O lugar onde o galego gaña protección

Unha rúa de Carballo © Concello de Carballo

Galicia, ano 2013. No último lustro, en todo o país se implantaron normas que relaxan a protección legal e a promoción social da lingua propia. En todo? En todo, non. Hai algunhas institucións públicas que, alleas á tendencia creada dende a Xunta e seguida con entusiasmo por algúns entes locais, apostan por non seguir a moda e dotar o idioma dunha maior blindaxe. Este é o caso, por exemplo, do Concello de Carballo, cuxo goberno municipal vén de plasmar nunha nova ordenanza as medidas que, en gran medida, xa viña levando á práctica no seu traballo cotián.

Aínda que, dada a conxuntura, o caso carballés poida ser observado como excepción, o gabinete que dirixe Evencio Ferrero (BNG) non fai máis que desenvolver o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade parlamentaria en 2004. Ese documento, reducido polo actual conselleiro de Educación á categoría de "remuíño de ideas", aposta por "consolidar o papel normalizador das corporacións locais" e "incluír a promoción do galego no concepto de servizo que o concello e a comarca lle ofrecen ao cidadán, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas".

O Concello carballés desenvolve con esta ordenanza o Plan Xeral de Normalización, reducido pola Xunta á categoría de "remuíño de ideas"

Partindo destes principios, Carballo asume unhas regras que parten de elementos que, malia á súa obviedade, foron postos en cuestión nos últimos anos. "O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Carballo", comeza o articulado, no que se evidencia tamén que "o castelán tamén é cooficial". Coa ordenanza o municipio comprométese a "empregar o galego en todas as súas accións" e a garantirlle á cidadanía o "dereito" á atención en galego, oral e por escrito, uns preceptos que lle afectan tanto ao propio Concello como ás empresas concesionarias correspondentes.

Pero o galego non será só cousa de persoas, senón tamén de máquinas. "Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan unha relación co público fomentarán o uso do idioma galego" e, cando esta se produza "mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores (...) ou  outros medios telefónicos ou informáticos, usarán por defecto e de entrada o galego, e así se especificará cando sexan comprados, contratados e/ou programados". Impresos e rexistros, anuncios oficiais ou publicacións súmanse a un compromiso coa lingua que tamén atinxe á contratación de publicidade, na que "o Concello terá en conta os medios de comunicación en distintos soportes que usan o galego", "sen prexuízo de que tamén se poidan facer noutras linguas, sempre que sexan accións publicitarias ou de difusión dirixidas a comunidades lingüísticas fóra da galega".

Cargos e persoal capacitados para usar o idioma

O persoal debe acreditar que está "en condicións de empregar o galego" no seu posto de traballo

As intervencións dos cargos públicos "no ámbito lingüístico galego", os rótulos ou  os escritos dirixidos a outras administracións quedan tamén baixo unha ordenanza que tamén será lembrada en cada prego de condicións de contratos públicos. Para cumprir todos estes propósitos "todo o persoal ao servizo da Corporación" debe "coñecer" e "estar en condicións de empregar o galego". Por este  motivo, "no procedemento de selección de persoal incluirase unha proba de capacitación para o desenvolvemento en galego do traballo que o persoal vai realizar habitualmente no Concello" da que só quedarían exentas as persoas que "acrediten o coñecemento da lingua galega conforme á normativa vixente".

Así as cousas, de agora en diante Carballo falará máis galego empregando o ademais "unha linguaxe inclusiva, utilizando as fórmulas non sexistas axeitadas que inclúan os dous xéneros" e garantan unha expresión "democrática e inclusiva". O desenvolvemento de todas estas normas correspóndelle, en boa pedida, ao Servizo de Normalización Lingüística, que tamén fica regulado na ordenanza, a unha comisión político-técnica de aplicación da norma e, cando sexa creado, ao Consello Social da Lingua do Concello.

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.