O dogma da austeridade que castiga os bos xestores: Carballo

Casa do Concello © Concello de Carballo

O Concello de Carballo pechará o 2012 co remanente líquido de tesourería máis alto da súa historia, ao redor de 5,6 millóns de euros. Un caso estraño, nun escenario de crise que deixa a meirande parte das administracións locais con elevadas débedas. Porén, as disposicións do Goberno ao abeiro da consigna da austeridade a ultranza -o teito de endebedamento e a lei de equilibrio orzamentario- impiden que o Concello gaste eses cartos en investimentos públicos ou en gasto social. Deben ir destinados a pagar as débedas que Carballo ten cos bancos, que suman 3,6 millóns de euros e polo de agora o Concello non atopou a fenda pola que eludir esta imposición.

As disposicións do Goberno ao abeiro da consigna da austeridade a ultranza impiden que o Concello gaste eses cartos en investimentos públicos ou en gasto social. Deben ir destinados a pagar as débedas que Carballo ten cos bancos

As boas novas chegaron este venres noutra limitación fixada polo Goberno central, que tamén estableceu a regra do gasto, que limita o desembolso que poden facer as Administracións públicas ao 1,7 % do executado o ano anterior. Porén, despois de petar en bastantes portas, parece que Carballo si poderá elevar ese teito de gasto, ao poder ter en conta as obrigas recoñecidas dos tres últimos exercicios. E tamén se poden incorporar obrigas pendentes de execución.

"É unha norma que só beneficia os bancos. Estase lexislando en exclusiva para favorecer os intereses das entidades", denuncia Evencio Ferrero

"É unha norma que só beneficia os bancos. Estase lexislando en exclusiva para favorecer os intereses das entidades", denuncia o alcalde Evencio Ferrero (BNG), que salienta non só o sensentido de "castigar" desta maneira as administracións que xestionaron ben os seus cartos e que non se endebedaron, senón o contraproducente que resulta para o benestar das persoas e mesmo para a recuperación económica: "Concellos que estamos en crecemento, que fixemos un control moi rigoroso do gasto e que non gastamos o que non tiñamos, non temos maneira de encaixar os números. Estásenos penalizando e estase impedindo que creemos riqueza e emprego nas nosas comarcas". Ferrero tamén denuncia o cambio de criterios e o carácter "improvisado" destas medidas, aprobadas o 21 de decembro.

Os 3,6 millóns de euros que Carballo lles adebeda aos bancos son empréstitos cunhas condicións inmellorables: ao 1,2% de interese. "Chegaron a dicirnos por escrito que tiñamos que destinar os cartos a liquidar os créditos que tiñamos e que se necesitabamos máis cartos tiñamos que pedir outro crédito, ainda recoñecendo que as condicións non serian tan favorcecedoras para as arcas municipais", afirma Evencio Ferrero que engade: "Quen che dá hoxe un crédito ao 1,2%? Con que cara lle digo a un cidadán de Carballo que liquidamos un crédito que tiñamos ao 1,2% e seis meses máis tarde volvemos pedir un crédito ao 5%. É un sensentido". E conclúe: "Agora está entrando todo o mundo no soldo dos alcaldes cando hai outras moitas cuestións que afectan moito máis. Nun crédito dun millón de euros catro puntos de diferenza son 40 mil euros por ano, que non é unha parvada".

Casa do Concello © Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.