O Xestal. Sufriu malos tratos e humillación na prisión de Badaxoz. Todo iso polo delito de ser homosexual”, explica Rivas en As Voces Baixas.
O final da súa vida, en Bergantiños
Morreu aos 59 anos de idade en Carballo, onde se trasladara a mediados dos 70
Ademais de na Coruña, Carlos Díaz residiu nos concellos de Oleiros, Sada e Cambre, de onde procedía a súa familia materna. A mediados da década de 1970 trasladouse a Carballo, concretamente a O Seixo, na parroquia de San Cristovo de Lema. Carballo converteuse na súa terra de adopción ata que, o 4 de xaneiro de 1993, un derrame cerebral acabou coa súa vida un pouco antes de facer 60 anos.
Nos seus últimos anos chegou a interpretar no Luar o "Apaga o candil", canción que contribuíu a popularizar
Neses últimos anos de vida, O Xestal colaborou en Antena 3 Bergantiños e tamén na TVG, onde chegou a interpretar o "Apaga o candil" no propio Luar. Con todo, o seu falecemento pasou moi desapercibido e mesmo foi soterrado inicialmente nun nicho sen identificación, como destaca Alfonso Pato nesta reportaxe publicada en eldiario.es. Tan só nos últimos anos o seu nome e a súa traxectoria como músico e humorista comezou a ser reivindicada, subliñando a persecución que sufriu.