O Parlamento ratifica o veto a actos reivindicativos nas súas instalacións fixándoo por escrito

Persoas afectadas polas preferentes das caixas protestan no pleno do Parlamento en decembro de 2012 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Nos anos de maior dureza da crise económica aumentaron tamén as protestas na sede do Parlamento de Galicia, tanto fronte ao Pazo do Hórreo como no seu interior. A indignación de persoas afectadas polas preferentes das antigas caixas durante un pleno, por exemplo, irrompeu con forza na opinión pública galega nun tempo no que tamén se fixeron ouvir no lexislativo reivindicacións de sectores como o naval ou o cultural ou protestas de persoas enfermas de Hepatite C que daquela agardaban por un tratamento.

A Presidencia do Parlamento sintetiza nun documento as limitacións para usar espazos do Pazo do Hórreo e concreta a prohibición de imaxes ou vestimentas que afecten ao "decoro" da institución

Estas protestas foran respondidas dende a Presidencia do Parlamento, nos primeiros mandatos de Feijóo dirixida por Pilar Rojo, con restricións á asistencia de cidadanía ás sesións plenarias e mesmo con ameazas de emprender accións legais contra quen non respectase escrupulosamente a normativa parlamentaria. Ás portas dun novo curso político e tamén dun período electoral a Presidencia da Cámara, exercida por Miguel Santalices dende 2016, decidiu ratificar o veto a actos reivindicativos nas súas instalacións fixándoo por escrito nunha norma que non só atinxe a colectivos cidadáns que eventualmente poidan acudir ao Pazo do Hórreo, senón tamén aos grupos da oposición e que mesmo se estende ao "decoro" na vestimenta.

A Presidencia do Parlamento vén de remitir aos grupos un documento de dúas páxinas que, baixo o título Normas de utilización das salas institucionais, espazos e outras dependencias do Parlamento de Galicia, di pretender fixar os "criterios de uso parlamentario e institucional das salas do Parlamento de Galicia". A intención é que queden claros os límites a protestas como as mencionadas, pero tamén as restricións para actos reivindicativos que, dun xeito máis formal, poidan organizar os grupos. Ou, o que é o mesmo, atrancar a celebración de eventos como a comisión "alternativa" na que a oposición convidou a diferentes colectivos afectados polos recortes sanitarios logrando un notable impacto mediático.

O presidente do Parlamento, dirixindo un pleno xunto aos demais membros da Mesa © Parlamento de Galicia

O texto remitido aos grupos, ao que tivo acceso Praza.gal, restrinxe a celebración de actos como a comisión 'alternativa' sobre os recortes sanitarios que organizaron os grupos da oposición

Non en van, os primeiros preceptos do documento, ao que tivo acceso Praza.gal, trazan o que ben podería ser un retrato robot daqueles actos sobre sanidade organizados por toda a oposición, a cuxa celebración en dependencias comúns parlamentarias xa se opuxera a Presidencia. Así, no que será artigo primeiro da nova regulamentación estipúlase que as salas "non asignadas aos grupos", de uso común, "son espazos de utilización exclusivamente parlamentaria e institucional" ás que non poderán acceder "persoas e grupos alleos ao Parlamento".

Neste sentido, abonda, será a Presidencia a que teña que "autorizar as actividades de carácter non institucional que pretendan celebrarse fóra dos grupos parlamentarios" se estes alegan que "non dispoñen do espazo ou recursos adecuados" nas instalacións que xa teñen asignadas. Ademais, abonda, nestes espazos "queda expresamente prohibida a celebración de calquera tipo de actividade que sexa impropia da formalidade e intereses dun poder público ou pretenda suplantar, directa ou indirectamente", as "funcións" do Parlamento. Esa "suplantación" foi, precisamente, unha das acusacións que o PP lanzou á oposición por mor da comisión "alternativa" sobre sanidade.

O segundo apartado deste documento, que adiantou a axencia Europa Press, detalla os grupos o procedemento formal para solicitar e utilizar estas salas. O terceiro, baixo o título "uso das dependencias" apunta ademais as restricións que, mesmo no que atinxe á vestimenta, terán que atender as persoas que poidan ser autorizadas a empregar estas alas.

O presidente "impedirá a presenza de persoas que utilicen prendas de vestir, accesorios, carteis (...) que menoscaben o decoro da Cámara"

Segundo a proposta normativa, sobre a que os grupos da oposición non ocultan a súa incomodidade, os espazos que non sexan de uso exclusivo para cada formación política "non poderán ser utilizados para a colocación de ningún tipo de propaganda, reivindicación, información, carteis, pancartas ou símbolos que poidan identificar unha opción política ou calquera outro elemento" se non son autorizados pola Mesa -actualmente, con maioría absoluta do PP". 

Participantes na comisión "alternativa" sobre sanidade organizada pola oposición, en decembro de 2018 CC-BY-NC-SA BNG

A Presidencia di que non suma limitacións ás existentes; a oposición ve novos atrancos á liberdade de expresión

Ademais, lémbrase a facultade da Presidencia para facer gardar a "orde e o decoro en calquera dependencia" do recinto. Deste xeito, o presidente "impedirá a presenza de persoas que utilicen prendas de vestir, accesorios, carteis, fotografías, pancartas ou calquera outro elemento que poida resultar alusivo a algún deputado, organización, institución ou terceiras persoas ou que, de calquera xeito, menoscabe o decoro da Cámara", conclúe o documento.

A versión oficial

Mentres os grupos da esquerda detectan unha aposta do PP por limitar actos reivindicativos e mesmo actividades dos grupos da oposición -caso de xornadas parlamentarias organizadas polo PSdeG ou do Parlamento Aberto que periodicamente impulsa o BNG-, dende a Presidencia do Parlamento négase tal intención. Así, fontes do órgano reitor da Cámara consultadas por Praza.gal aseguran que a intención é simplemente "poñer por escrito" limitacións xa existentes.

A intención do documento remitido aos grupos, segundo as mesmas fontes, é condensar nun texto regulamentario os "usos e costumes" que xa rexen no lexislativo galego e que, agregan, son menos "restritivos" que noutros parlamentos e desenvolven o Regulamento da Cámara. Ademais, a xuízo da Presidencia, regular este veto a actos reivindicativos nun documento escrito mellorará a "transparencia" a respecto de limitacións que son expresadas verbalmente por Santalices cando, por exemplo, un colectivo convidado ao pleno expresa unha protesta dende a bancada do público. O documento acabou sendo aprobado este luns na Mesa da Cámara só cos votos do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.