Carballo lembra a loita veciñal por Baldaio 41 anos despois da histórica manifestación

Manifestación pola devolución da marisma de Baldaio, en 1977 © Concello de Carballo

"Caciques ao carallo, a praia é de Baldaio". "Non, non, non, á colonización". Foron algunhas das proclamas que se escoitaron na histórica manifestación que o 8 de maio de 1977 percorreu as rúas de Carballo. Foi unha das mobilizacións máis multitudinarias da capital bergantiñá, con preto de 5.000 persoas. Unha marcha para reclamar a devolución da marisma de Baldaio á cidadanía, logo de 30 anos de explotación por parte dunha concesión marisqueira que agochaba unha masiva extracción ilícita de area. 

Unha xornada "histórica, cultural e reivindicativa" lembrará aquela emblemática marcha do 8 de maio de 1977 en Carballo

Para conmemoralo, este martes, no día que se cumpren 41 anos daquela histórica xornada, o Concello de Carballo e a Irmandade Moncho Valcarce celebra unha xornada "histórica, cultural e tamén reivindicativa" co que pretenden "lembrar os homes e mulleres que loitaron pola recuperación dundos espazos naturais máis importantes de Galicia". 

O acto servirá tamén para render homenaxe a Moncho Valcarce, o cura das Encrobas, "un home que desde o seu pensamento humanista e cristián, revolucionario e místico, dedicou a súa vida a convivir, defender e sufrir coa xeste máis vulnerable, tamén coa xente de Baldaio". 

Os actos terán lugar na Biblioteca Rego da Balsa ás 20 horas. Comezarán coa breve peza teatral Sen previo aviso, a cargo do cadro de teatro do coro Cántigas da Terra, interpretada por Xurxo Baña e dirixida por Moncho Iglesias, en homenaxe a Moncho Valcarce. Logo presentarase e proxectarase o documental Area nos ollos, dirixido por Iván Seoane e con guión de María Rama, de 2007. Nel relátase a loita pola recuperación da marisma e céntrase no ocorrido aquel 8 de maio de 1977, consecuencia de décadas de explotación do areal de Baldaio, do que chegaron a extraerse máis de cen camións de area diarios.

Unha breve peza teatral, a proxección do documental 'Area nos olos' e unha mesa redonda lembrará a loita pola marisma de Baldaio

“A extracción --lembra a presentación do documental-- repercutía negativamente na vida dos vecinos de Lema. Víanse privados do seu medio de vida, o marisqueo comunal; moitas zonas de pastoreo foron asulagadas e non se lles permitía baixar á praia a gozar dela; ademais de estarse provocando na zona unha catástrofe medioambiental, debido ao mal uso das comportas, que se abrían e pechaban en función dos intereses da empresa e non segundo as mareas. Dende o primeiro momento, os veciños da zona amosaron a súa oposición ao que en Baldaio estaba a acontecer, chegando o seu punto álxido coa manifestación do 8 de maio de 1977 en Carballo e que reuniu a preto de 5.000 persoas na capital bergantiñá”, explica. 

A xornada pecharase cunha mesa redonda na que participarán, entre outros protagonistas daquela loita vecinal, o actual alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Todos os actos aparecen recollidos nun cartel conmemorativo deseñado pola ilustradora Laura Romero. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.