O veto do Supremo aos 'netos' deixa sen dereito a voto a 18.000 inscritos no censo exterior galego

Sobre de votación do 29N e gráfico coa diminución do CERA polas medidas do Supremo, sobre unha imaxe de Bos Aires CC-BY-SA Fotos: Andrea Leopardi / Unsplash e Praza.gal | Montaxe: Praza.gal

O veto do Tribunal Supremo deixa sen dereito a voto a 18.000 persoas galegas inscritas no CERA (Censo de Españois Residentes Ausentes) de cara a este 29N. 

Este é o número aproximado de galegos e galegas que con pasaporte español e residindo fóra do Estado non teñen dereito a votar ao estaren afectados polas medidas cautelares do Tribunal Supremo que, por petición das formacións de extrema dereita Vox e Iustitia Europa, prohibiron votar nas xerais ás persoas que accederon á nacionalidade pola vía de presunción de exilio dos seus familiares, vixente dende 2022. 

Vox tamén reclamou o veto nestes comicios para os fillos e fillas das persoas beneficiadas pola lei de netos, pero neste caso o alto tribunal non concedeu esa segunda medida cautelar.

Así, cos datos definitivos confirmados, o censo do CERA nas catro circunscricións galegos para as eleccións xerais deste 29 de novembro está conformado por 497.883 persoas. No censo pechado antes dos autos do Supremo que atenderon as reclamacións de Vox e Iustitia Europa o CERA galego formábano 516.669. 

Hai 18.876 persoas menos no censo exterior de Galicia pechado agora que no confirmado antes dos autos do Supremo que suspenderon o voto a nacionalizados pola 'lei de netos'

Son, xa que logo, 18.876 persoas menos logo dunha redución do censo que se debe, fundamentalmente, ás consecuencias do auto do Supremo, pero tamén as provocadas tras as reclamacións que se puidesen presentar ante o proceso electoral, que inclúen altas, baixas e modificacións de datos. En todo caso, serían variacións menores en comparanza coa provocada polo veto ás persoas nacionalizadas polo exilio dos seus familiares. 

Aínda así, o case medio millón de persoas inscritas no CERA nas circunscricións galegas é o maior da serie histórica e supón case 26.000 persoas máis que o número de electores para as últimas eleccións xerais de 2023.

O país con maior diminución do censo exterior galego logo das medidas cautelares do Supremo contra a lei de netos é a Arxentina, que perde máis de 7.000 electores, seguido de Cuba (-3.324), o Uruguai (-2.734) e o Brasil (-1.687). Ademais, esta modificación altera mesmo un chisco a orde dos países con maior número de persoas galegas con dereito a voto no estranxeiro. México, que ata agora era o décimo, é superado por pouco polo Reino Unido, ambos países con arredor de 14.000 persoas inscritas. 

A Arxentina é o país onde máis diminúe o censo exterior galego tras a resolución do Supremo: máis de 7.000 electores menos

Aínda así, o case medio millón de persoas inscritas no CERA nas circunscricións galegas é o maior da serie histórica e supón case 26.000 persoas máis que o número de electores para as últimas eleccións xerais de 2023.

Por outra banda, a Xunta Electoral Central ordenou nun acordo deste pasado xoves consignar como "votos non escrutables" os sobres de votación emitidos polos nacionalizados pola chamada lei de netos aos que o Tribunal Supremo mantén suspendido cautelarmente o dereito de sufraxio para o 29N. 

O tribunal especifica que eses sobres de votación, que non poderán ser introducidos en urna, "deberán facerse constar nun anexo da acta" de votación, clasificados "por país e consulado" e que eses datos teñen que enviarse tamén en formato electrónico á Xunta Electoral.

Así o estableceu o organismo arbitral na reunión deste xoves no Congreso e cuxa circular se deu a coñecer este venres, un día despois de que o Supremo confirmase que os beneficiarios desa disposición da Lei de Memoria Democrática que non tivesen acreditado ser descendentes de exiliados españois. 

O tribunal aclarou que a suspensión cautelar deste dereito afecta os nacionalizados inscritos no CERA e tamén aqueles que residen en territorio estatal. 

"Disparate político e xudicial"

Desde o PSdeG e desde a dirección federal do PSOE levan tempo advertindo do "disparate político e xudicial" que supón "prohibir un dereito fundamental" coma o voto "a miles de persoas por primeira vez na historia da democracia española". É, segundo din, "un anticipo do que faría o PP cos recortes de dereitos" se lograse chegar ao Goberno de España tras o 29N, tal e como manifestou a Praza.gal César Mogo, candidato ao Senado por Lugo e secretario do Exterior na executiva socialista. 

En declaracións a Praza.gal Mogo advirte de foi o pasado verán cando "Feijóo empezou coa loiada da fraude" no voto da emigración. "A continuación, pasamos a dous partidos de extrema dereita levándoo aos tribunais e ao PP, aplaudindo" e agora, "a gusto, volvendo falar de fraude nestes días" mentres no seu programa electoral fala de "fortalecer" os requisitos para acceder á nacionalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.